31/Marzo/2008 /
Dende o compromiso dunha organización ecoloxista que levamos anos insistindo en que os nosos ríos e o conxunto de Galiza xa teñen pagado impactos dabondo pola xeneración de enerxía eléctrica; dende o compromiso dunha asociación ecoloxista que, xa dende a súa mesma fundación, non tén reparado en esforzos e recursos para impedir, en colaboración con todos os veciños da comarca e concello de Navia, a construcción do Gran Suarna primeiro e do Peñamil e o Suarna despois, temos que declararnos enormemente satisfeitos por esta declaración do Governo Galego: para nós trátase dun acto de xustiza, antes de nada, con todos os veciños e veciñas (moitos xa falecidos) que, xa dende o mesmo 22 de Xullo do 1.939, e sobre todo a partir do 1.963, en que se inician as obras e as expropiacións para o encoro do Gran Suarna, foron quen de manterense firmes na loita contra deste proxecto megalómano que no seu día mesmo pretendía asulagar a mesma vila da Póvoa de Navia coa súa ponte romana, o seu castelo medieval, e, con estes, toda a riqueza económica e os recursos naturais máis valiosos da comarca. Esta constancia na loita, esa decidida vontade de sobrevivir, capaz incluso de conquistar a vontade das institucións franquistas (como a Hermandad de Labradores e o concello de Navia que xa no seu día se manifestaron contra do proxecto do anos 63), ben merecía que o seu esforzo viñera a ser recoñecido. E dende ADEGA entendemos que esta declaración do governo galego en contra deste novo proxecto de Hidroeléctrica del Cantábrico e Electra del Viesgo, aínda que indirectamente, é un recoñecemento ao esforzo de todos e todas os que, dende o seu traballo ou dende as institucións, lograron paralizar (primeiro no 1.963 e logo, continuadamente, no 1967, no 1974-1975, no 1985 ou no 1.993) este proxecto de encoro.
20/Xullo/2007 /
ADEGA sempre expresou, dende que se coñececeu o proxecto desta infraestrutura, a súa postura radicalmente contraria a súa construcción por insustentábel e insolidaria. O proxecto naceu xa cun feixe de irregularidades e ilegalidades, agravadas pola actitude prepotente do daquela conselleiro, Sr. Cuíña. A realidade dos últimos anos veunos dar a razón: o encoro é unha fonte inesgotábel de problemas: Enchentas, algas tóxicas... DEMOLICIÓN XA!
12/Xullo/2007 /
Este verán escuro para o medioambiente galego, no que a "legalización" inxustificábel da canteira de A Campa no Courel , a aprobación no Consello de Goberno do Plano Acuícola e a autorización da masacre de pombiños na Illa da Toxa marcan unha nefasta deriva nas políticas ambientais do goberno bipartito ven de sumar unha nova desfeita ao ronsel: A Xunta autoriza a ampliación do aproveitamento hidroeléctrico de Novo Castrelo desprezando as alegacións presentadas e certifica a agonía do río Xallas.