Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Kiko Novoa

Carta dun trífido esquizoide

11:26 16/05/2008

Pimplar, sova, rullar. Aprender un idioma converteuse nun duro trauma. Como é posible asimilar novos conceptos, novas palabras, nun cabezolo, aínda que sexa grande coma o meu, cando as neuronas están amarradas a dous portos, dous? Pimplar, sova, rullar. Saín de Galicia con medo. Medo a non ser quen de amasar sons viquingos. Eu xa sabía que aprender en galego e castelán ao tempo ocasiona graves traumas pedagóxicos.

Advertíranmo na Galicia bífida. Pimplar, sova, rullar. A cousa viña negra. Coñecía o caso daquel leonés que viñera parar a Lugo, por cousas do funcionariado, que é o que ten, e encontrouse co indómito látego da lingua. Queixábase con razón. Para un de tan lonxe comprender o galego é case peor que a morte. E se coñecer dúas lerias en galego requiría tamaño esforzo, incisivo desgaste miolar, desfeitas bipolares sen volta atrás, como sería posible que eu, que non fora quen de descifrar o funcionamento dun chisqueiro porque traía as instrucións en inglés, asumira un novo rol lingüístico e me introducira no sueco? Sueco. Xa a palabra soa a vida marciana. Pimplar, sova, rullar. Poño a radio e o locutor anuncia unha entrevista co futbolista portugués Jorge Andrade. Con iota de jirafa, de jarabe e de ghato que miaña. Disque o locutor tentou adaptar a lingua a algo parecido aos inicios de Schumacher, Schuster e Sheridan, pero con ese mínimo intento a cousa tornouse grave e chegoulle a atrofia do gusto. E sen gusto non hai lingua. Tamén existe o desgusto pola lingua. Pimplar, sova, rullar. O idioma é cousa seria. Hai que andar amodo e non interferir. Dous idiomas. Falalos. Comprendelos. Cultivalos. Hai algo peor que o bilingüismo harmónico: o bifidismo dialéctico. E o trifidismo xa ten que ser o demo. Por iso cheguei con medo a Suecia. Con eses precedentes, non hai quen ature dous días. Ou tres, un por idioma. E se isto pasa cun adulto, o que non pasará cun cativo. Hai maior desgaste para un pícaro que acariñar un coello pudendo acariciar un conejo con iota de jirafa, de jarabe e de ghato que miaña? Dislexias máis grandes non pode habelas. Ben, hainas, pero non no mundo dos nenos. A dislexia dos adultos é moito peor. E ademais, incurable. Entre coello e conejo hai un mundo. Como se dirá este becho en sueco? Pimplar, sover, rullar. E o sueco. O sueco.

E cheguei a Suecia. E deille grazas ao galego. E decateime que, sen sabelo, levaba toda a vida aprendendo sueco e galego a un tempo. Hai quen o nega e odia o sueco. Non tiña idea de que os galegos fósemos trilingües. Trífidos.

(Aos tres días de chegar a Suecia souben que pimplar en sueco significa pimplar en galego, que sova en sueco é o mesmo que durmir en galego e que rullar en sueco vén sendo rular en galego. E chorei de emoción).

*2.º premio do IV Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo 2008

4.41/5 (34 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Kiko Novoa

Kiko Novoa (Culleredo, 1973) reside en Perillo (Oleiros). Na actualidade é xornalista de Radio Voz Bergantiños e anteriormente foi correspondente de La Voz de Galicia e RNE en Escandinavia. Tamén foi locutor da Radio Galega e redactor xefe do xornal Deporte Campeón. »