
Rosanna López Salgueiro é, aos seus trinta anos, directora xeral de Comunicación Social e Audiovisual da Consellería de Cultura e, á vez, conselleira delegada de Retegal, a rede de telecomunicacións pública da Xunta. Rosanna está licenciada en Ciencias Políticas e Socioloxía, foi profesora de Ciencia Política en Económicas da Universidade de Vigo, traballou como consultora en varias empresas e logo levou o equipo de enquisas sociais e políticas do PP. Aberta e falangueira, antes de comezar pide desculpas por non usar o galego e prégame que a trate de ti. Comezamos, logo.
"Estamos nunha posición estratéxica: a carón de Portugal e ben posicionados para abrirnos a Iberoamérica"

"Un dos nosos proxectos é facer chegar Internet a toda Galicia e que teñan as mesmas posibilidades os de Folgoso do Courel que os de Santiago"
"Fujitsu presenta nunha campaña de márqueting a Autopista Galega da Información como o seu mellor traballo en Europa"
"Dende o Pedroso xa se está a emitir en radio dixital"
|
 |
Vieiros. Moitos saben que Retegal existe, pero moi poucos cal é a súa verdadeira función. ¿Para que se crearon as Redes de Telecomunicacións Galegas?
Rosana L. Salgueiro. Retegal creouse para engrandecer e fortalecer unha rede de radiodifusión que en principio era para darlle soporte á Compañía de Radio Televisión de Galicia. O obxectivo fundamental é, aproveitando esa rede, dar máis servicios, máis cobertura, e facer dela unha rede máis importante e de máis magnitude.
V. Concrete un pouco máis... ¿que actividades desenvolve agora mesmo, por exemplo?
RSL. Agora mesmo está a orientar o seu traballo cara a varios temas. Primeiro, seguir prestando o servicio de soporte a todo o que é a radio e a televisión de Galicia para que poida chegar ao maior número de localidades (agora abranguemos un 95%). Segundo, tamén soportamos a rede "tranking" que lle proporciona servicios a Protección Civil, ao 061, ao 112 e á Garda Civil, a Policía Local... Esta rede ten máis cobertura sobre todo en zonas rurais, cousa importante para, por exemplo, o servicio de extinción de incendios.
Por outra banda, Retegal tamén xestiona todo o que é a Autoestrada Galega da Información (AGI). Esta é quizais a área que máis futuro ten e na que se están a producir grandes cambios. E aí a capacidade de transmisión que ten a AGI é absolutamente impresionante. Antes a súa capacidade era de 155 Megabytes por segundo e agora estamos emigrando a 622 Mg/sg. Un exemplo: a 155 a información que ten a Enciclopedia Británica podíase procesar en 4,7 segundos, e a 622 procésase nun segundo.
V. Os orzamentos da Dirección Xeral de Comunicación Social para o 2000 aumentaron case nun 400% a súa dotación con respecto ao ano pasado (pasou de 145 a 708 millóns). Isto dá moito que falar... corren rumores de que mesmo podería converterse nunha nova operadora. ¿Que opina disto?
RSL. O orzamento de Retegal non medrou espectacularmente. O que medrou este ano foi o audiovisual, que é polo que se apostou moi forte. O ano pasado tiñamos un orzamento aproximado de 300 millóns de pesetas para a partida audiovisual e este ano son 1000 millóns. Retegal non se vai converter nunha operadora porque non naceu coa idea de facerlle competencia a ninguén. Ao contrario, existe esta rede para servir de soporte para distintos operadores que están ou que queren operar en Galicia en base á liberalización do mercado das telecomunicacións. Pero que se vaia converter... non, non é a idea nin a natureza do seu nacemento.
V. ¿Pero podería vender largo de banda a empresas, por exemplo?
RSL. Vender nunca venderiamos nada porque iso é renunciar á nosa parte. O que si, nun momento dado, se poderían alugar infraestructuras nalgúns tramos. A nosa intención é simplemente prestar os servicios que as operadoras requiran para que veñan eles actuar, crear emprego e a proporcionarnos ese "know how" que teñen esas empresas ao servicio de todos os galegos.
V. ¿Cales son os plans de Retegal para o futuro inmediato?
RSL. O que queremos é, agora mesmo, consolidarnos como empresa (porque levamos un ano e medio), afianzar os servicios que estamos a dar, completalos e, por suposto, dixitalizar a nosa rede, sobre todo de cara á radio e á televisión dixital porque, á parte de que hai que ir en parello ás esixencias do mercado e aos servicios que piden os usuarios, esíxeo a lei. Dende o Pedroso xa se está a emitir en radio dixital, por exemplo.
