Edición xestionada por Nova Escola Galega

Nº23 Febreiro 2008
Contacto

A zanfona


" A xente ve unha manivela e uns dedos, pero non entende o mecanismo. A zanfona gusta, mesmo antes de tocala". Son palabras de Óscar Fernández, profesor de zanfona no Conservatorio de Música Tradicional de Lalín. A zanfona é un instrumento de orixe medieval, que está a experimentar nos últimos anos unha importante evolución en Galicia. No misterio que encerra esta caixa con cordas está parte da clave do seu rexurdimento.

 

Dentro da zanfona resoan dez séculos de historia da música occidental. A orixe deste instrumento remóntase á Idade Media. Despois de gozar dunha época de esplendor entre trobadores e xograres nos séculos XII, XIII e XIII, a zanfona cae case en desuso, asociada só a cegos ambulantes, que malamente poderían tocar medianamente afinados, polo que pasou a ser un instrumento marxinal dentro da cultura popular. Pero, por outro lado, grazas a estes cegos mendicantes, puideron chegar algúns instrumentos aos nosos días, da man do gaiteiro e farmacéutico pontevedrés Perfecto Feijoo e, sobre todo, do avogado lugués Faustino Santalices, que fixo un loable traballo de investigación e recuperación.


Outro personaxe clave na recuperación da zanfona foi o construtor Antón Corral, aprendiz de Santalices no Taller-Escola de Instrumentos Galegos de Lugo, e que continuaría o seu labor na Universidade Popular de Vigo. Tamén foron importantes os poucos músicos que tocaban a zanfona nos anos 80, como Antón Seoane de Milladoiro ou Mini de Fuxan os Ventos. Eles mantiveron acesa a chama que nos anos 90 se avivaría con novos intérpretes e novos construtores.

Hoxe en día, novos músicos galegos intentan explorar as múltiples posibilidades do instrumento, creando novo repertorio e outros xeitos de interpretar. Desde hai uns anos, pódese aprender a tocar a zanfona tanto na Universidade Popular de Vigo, con Anxo Pintos, como no Conservatorio de Música Tradicional e Folk de Lalín, con Óscar Fernández.

 

En Galicia tócanse fundamentalmente dous tipos de zanfona: o modelo inspirado nas zanfonas tradicionais da Península e o modelo inspirado nas zanfonas contemporáneas (evolucións dos modelos tradicionais coas que se pretende ampliar as posibilidades do instrumento).


Aparte de diferenzas na morfoloxía, o máis destacable dos modelos contemporáneos é o uso do "can". ou "mosca", un bordón rítmico que lle aporta outra sonoridade ao instrumento. Hai músicos que se decantan por utilizar este modelo contemporáneo e outros que prefiren o tradicional.

Se queres estudar co modelo tradicional terás que ir á Universidade Popular. Se prefires aprender a técnica do "can", o mellor é que te matricules no Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín.


 

  • ... no 1994 naceu a Asociación Ibérica da Zanfona. Este colectivo empezou a organizar cursos de construción e interpretación e acudiu a Francia na busca de profesores. Deste xeito apareceu en España a corrente da zanfona contemporánea, instrumento moderno desenvolvido a partir do modelo tradicional francés.

  • ... o primeiro antecedente da zanfona data de finais do século X d.C. Chámase organistrum. A zanfona é unha versión "de viaxe", adaptada á vida itinerante dos xograres e trobadores.




  • ... a primeira gravaciónen Galicia de zanfona faina Perfecto Feijoo no disco de Aires D´a Terra de 1904. O primeiro disco só de zanfona que aparece en España é o de Faustino Santalices no 1929.

  • ... en todo o resto de España non dan chegado á cifra de zanfonistas que hai en Galicia.

 

-Preguntas máis frecuentes sobre a zanfona (afinación, coidados, como funciona, prezos...)

-Partes dunha zanfona

-Percorrido sonoro

-Entrevista a Germán Díaz (zanfonista)

-"O diaño e a mona", traballo de Xurxo Romaní coa zanfona

-Zona da zanfona, blog sobre o instrumento

QUEN SON OS AUTORES DESTE TRABALLO

Pablo Bernárdez Mato é mestre. Tamén é alumno da materia "Deseño e avaliación de materiais didácticos", que imparte Jesús Rodríguez en Pedagoxía na USC