Vieiros

Vieiros de meu Perfil


X. Antón L. Dobao

Cousas pequenas

17:24 25/10/2007

En tempos de grandiosidade, é mellor arredarse do sentido común e falar das cousas pequenas. Porque as grandes regúlaas a lei da gravidade.

Por exemplo, a bandeira de España —a que lle tira o sono a Rajoy, ao PP, á Igrexa Católica, aos medios de comunicación e á dereita golpista— é a mesma coa que Franco e o fascismo amortallaron en 1936 a lexitimidade democrática republicana. E o himno, ese la-la-la-la ao que non se atreven a lle restituír a vibrante letra do falanxista Pemán. E así por diante. Símbolo tras símbolo. España. Eu comprendo que todos se sintan orgullosos da súa bandeira, do seu himno, dos seus símbolos e mais da historia que acarrexan. Desde Mariano Rajoy a Monseñor Rouco Varela, ou Cañizares, ou os beatificadores, sempre a Santa Madre Igrexa, constituída non tanto sobre a Pedra que Cristo lle sinalou a Pedro como sobre o lume purificador en que ardeu Giordano Bruno. O orgullo é libre. Permítasenos aos outros non partillarmos esa vibrante sensación patriótica.

As cousas grandes son para os homes graves. Para nosoutros, as pequenas. A literatura, por exemplo. A literatura en minúscula. Esa arte tan vella coma o asombro do ser humano ante si, a súa continxencia, a súa soidade, a desaparición, a necesidade de socialización. A literatura sempre enfrontada ao sentido común. A que non coñece máis patria ca a única de verdade: a da lingua. A literatura. Esa cousa pequena atacada aí atrás por unha polémica ficticia que os medios de produción simbólica españois argallaron co adaxo da delegación enviada polas institucións catalás á Feira do Libro de Frankfurt. A literatura atacada co obxectivo de a converteren nun símbolo sometido á lei da gravidade. Porque a lei do mercado tamén é grave. Coma en tantas outras ocasións, dúas cousas moi pequenas, a literatura e mais unha lingua minorizada, no punto de mira dos graves creadores de opinión —fixémonos na profundidade totalitaria do título: creadores de opinión. Dúas cousas pequenas enfrontadas ao campo mediático e ao sentido común por conta das cousas grandes e verdadeiras e simbólicas. Como tal, a Literatura, con maiúscula, que como todos estes graves opinantes saben ha de ser lida e escrita na Lingua Grande e Grave de verdade. O demais é sempre afronta.

O discurso politicamente correcto finxe admitir, e enriquecerse con ela, a variedade cultural e lingüística nunha España plural (puro oxímoro). A realidade é que España e a súa cultura só se entenden como centro dun sistema de satélites que xiran ao seu redor, que non poden sobrevivir sen a forza da gravidade que os atrae e os move en órbitas inalterables. Mais os penedos periféricos teiman en percorrer órbitas descoñecidas, sen dependencia, azorrados ao principio de incerteza que rexe as cousas pequenas. E vai e dá a casualidade de que estas pequenas nacións subalternas posúen a súa lingua, pequena, e ao redor dela como identificación principal van articulándose historicamente os campos literarios propios. Non fará falla lembrar como se desenvolve un campo literario.
Os graves defensores dos símbolos e das cousas grandes acoden ao campo literario para sancionar as desviacións dos satélites que teiman en ser planetas. Porque o inaceptable para eles non é que existan literaturas e linguas periféricas, o inaceptable é que as literaturas teimen en facer o seu camiño e os falantes en usar as súas linguas en todos os actos comunicativos. O sentido común do réxime impugna con rabia a evidencia: as literaturas das nacións subalternas non son nin queren ser rexións folclóricas da Gran Literatura, a española, escrita na Lingua Grande. Dóelles que non esteamos á altura dos textos de Gabriel y Galán ou dos Álvarez Quintero. A súa pluralidade é circense: o espectáculo das pintorescas curiosidades folclóricas.

Xogamos noutros terreos

É o autor quen decide xogar nun campo literario ou noutro. A elección resultante desa decisión nada ten que ver nin coa cidadanía nin cos dereitos derivados dela. Camilo José Cela é un escritor galego, sen dúbida, ou un galego escritor, que é o mesmo. Pero a súa obra non pertence á literatura galega. Fai parte, importante, da literatura española. Juan Marsé ou Félix de Azúa son autores da literatura española e ocupan nela a posición que van podendo. É absurdo que se sintan ofendidos por non representaren un sistema literario ao que nunca desexaron pertencer. Se estes autores —e outros— se indignan coa delegación catalá en Frankfurt, ou ben desexan facer parte do barullo simbólico español, ou ben consideran que a literatura catalá ten que ser subsidiaria da española. Algo, sinceramente, impropio de escritores. Como parece impropio opoñerlle a este barullo simbólico que a literatura española non considere como propios os escritores periféricos, porque non deixa de ser tamén un argumento de dependencia con diferenzas no avío. Os escritores en lingua galega, vasca ou catalá nada temos que ver coa literatura española. Xogamos noutros terreos, noutros campos literarios. Non aspiramos a que a literatura española nos leve de viaxe. E non por odio ou por desprezo ou por falta de respecto, iso nunca; simplemente por mor da independencia do noso campo literario.

Outro asunto ben diferente sería reclamar para todos os escritores e escritoras idéntico trato das administracións autonómicas. Efectivamente, non é discutible que todos os cidadáns temos dereito ao mesmo trato. Ora ben, iso non demostra a presunta inxustiza dos apoios e subvencións en diferentes modalidades ao exercicio da literatura en linguas minorizadas, porque ese é o obxectivo real, e non o fomento da actividade literaria en si. As diferentes modalidades de axudas circulan por vieiros estritamente lingüísticos. Por iso as institucións culturais de Cataluña envían a Frankfurt escritores e escritoras do campo literario catalán e non doutros, independentemente desa casualidade esencialista que é o lugar de nacemento. Por esa razón, como o obxectivo da política cultural das institucións galegas ha de ser o desenvolvemento do campo literario galego, ou sexa, da literatura escrita en galego, as axudas terán que apoiar a produción literaria en galego e non noutra lingua, sexa o castelán, sexa o portugués, sexa outra calquera.
Algúns chámanlle discriminación positiva. Eu prefiro consideralo un pequeno e só simbólico acto de restitución cultural.

3,92/5 (38 votos)



X. Antón L. Dobao naceu en Lugo o 16 de xullo de 1963. Licenciado en Filoloxía Galega, é escritor e filólogo. Desde 1986 é Asesor Lingüista da TVG. Na actualidade tamén é director e guionista de ficción na TVG. Desenvolve como tal o proxecto Un Mundo de Historias, consistente en xerar produtos audiovisuais de ficción baseados en adaptacións de obras do sistema literario galego. »



Anteriores...