V. Galicia ten as infraestructuras máis modernas do Estado en telecomunicacións, pero aínda así o noso desenvolvemento tecnolóxico é moi baixo, tanto no ámbito empresarial como na propia sociedade. ¿Que opina disto?
RSL. Eu creo que iso non é así e estase a ver cada vez máis. Hai empresas importantes en Galicia dentro do mundo das telecomunicacións como Cesatel ou Intelsis... Precisamente o outro día saía nun xornal unha entrevista co director xeral de Intelsis, José Manuel Soto, onde dicía que se ve o interese das grandes multinacionais en vir a investir en Galicia porque aquí se está a mover algo. Exactamente o mesmo que ocorre no audiovisual, cos filmes e as produccións que temos. Cada vez máis as pemes están participando de todos estes avances. Sen ir máis lonxe, hai uns días asinouse un acordo entre a CEG, Caixa Galicia e a Xunta para desenvolver o comercio electrónico.
V. Pero en canto ao número de usuarios conectados a Internet, estamos á cola do Estado e de Europa...
RSL. Pois eu creo que cada vez se está a conectar máis xente...
V. Pero os datos cantan...
RSL. Si, pero eu creo que isto está cambiando aínda que, loxicamente, a orografía do terreo en Galicia non axuda a que se poida acceder dende todos os puntos. Non obstante, un dos nosos proxectos é facer chegar Internet a toda Galicia e que teñan as mesmas posibilidades os señores que viven en Folgoso do Courel que os que viven en Santiago.
V. ¿Para que serve a tan cacarexada Autoestrada Galega da Información se o cidadán galego de a pé non se beneficia dela?
RSL. O cidadán de a pé poderase beneficiar dela segundo vaia pasando tempo. E xa se poden beneficiar, o que pasa é que nun principio empezouse polos campus universitarios, os centros de investigación, e completarase este ano a través das distingas aulas multimedia que, á súa vez, se instalarán en cada un dos campus, nas cabeceiras de comarca, para que haxa nexos de unión e ir agrandando a AGI. Sen ir máis lonxe, a empresa que no seu día experimentou coa AGI en colaboración coa Xunta, Fujitsu, está a desenvolver unha campaña de márqueting e publicidade e elixiu uns cantos proxectos "insignia" da firma Fujitsu no mundo. En América foi seleccionado un observatorio de Hawaii deseñado por eles, en Xapón unha ponte que une dúas illas de 4 quilómetros onde eles levan o control de tráfico, e en Europa escolleron a AGI. E eu creo que iso é importante, sobre todo polos esforzos que se están a facer dende o goberno galego. Outra labor importante que achega a AGI son os servicios de telemedicina: conexións de hospitais con centros de saúde.
V. ¿Como ve o panorama para as "telecos" en Galicia nos vindeiros anos?
RSL. Eu véxoo moi ben. Porque ademais estamos nunha posición estratéxica, a carón de Portugal e ben posicionados para abrirnos a Iberoamérica. É un proxecto ambicioso, pero cando está en xogo o benestar dos cidadáns e dos galegos que están fóra... hai que facer o esforzo.
V. Dígame como ve Galicia dentro de vinte anos, en pleno apoxeo da chamada "sociedade da información".
RSL. Vexo unha Galicia totalmente comunicada, na que non existan diferencias grandes entre as persoas que viven na cidade e no rural. E vexo un grande potencial na industria, as empresas están moi ben preparadas. Tanto a nivel comunicacións coma de contidos, aquí en Galicia estanse a mover moitas cousas e temos moito potencial. Sobre todo dende o punto de vista da formación: facultades e escolas técnicas e superiores de enxeñería... están a saír moi bos profesionais.
V. Pero esa xente marcha...
RSL. ...pero están voltando e iso é grato. Eu tamén tiven que marchar e pero logo volvín (e coma min, moitos). E iso quere dicir que as cousas están cambiando para ben.
V. Identifique empresas e persoas clave na comunicación en Galicia.
RSL. Empresas clave son todas as que están a funcionar hoxe en día. Non che podería dicir, e non por quedar mal, e todas as empresas teñen o seu lugar e a súa importancia, aínda as máis pequenas que veñen de crearse. Recoñecer todo iso e aunar esforzos é o que nos vai permitir despegar cara a modernidade.
R.Castro Tarrío |
|
|
|