Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Iria Aboi

A Universidade, Galega?

14:27 18/06/2007

Esta semana recibín no meu domicilio como afiliada da Mesa pola Normalización Lingüística, a publicación galega sobre lingua e sociedade Longa Lingua. Teño que confesar que cando a abrín tiven a necesidade de determe e ler con calma cada un dos artigos que contiña e “repasar” o número pasado ao que non lle prestara bastante atención. Un dos temas dos que se fala nestes números é da situación do galego no ensino a raíz do novo decreto para a normalización do idioma no ensino non universitario.

Para moitos que defendemos a plena galeguización do ensino, aínda que insuficiente valoramos este decreto como un avanzo, no urxente e necesario proceso de galeguización do ensino, sobre todo tendo en conta o histórico papel españolizador do mesmo e as súas consecuencias na mocidade. Mais cumpre tamén botarmos unha ollada á situación do ensino universitario onde o galego non goza de mellor saúde e si de importantes perigos.

En primeiro lugar, o Sistema Universitario Galego (SUG) está a vivir importantes transformacións a consecuencia da adaptación ao Espacio Europeo de Educación Superior (EEES): nova concepción dos créditos ECTS, modificación da estructura das titulacións universitarias (graos/posgraos), cambios no mapa de títulos...Mais esta reforma que esta a vivir a universidade galega de cambio e mesmo indefinición nalgunhas cuestións, aínda que moitos a bendizan, agocha un aumento da privatización, homoxenización e españolización. Cuestións estas últimas que teñen moita incidencia no ensino dunha nación colonizada como a nosa onde o sistema universitario non está ao servicio dos nosos intereses colectivos á hora de formar as e os futuros titulados e de cumprir o papel activo no conxunto da sociedade.

Dereitos dos galegofalantes
Así, o SUG vive unha profunda desgaleguización non só no referido a idioma se non tamén a contidos, que se agravará con esta reforma na que non existe ningunha referencia ás culturas e linguas da UE cunha situación como a nosa e na que non existiu ningunha participación política de Galiza para a definición e planificación das necesidades do noso ensino, malia a ter competencias en materia de educación. A nivel lingüístico a situación do SUG é moi negativa. Na actualidade poucas son as iniciativas efectivas que melloran o número de horas lectivas impartidas no noso idioma, proxectos de investigación ou fin de carreira, teses doutorais... Os plans de Normalización Lingüística son incumpridos sen ningún tipo de seguimento que se traduza nunha mellora da situación e son raquíticos os investimentos nos servicios de Normalización Lingüística síntoma do pouco peso específico desta problemática na política universitaria. Moitas titulacións da Universidade Galega adoecen dunha falla de materiais didácticos específicos en galego (manuais ou mesmo diccionarios terminolóxicos) e mesmo o profesorado, en moitos casos, carece das mínimas competencias lingüísticas para garantir un ensino digno en galego. Malia que a nivel formal existen certos recoñecementos non teñen consecuencias prácticas nin axudan a respectar os dereitos democráticos dos galegofalantes que seguen sendo flagrantemente vulnerados. E todo isto tendo en conta que aínda estamos no “proceso de adaptación” ao ensino superior europeo.

Normalmente dise que as comparacións son odiosas pero ás veces son necesarias. Se comparamos a normativa relativa ao galego no ensino non universitario e universitario concluiremos que é cada vez máis necesario que exista un marco normativo que obrigue ás tres universidades galegas a ter un compromiso normalizador que incida na posición do idioma para que sexa a lingua vehicular do ensino. Unha mellora na situación lexislativa que posibilite unha aumento de recursos, a formación do profesorado e a avaliación e seguimento dos obxectivos marcados dende os poderes públicos. É por iso que precisamos que a universidade asuma un papel normalizador que axude a promover consciencia activa na defensa do idioma e que non fique reducida ou dependa da vontade individual de profesorado e estudantado que nin tan sequera teñen garantías para exercela. Reverter a situación e que o Proceso de Boloña non desgaleguice aínda máis a Universidade Galega. Por iso precisamos continuar o camiño andado e a presión social como se fixo coa situación do ensino non universitario para lograr avances concretos. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a Dirección Xeral de Política Lingüística e as equipas reitorais deberan “tomar nota” e atender a situación da Universidade para que sexa vangarda do pais, como ás veces se di, tamén a nivel lingüístico e para que as demandas dos que queremos vivir nun pais normalizado se cumpran. Agardemos que así sexa.

3,36/5 (80 votos)



Iria Aboi

Iria Aboi Ferradás naceu en Marín en 1982. Licenciada en filoloxía Inglesa pola USC, cursa agora estudos de filoloxía galega. É Secretaria Xeral de Galiza Nova. »