Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Marcos Seixo

(Con)Tradición na lírica galega actual

10:14 18/11/2009

Como músico tradicional quixera reflexionar sobre un tema de grande actualidade no noso gremio mais que non parece suscitar grande interese, ao menos a nivel mediático. Refírome ao emprego abusivo, e cada vez máis xeneralizado, da lingua de España como expresión da nosa lírica nos grupos de raíz.

Obsérvase quizais un exceso de prudencia ao tratar esta cuestión. Unha prudencia que supoño que non estará motivada por un tema tan de actualidade como o da “imposición del gallego”, mais que semella producir unha total inhibición á hora de facer calquera tipo de valoración que puidera dar lugar a un debate controvertido, e que, como consecuencia, fica relegado ao terreo da mera discusión de taberna.

Aló polos anos setenta, aos intérpretes que formaban parte de Voces Ceibes ou da Nova Canción Galega nen sequera se lles pasaba pola cabeza a idea de incorporar ao seu repertorio letras en español, pois o emprego exclusivo do idioma do noso país constituía un aceno -sen dúbida o máis importante- da súa reivindicación nacional frente ao centralismo españolista. Unicamente podíamos topar estrofas en castrapo con carácter satírico por exemplo no deseño da arquetípica figura do señorito ridículo ou do galego desleigado. Do que se trataba era de construír país, asentar unha lingua que estaba completamente desprestixiada e denunciar a situación opresiva que estaban padecendo as clases populares, cuxo vehículo natural de expresión era o galego.

Na actualidade son moitos os grupos de música tradicional que empregan a lingua cervantina sen o menor pudor en boa parte das súas pezas, quizais considerando que xa nos podemos permitir este luxo, partindo da base de que o galego xa é unha lingua asentada e normalizada en todos os ámbitos. Que conste que embora utilice un ton un pouco retranqueiro non estou de acordo en absoluto cunha explicación demasiado frívola e cargada de xenreira que teño escoitado nalgunha ocasión: “é que as nosas pandereteiras se pirran por cantar en castelán”.

Non creo de ningunha maneira que se trate diso. Coido que, aínda que errado e inxenuo, é plenamente sincero o argumento que empregan estes grupos (de pandereteiras ou doutro tipo) que aluden a motivacións exclusivamente de base arqueolóxica.
A pouco que afondemos na nosa lírica popular certamente achamos testemuñas vivas e documentais que cotexan a presenza do castellano en pezas que se cantaban de vello nas nosas ruadas. E precisamente o feito de examinar o noso cancioneiro de xeito aséptico e acrítico deu lugar na actualidade ao erro da inclusión de letras en español no repertorio de multitude de agrupacións de música tradicional.

Moitas destas pezas foron incorporadas historicamente á nosa lírica a través das canles trazadas pola emigración retornada das Américas ou das tempadas de sega no hostil territorio castellano. En ocasións só se trata dunha simple emulación das manifestacións étnicas dun pobo que, ao tempo que nos humillaba, foinos creando un sentimento de inferioridade que mesmo chegou a callar nunha actitude servil que hoxe debemos rexeitar categoricamente. Se verdadeiramente o que queremos é que non se perda ese infame legado lírico, penso que o mellor é deixalo no terreno do rexistro escrito e audiovisual, ou mesmo traducilo ao galego para a súa interpretación. Pois se o que pretendemos é cinguirnos a un absurdo realismo nas nosas manifestacións artísticas, a nosa literatura (especialmente a novela e o teatro) tería que reproducir a diglosia e dar cabida tamén ao español, especialmente en ambientacións urbanas. Mais este é un tema que afortunadamente xa se superou hai arredor dun século.

Quizais peque dun excesivo puritanismo, mais paréceme preocupante ver como na actualidade esta incursión idiomática xa foi máis alá da interpretación escénica e aparece, de xeito imprescindíbel e con total normalidade, en todas as esmorgas de ambiente nacionalista, con acompañamento de gaita e tamboril, e cunhas letras en español, asumidas como propias, das que poden ser exemplo a que emprega o popular refrán: “Ajua que no has de beber dejalá”, ou aquela que dí: “Ay corazón/ me lastima tu latir/ corazón por que te empeñas/ en hacerme sufrir”.

4,95/5 (22 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Marcos Seixo

Marcos Seixo Pastor é profesor de lingua e literatura galegas. Na faceta de escritor cómpre destacar como autor das primeiras biografías de Blanco Torres e Xoán Xesús González, a edición dalgunhas das súas obras, así como distintos traballos sobre a represión franquista.  É membro da Asociación Cultural O Meigallo de Cuntis e coodenador da revista cultural A Taboada. »



Anteriores...