Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Carlos Neira Suárez

A planta de gas, unha fraude

09:32 05/06/2007

A manifestación do domingo pareceu descorrer un súpeto problema que solprende a demasiada xente, en particular a medios de comunicación agora de ollos abertos coma se acabaran de chegar; e non tal: é un asunto antigo, movido, e dabondo craro e dilucidado coma pra poder asegurar eu con pleno convencemento que ningún dos axentes implicados, a calquera nível, pode hoxe alegar inocencia ou descoñecemento.

Eu, disconforme con todas as alegacións favorables a ese proxecto no meio da ría de Ferrol, teño que estalo tamen coa insuficiencia dos resumes que as partes opositoras ---ou a opinión publicada—veñen en dar, por varias razóns.

Como moi ben defendeu en principio Xaime Bello, Alcalde de Ferrol daquela, a planificación aceptabel pra os dirixentes locais apoiabase no trinomio porto exterior-pranta de gas-depuradora, que era indispensabel pra recuperar o grande tesouro natural e produtivo que a ría significa.  Quén pode casar a ubicación desta industria dentro dun lóxico plano de futuro da cidade e o seu entorno?   

Ise, o dereito a planificar o futuro por parte dos cidadáns é o que primeiro foi violentado polos promotores da pranta e os seus pánfilos ou malintencionados defensores.  O lóxico plano que defendeu a Corporación local de Ferrol ata hai pouco tempo, foi tamen a posición da organización comarcal do BNG, pesia as posicións de localismo municipal de Mugardos e sectorial de As Pontes.  Ata que, con desafíos continuos, con incumprimentos flagrantes das decisións colectivas, e finalmente coa desautorización inaudita das posicións dos antigos dirixentes locais ao respeito, o BNG ficou aliñado directa e insensatamente ao lado do proxecto Reganosa, contra a xente e contra o futuro.

E aí está, en periplo vicioso e hipócrita, o argumento máis actual a favor da pranta en Mugardos: agora que xa está, qué lle imos facer, hai que deixala.

Romperon o modelo de Ferrol e a sua ría, promoveron e adxudicaron porque sí, un polígono industrial privado e imprevisto no medio das vivendas do sur da ría. Encheron 100.000 m2 de mar ¡¡menos mar, é a consigna¡¡.   Meteron nela un tráfico indesexábel e innecesario.  Aportarán variacións sequera térmicas a unha boa cantidade de millóns de m3 de auga cada día.   Collerón para atrás cando todo o mundo colle para diante: as industrias nos polígonos e as máis pesadas lonxe dos núcleos urbáns  (Barcelona, Sagunto, Valencia, Xixón….a propria Coruña)  Todo para encher os petos dun advenedizo no sector enérxetico, que, logrado o negocio,  xa non é a referencia da empresa Reganosa.

Antigalegos
E todo porque –din--, Galiza precisa desa enerxía, pondo aos opositores no rol de insensatos antigalegos, coma se non houbera alternativa, crara, concreta, indiscutible.

E ante iso, preséntase a Ferrol coma conflictivo –mira ti¡¡--, càrgase contra a parte mais feble, recoñécese unha ubicación errónea, descóbrense insuficiencias empresariais de non doada resolución, e reacciónase con prepotencia e indignación hipócrita.   Unha situación particular que sabe o demo como terá de satisfeitos aos que usaron o poder en sentido contrario a aquél pra o que foron escollidos.

E o BNG, mira, a percorrer o deserto da derrota electoral en Ferrol,  nen conserva a alcaldía de As Pontes, fica resentido para moito tempo, e todo iso a cambio dun concelleiro mais en Mugardos. E, por se non fose isto ben entendido, os grandes abucheos para os dirixentes responsabeis ao ser nomeados na praza de Armas.

Pra colmo, o castigo –merecido--, non é equitativo.  Non hai pitadas para Irisarri, con responsabilidades da xestación do proxecto da pranta.  O PSOE navega na contradicción, con partidarios e detractores formando parte das corporacións electas, mentras o BNG ten fóra aos máis firmes opositores á pranta..  E PSOE, e mesmo EU, tampouco non pagan as suas posturas sobre a continuidade de ASTANO como construtor de barcos.

Eu nesa manifestación non puiden sentir satisfacción por ver abucheados aos que nos combatiron no seo do BNG, sería mísero o pequeno e serodio trunfo, pero lembrei a enteireza, a coerencia e a honestidade das persoas que dende o Concello de Ferrol tiveron a posición desexabel e democrática, e que acabaron fora: Lastra, Sabio, Cuétara, que sei eu que farán todo o posibel  pra restituirlle a Ferrol o que é da cidade e das suas xentes.

Ao igual que pasa con ENCE en Pontevedra, os fillos, os netos, ou os inmediatos dirixentes serán quen de tirar da ría ese emporio caprichoso e inexplicabel. A Comisión Cidadán e a resposta das xentes de Ferrol así o mostran.

4.22/5 (50 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Neira

Naceu na bisbarra de Ferrol en 1950. Foi un membro destacado do comité de Astano nos primeiros anos 80. Militou no PSG-EG e chegou a ser concelleiro en Fene por Unidade Galega. Na actualidade dedícase ao mundo da empresa. »



Anteriores...