Crónicas desde a India
O lector ou a lectora que se achegue a estas Crónicas desde a India de María Reimóndez apreciará que están escritas desde o pouso que se xera na experencia re-vivida, desde o esforzo persoal por revisar criticamente os prexuízos e as categorías que nos impiden non só observar o mundo tal como é, senón participar activamente na creación doutro estado de cousas posíbel. Esa nova mirada permítelle a María transmitirnos a súa experiencia desde unha profunda subxectividade. Vieiros ofrece por xunto todas as súas colaboración neste libro dixital nacido dunha solidariedade trenzada na rede. |
María Reimóndez Meilán naceu en Lugo en 1975 e é tradutora e intérprete de profesión. O seu primeiro libro publicado é Moda Galega (Edicións Positivas, 2002) e no ano 2003 recibiu o premio de novela Mulleres Progresistas de Vigo polo obra O Caderno de Bitácora (Edicións Positivas, 2004). Ademais é fundadora e presidenta da organización non gobernamental de cooperación ao desenvolvemento Implicad@s no Desenvolvemento, que leva traballando desde o ano 1998 en proxectos de desenvolvemento integral cun claro compromiso pola superación da discriminación de xénero como base do desenvolvemento perdurábel na India e Etiopía. |
||||||||||