Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xesús Fraga

A bendita intranscendencia do pop

11:23 16/05/2008

«Eu pretendín, coas miñas cancións, loitar para que desapareza a imaxe de menosprezo da miña lingua. Quero demostrar que non é un idioma só para os humildes e, asemade, que a xente humilde vexa que coa lingua que fala se poden cantar cousas ledas e de hoxe». Quen así se expresaba non era un abandeirado da canción protesta nin un compositor tradicional, senón un músico pop: Andrés do Barro reivindicou un lugar para o galego na música popular. Nos tocadiscos dos guateques, na radio do adolescente solitario, nos coches dos namorados. Na vida cotiá. A normalidade, en definitiva.

Engádelle máis valor que expresara as súas arelas en 1971, tempos nos que o galego se vía confinado ao couto do folclorismo, que el rachou co fito d’O tren. Se este tema é un clásico non é por unha cuestión lingüística, malia o seu uso rompedor e visionario da lingua, senón polas calidades propias do xénero: melodía, ritmo, sensibilidade pop. Por paradoxal que pareza, o éxito do galego semella radicar en non atribuírlle máis importancia cós demais elementos que entran en xogo na creación artística.

Nun década dominada polos cantautores folk, o exemplo de Do Barro tería que agardar máis de dez anos para prender un relevo. Os Resentidos abordaron o xénero dende outra perspectiva, a dos artistas pop que converteron elementos da cultura de consumo en iconas, visión que aplicaron a unha sociedade en cambio: a Galicia autonómica que vivía unha transformación urbana na que, segundo o caso, o substrato rural era un lastre incómodo ou unha raiceira necesaria. Os Resentidos captaron o seu zeitgeist, pero, igual que O tren, se Fai un sol de carallo chegou a himno xeracional non só se debeu á súa audaz mestura de gaita e sintetizador, senón tamén á súa perfección pop, a que cimentou e espallou o seu éxito: alí onde os referentes galegos se perdían na tradución, estaba o pop. Como Do Barro, foron unha luz inspiradora, pero solitaria.

Outro decenio transcorrería ata o seguinte chanzo: o bravú, un movemento heteroxéneo encabezado polos Diplomáticos de Monte Alto, que asentou a primeira xeración como tal do pop galego, mais de vida curta. O bravú acusou a crecente fragmentación do público, a competencia do novo folk, pero, aínda máis, o limitado atractivo musical das súas propostas, agás contadas excepcións.

E coma se dun ciclo decenal se tratase, o pop galego atópase agora inmerso noutra revolución de grupos que empregan o galego, quizais por primeira vez, como algo tan natural como os seus gustos musicais, realmente variados: o pop potente de The Homens, a electrónica de Fanny+Alexarder e Projecto Mourente, a fusión de Lamatumbá, o hip hop de Dios Ke Te Crew, a excentricidade de Ataque Escampe... A implantación de Internet forneceunos de ferramentas para ampliar as súas influencias e difundir as súas cancións. A estes grupos nótaselles lixeiros por non ter que cargar coa responsabilidade de facer país ou salvar o idioma, algo ao que, por paradoxal que pareza, están a facer: desde esa normalidade á que aspiraba Do Barro, a quen esta fornada rende homenaxe no disco colectivo Manifesto Dobarrista. Grupos que non queren que os etiqueten pola súa opción lingüística, senón que queren gozar da mesma liberdade para o idioma que para as guitarras, mesmo se se trata de cantar un Sha-la-la-la que o público corea porque sabe a letra das súas cancións favoritas, sen prexuízos lingüísticos. É pop, é en galego, e gústame. A bendita intranscendencia do pop está a dicir moito polo idioma.

*1.º premio do IV Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo 2008

3.43/5 (37 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xesús Fraga (Londres, 1971) reside na Coruña e é redactor de La Voz de Galicia e locutor de Radio Voz desde 1996 e tamén colaborador do programa da TVG Libro Aberto. Como escritor ten publicados tres libros de recoñecido éxito, que son Tute para catro (Xerais, 2000), A-Z (Xerais, 2003) e Solimán (Xerais, 2004). Tamén publicou a tradución a galego de Arthur e George, de Jullian Barnes. »