Vieiros

Vieiros de meu Perfil


César Caramés

A gheada: os acordes prohibidos

14:47 02/03/2007

Para alguén de fóra, un estranxeiro que coñecese a lingua da Galiza só de escoitala na cotidianidade, no día a día, na fala común dos seus utentes e que aliás soubese da extensión territorial das súas variedades por percorrer o país intensivamente, abofé que lle habían rechamar as diferenzas na pronuncia do que el coñecería como galego verbo da modalidade prestixiada presente nos medios de comunicación, nas aulas, e en todo canto acto público se empregar o noso idioma. Se cadra unha das máis evidentes había ser a ausencia no galego "culto" desa aspiración do "g" tan semellante ao "h" do inglés que puido escoitar de Cervo a Fisterra, de Tui a Riós, e que mesmo sentiu en Pedrafita, no Rinlo de Ribadeu e até nos Ancares non administrativamente galegos. Unha pergunta lóxica deste viaxeiro interesado pola lingua de certo que había ser pola razón de ese galego culto escoller neste caso a forma xeograficamente minoritaria e concordante co español como padrón fonético.

É realmente interesante que a aspiración dunha consoante dea xerado fobias tan grandes como xera a gheada. A fricativización e a desaparición das oclusivas sonoras latinas (B,D,G) é transcendental para explicarmos a evolución das linguas romances. Pola mesma, a fricativización, o relaxamento e mais a desaparición do –d- (< T) intervocálico son chave para entendermos por exemplo as formas verbais cos –ais,- eis,--is do español, do portugués e dalgunhas falas galegas (falais, faceis, partís). Para alén disto, no español este fenómeno presenta unha extensión serodia e afecta dialectalemente aos perdíos, pringaos e cantaores que decote escoitamos nos medios españois e que algúns xa queren arremedar no noso país. Do mesmo xeito a fricativización, a aspiración e a desaparición do –g- intervocálico é a única maneira de explicarmos as formas "faer"(
Non sendo logo algo inexplicábel na evolución do noso idioma, cal é a razón do rexeitamento desde os mesmos comezos da nosa reivindicación lingüística deste fenómeno maioritario no galego? Se cadra a causa atopámola aí mesmo, nas orixes do noso standard oral moderno, limpa de eufemismos e elaboracións cientifoides. "Las geadas son un defecto de la gente idiota" dinos Marcial Valladares para completar máis adiante: "lo mismo que el decir berse, Visente, sentro, siudá, etc., por berce, Vicente, centro y ciudá" Mais a quen se refere o gramático como modelo defectuoso de lingua? quen somos os idiotas? "en honor de la verdad esto sólo acontece entre individuos de la ínfima escala, como por ejemplo pescadores, verduleras, palanquines, etc." Este preconceito de clase que na práctica sitúa a pronuncia coincidente co español como culta face á marioritaria no país, a das clases populares da meirande parte do territorio, percorre unha sobranceira xeira de autores até hoxe en día. Así e todo, malia a constante do rexeitamento feroz e clasista, os argumentos para o mesmo van variando co devalar do tempo e abeirandose progresivamente ao socairo da linguaxe académica. Deste xeito Cotarelo Valledor sinala acusador que "...tan grosero hábito sólo se usa entre el vulgo"; Couceiro Freijomil ataca tamén a gheada que considera unha "pronunciación defectuosa...intolerables en lenguaje culto" e Carré Alvarellos afirma que é un castelanismo xa que non existe en portugués polo que hai que eliminar de vez "ese sonido extraño y desapacible, signo de rusticidad e incultura" contraposto ao modelo que cadra co español "correcta, dulce, eufónica, elegante". Carré coida tamén que é na incapacidade para aprender da xente do rural galego canda a falla de preparación dos mestres das escolas de aldea onde cómpre procurarmos o nacemento de "esa horrible contaminación castellana de origen africano".

Mais é en J.L. Pensado onde atopan os detractores actuais do fenómeno os alicerces para continuar a rexeitar do standard oral a aspiración do /g/. Pensado argumenta que a gheada xorde polo tremendo peso do español que provocou que os galegofalantes ao tentaren empregar a lingua imposta ou ao inseriren no galego palabras dela o fixeran nun principio con gueada (paisague por paisaje, guirar por girar, etc...) e que isto xerou chacotas a esgalla. Este escarnio da gueada en español é a causa segundo este autor de que, por ultracorrección, os galegofalantes adoptasen o son /x/ e o estendesen a todos os casos tamén no español ("el paisaje es muy ajradable") cun desprezo profundo polo /g/ que, nunha terceira fase pasaría ao galego e cáseque o eliminaría da lingua agás nas áreas menos castelanizadas: "... la /X/ castellana, primeramente sustituida por /G/, como consecuencia de esa sustitución, al terminar siendo aprendida por los gallego-hablantes, arrastra consigo toda /G/ gallega, haciéndola pasar a /X/ en todos los contextos, en el habla de los grupos sociales más incultos." Quer dicir, o son /h/ (ghato) da gheada galega, diferente do /x/ (jabón) español, comeza a xeneralizarse na nosa lingua en pleno século XVI pola necesidade que tiñan os galegos menos españolizados desa época, as clases populares de ámbito rural, a inmensa e ágrafa maioría da poboación, de falaren español. Coa mesma, esta "contaminación" daríase na área seica máis castelanizada: a zona Occidental de Galiza onde se mantén o "seseo" e onde se producen, nesa mesma época, mudanzas diverxentes coas formas da lingua imposta ("ti dis que el di" / "tu dices que el dice" etc...). Destarte o /x/ español (paisaje, girar, jabón) non arromba curiosamente a fricativa palatal xorda do galego (paisaxe, xirar, xabón) coa que se podería facer analoxía pola semellanza entre dúas linguas románicas mais ao /g/ e aínda camuflada como un son diferente: /h/. É chamativo tamén que o noxo polo /g/, que disque aparece nas áreas de gheada por mor das iniciais burlas á gueada, consinta na maior parte destas falas a existencia de /g/ após nasal interior de palabra e até a súa transformación en /k/ (ghato e aghora pero ninguén ou ninquén).

En fin, canda os que confunden "a dureza para deixarse asimilar" coa "dureza para asimilar" como dicía Castelao están os que malia concordar con que a gheada non é un castelanismo aceitan a súa exclusión do standard oral culto por tradición, a mesma tradición que xebra este norma escrita que estou a empregar da lusofonía e que a fai depender do español co apoio de todas as institucións que axen no noso país. Aínda uns últimos, engaiolados polas abstraccións dos xogos metalingüísticos, condenan a aspiración do /g/ por nos afastar da pronuncia lisboeta coa mesma euforia coa que abenzoarían o retroceso do betacismo no Norte de Portugal ou africación do /t/ no Brasil (ou non?).

Ao cabo, dicir "ghato" ou "sinco" segue a ser rústico, vulgar, desagradábel e pailán face a "gato" e "cinco", como en español, que é correcto, fino, elegante e propio de xente educada.

*Nota de Vieiros: Por un erro na primeira edición deste texto non aparecía a representación dos fonemas.

4,35/5 (17 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



César Caramés

Naceu en San Martiño de Laxe (Moraña) en 1978. »



Anteriores...