Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xabier Pérez Igrexas

25 de xullo: "Verba movent, exempla trahunt"

11:00 25/07/2007

Recentemente o portavoz nacional do BNG e primeiro Vicepresidente nacionalista do Governo Galego na historia, Anxo Quintana, co gallo da celebración do Día da Patria Galega, publicaba no semanario A Nosa Terra un interesante artigo no que facía constar as súas reflexións encol da situación do país e do nacionalismo.

Porén, o máis destacábel dese artigo, foi a proclamación enfática dun convite á cidadanía galega a sumarse ao proxecto nacionalista, que como indicaba o autor para ser útil ten que ter per se vocación hexemónica. Un convite baseado na formulación do BNG como unha forza política plural, unha grande casa aberta a todo aquel que pense en chave de país, a quen poña os intereses de Galiza por diante, sen ficar hipotecado a estratexias foráneas.

Cada vez que alguén evidencia doses de heterodoxia ou pragmatismo, aparece o temor e as máis variadas suspicacias, daqueles que teñen medo infundado á perda das esencias.

Un lider sen seguidores é un tipo de paseo. Un proxecto político transformador, como é o nacionalismo na Galiza do século XXI, sen unha maioría social e electoral que o respalde, é un absurdo completamente inútil. Non hai revolución sen povo.

O BNG cumpre este ano o seu 25 aniversario, e situase nunha encrucillada vital en termos organizativos e políticos. Fica perante unha disxuntiva, cecais a máis relevante da súa historia.

Hai que decidir entre dous vieiros ben distintos: escoller entre o maximalismo ideoloxista do TODO ou NADA ou apostar sen dúbidas e sen medo ás contradiccións que poidan xerarse por converter ao nacionalismo nun movemento maioritario, senón hexemónico. Hai que optar ou pola reivindicación pouco útil do mero patalexo opositor, ou asumir as nosas responsabilidades como forza de governo. Podemos ser outro reducto "puro" e ortodoxo, semánticamente radical, desde a marxinalidade electoral, e polo tanto desde a incapacidade de cambiar nada, ou avanzar sen medo na dimensión de forza social que fai país.

O coordenador executivo do BNG na clausura da última Asemblea Nacional de Galiza Nova, afirmaba taxativamente que o único nacionalismo que existe, existe no seo do Bloque Nacionalista Galego, non porque non haxa outras persoas ou colectivos que reclamen esa definición para sí, senón porque só o BNG mete as mans na lama para transformar de maneira práctica e concreta a realidade do noso país.

Mentras ao BNG se lle acusaba de autonomista por parte dalgunhas formacións independentistas, o Bloque conseguía situar a cuestión nacional no centro do debate político e social, coa proposta de Estatuto de Nación, cun documento concreto que superaba substancialmente en termos de competencias o reclamado nas bases constitucionais elaboradas polo UPG-PSG ao remate da década dos setenta.

O Bloque Nacionalista Galego tense demostrado, pola súa acción, no verdadeiro aparello de estado da nación galega. Para mostra un botón: Galiza existiu no pasado Debate de Política Xeral celebrado no Congreso dos Deputados, porque aí estivo Francisco Rodríguez, e Olaia Fernández Davila, dandolle voz firme ás necesidades do noso país, perante o silencio inmoral dos deputados galegos das forzas estatais.

Se o vindeiro ano o Governo Español inclúe nos Orzamentos Xerais do Estado unha aposta en termos de investimento definitivamente maior para o noso país que en exercicios anteriores, será resultado do inxente traballo do BNG, pola súa capacidade negociadora.

Ten razón o Vicepresidente cando sinala que nunca o BNG tivo unha implantación territorial como a que ten hoxe após uns comicios municipais que dotaron ao Bloque dunha representación institucional nunca antes coñecida.

É certo que en termos cuantitativos provoca certa preocupación os lixeiros retrocesos sufridos nas diferentes convocatorias electorais, e que esa preocupación debe traducirse en operar se cabe con maior enerxía en todos os níveis para sumar máis galegas e galegos, pero non debe ser óbice para recoñecermos que inda con esa lixeira perda o nacionalismo galego ten hoxe unha maior capacidade de transformación da realidade. Pois hoxe son máis as concelleiras e concelleiros nacionalistas, son máis os governos municipais nacionalistas, son máis as alcaldesas e alcaldes do BNG. Porque por primeira vez na historia Galiza ten un governo con presenza do nacionalismo.

Esa maior representación institucional supón dunha banda unha oportunidade capital para demostrarlle á cidadanía, desde os feitos, que signfica en termos de benestar e de mellora da calidade de vida o proxecto político nacionalista, empregando as institucións como ferramentas, como medios, non coma unha fin. Pero tamén é unha seria responsabilidade a de estarmos á altura do mandato do noso povo, e é a esa tarefa á que lle debemos adicar todos os nosos esforzos.

Un antigo aforismo latino de orixe romana afirma "Verba movent, exempla trahunt". As verbas conmoven, os exemplos arrastran.

O BNG, co seu traballo social e institucional, fai patria "día a día, esforzo a esforzo" como dicía o noso Manuel María, e faino coa forza dos feitos, non só con palabras.

3.75/5 (16 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Pérez Igrexas

Xabier Pérez Igrexas (Vigo, 07/08/1984) é ex-secretario xeral dos Comités Abertos de Estudantes e foi Responsábel Nacional de Ensino Meio da Dirección Nacional de Galiza Nova (organización xuvenil do BNG). Foi membro do Consello Escolar de Galiza e representou aos CAE no Consello da Xuventude de Galiza. Pertenceu ao Consello Local e Comarcal do BNG de Vigo. »



Anteriores...