Nº12 Xuño 2010
Contacto
Acórdate a próxima vez que vaias a unha tenda e che dean unha bolsa de plástico: é un obxecto moi contaminante. Primeiro, polo seu proceso de elaboración e, segundo, polos problemas ambientais que causa unha vez que te desfagas dela. E, lamentablemente, cada un de nós usa centos delas todos os meses. Calcúlase que arredor de 500 millóns de bolsas de plástico pasan polas nosas mans cada ano só en Galicia! Seguro que podemos facer algo entre todos para virar a situación, non si?
O problema coas bolsas de plástico comeza polo propio proceso de fabricación. Dous compostos derivados do petróleo, o polietileno ou o polipropileno, son os que acotío se usan para a súa elaboración. Isto significa que facer as bolsas plásticas implica un alto consumo de enerxía e a liberación á atmosfera de elevadas cantidades de CO2 (aproximadamente catro gramos de CO2 por cada bolsa), agravando así o efecto invernadoiro e intervindo no cambio climático.
Nos últimos anos o peso das bolsas reduciuse até un 75%, de xeito que a súa propia febleza dificulta a reutilización como bolsas do lixo de uso doméstico. Seguro que viches a miúdo bolsas levadas polo vento en rúas, campos e bosques. O seguinte chanzo do problema: dado que tardan moito tempo (tardan séculos!) en desintegrarse, mentres, van depositando na terra e na auga os elementos contaminantes empregados na súa fabricación.
Especialmente grave é a súa presencia nos ríos ou no mar. Tartarugas, focas ou baleas son algunhas das especies comunmente afectadas e calcúlase que arredor de 100 mil animais mariños morren cada ano por este motivo. Nuns casos porque as inxiren confundíndoas con alimento e noutros porque, acumuladas nos fondos mariños, impiden o crecemento das algas que lles serven de sustento.

...o almidón de pataca ou a celulosa son exemplo de materiais a partir dos cales xa se están elaborando bolsas biodegradables que poden descompoñerse en apenas catro meses. O novo plan estatal de residuos ten como obxectivo que en 2015 cando menos o 70% das bolsas plásticas sexan substituídas por bolsas deste tipo, é dicir, que permitan a súa reciclaxe