Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Carlos Callón

“Unha iniciativa fundamental”

09:30 23/06/2008

Esta sexta feira pasada lembrarase nos anais da historia da nosa cultura. Tras ano e medio de arduo traballo e xenerosas dotacións orzamentarias, a Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) presentou as primeiras conclusións do seu Observatorio da Situación da Lingua Galega, encargado de realizar inquéritos e grupos de discusión para analizar o que o seu propio nome indica.

O estudo achega novidades de grandísimo relevo, nas que nunca ninguén reparara anteriormente, como a presenza marxinal da lingua do país nos medios de comunicación, na Axencia Tributaria, nas forzas de seguranza do Estado, na administración de xustiza… É comprensíbel que a SXPL non puidese actuar até o de agora en ningún destes campos, porque esta información era fatalmente ignorada. Por fortuna, xa se anunciou que este proxecto permanecerá no tempo e axiña teremos máis estatísticas fresquiñas. Os sociolingüistas do futuro agradecerán estes valiosos detalles sobre como se van apagando as constantes vitais dun idioma. Unha “radiografía sistemática”, como dixo a titular da SXPL, que financia a observación e, cautelosa, segue as indicacións do presidente da Xunta para que non se lle leven menciñas ao doente.

O estudo é totalmente rigoroso e imparcial, como o demostra que a empresa a quen llo encargou a SXPL nin tan sequera ten opción de galego no seu web, no cal por certo está pendurada a páxina deste agardado Observatorio. Non caiamos, porén, na crítica fácil: xa no propio estudo indican que o uso deste idioma nos webs empresariais é máis ben tirando a anecdótico.

Mais non todo é ver o vaso medio baleiro. Nesta investigación conclúese tamén que o ensino non universitario ten un “índice de normalización lingüística” do 88% e o universitario do 72%. Mágoa que esas cifras non coincidan cos datos dos propios centros, que se non a festa sería rachada. A Universidade da Coruña, por exemplo, expuxo este curso que só o 8,9% do seu profesorado ministra as aulas en galego. Xa sei que 63 puntos porcentuais arriba ou abaixo tampouco mudan moito a cousa, mais chamo a atención sobre o tema porque todo ten unha explicación metodolóxica fascinante. Resulta que o estudo da SXPL sobre a situación do galego no ensino pasa por alto unha variábel: a lingua en que se dan as clases. Mais non quero con isto facer unha crítica destrutiva, pois como é sabido non é esa a principal actividade nin función de escolas, institutos e facultades, que ocupan o seu horario noutros asuntos.

O estudo segue co alento optimista en moitos outros ámbitos, como a avaliación da propia Xunta e da administración local, que conseguen un 78% neste “índice de normalización lingüística”. Seguro que en ambos os casos é froito do incansábel e sempre pouco recoñecido labor da SXPL. Sinalan tamén que a atención oral do funcionariado nestas dúas administracións é case sempre en galego, un dato a verdade bastante superfluo, pois xa é algo que todo o mundo sabe e pode observar cando ten que facer calquera xestión.

Perante tan magnífico traballo e plausíbel acción política para a extensión social do galego, eu só quero pedirvos dúas cousas. A primeira, que non confundades o Observatorio da Situación da Lingua Galega co Observatorio de Dereitos Lingüísticos; a segunda, que non vos riades, porque o conto é triste.

4.23/5 (44 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Carlos Manuel Callón Torres naceu en Ribeira en 1978. Licenciado en Filoloxías Galega e Portuguesa pola USC. Autor de varios traballos sobre sociolingüística e estudos literarios. Foi concelleiro na súa vila natal e membro do Consello Asesor de RTVE-G. Ocupou diversas responsabilidades na Mesa pola Normalización Lingüística, organización que preside desde 2002. »