Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Alejandro Tobar

Carta dun mozo galegofalante a María Seoane

12:40 19/03/2010

(analfabeta funcional en lingua galega)

O analfabetismo funcional, baixo-letramento ou semi-analfabetismo é utilizado para designar a condiçao de pessoas ou grupos que sabem ler e escrever no sentido de identificar e desenhar palavras no papel, mas não sabem, também, interpretar um enunciado e expressars-se na sua própria língua (...)

O Analfabetismo Funcional. Da Cruz, Ana. Belo Horizonte: UFMG, 2004.

María Seoane,

Seica por unha banda es a deputada máis nova do parlamento galego e pola outra a responsábel das Novas Xeracións do teu partido, o Partido Popular de Galicia. Parabéns, supoño. Non obstante, despois deste pasado 16 de marzo, cando en Xornal de Galicia saíu publicado un meco artigo de opinión da túa autoría, quero que saibas que para min non tes ningún tipo de autoridade. Amais, a non ser que ande eu enganado, tendo en conta que pouco máis ou menos somos da mesma anada —ti algo máis vella, eu con algo máis de mundo (non che me vou andar con humildades, María, prefiro dirixirme a ti con franqueza; aquí requilorios os xustos, que o tema é serio)—, creo que o máis lóxico é que nos atuemos, por máis que non nos coñezamos e que o interese dun polo outro sexa mínimo, eu diría que inexistente.

 Pero vaiamos ao gran, María, pois, visto o teu grao de coñecemento da lingua propia de Galiza, imaxino que che debe custar ferro e fariña interpretar isto que en galego che digo, e tampouco non é a miña intención que perdas o sono por esta carta aberta ao estilo das do Xabier P. DoCampo, que é un señor que fala galego e escribe en galego, e goza de prestixio, que cousas, verdade!? —vasme permitir unha recomendación: lelle a última carta que vai dirixida ao novo espantallo do teu grupo parlamentar, o señor Anxo Lorenzo; non che vai gustar, pero malo será que non che aprenda algo tamén a ti—. Ben, vaiamos ao gran, que ando aos biosbardos e non me dou centrado:

 Escribiches: «Hoxe, a miña curmá, logo de tres anos de educación infantil en galego non sabía como referirse a illote en castelán (...) A partir do novo decreto plurilingüe saberemos que “illote” é “isla”». Olliño, María! Atende e toma nota: mentres que en castelán falamos de 'isla', en galego facémolo de 'illa', endexamais de 'illote', que é 'islote'. Sentidiño! Traizóache a ignorancia, o seres analfabeta funcional en galego. E, por suposto, o desa túa curmá é unha nova falacia que propagas sen o menor rubor no enésimo intento de crear confusión na sociedade galega. Mentes. Mentes descaradamente, e sábelo tan ben coma min. Se temos que crer esa historia da túa curmá, daquela tamén quero eu facer uso da miña liberdade para que me creades cando digo que no 86 notei como o apalpador chantaba a súa man gordecha no meu ventre, e non unha senón vinte e cinco veces! En conclusión: esta historia, como tantas outras que facedes circular miserabelmente dende o teu grupo, é unha ruín falsidade.

  Mais acouga, pois non entrarei a valorar as túas carencias cognitivas ao respecto da historia do meu país —o teu, corríxeme se me equivoco, é outro—, e pasarei por alto esas barbaridades que dis verbo da inmersión, do Estatuto de Autonomía e non sei cantas outras lerias hipócritas que deforman a realidade dunha maneira malsá. Iso si, para rematar fágoche un recordatorio: se queres falar, ler ou escribir en galego tan ben como todos os galegofalantes falamos, lemos e escribimos en castelán, xa sabes que abonda con que te poñas e en contacto con calquera de nós, e dá por seguro que axuda desinteresada non che ha faltar.

 En fin, María, menos política-ficción e máis realidade, porque representas, en parte, a nova xeira de políticos. Por favor, non nos volvas insultar a quen si cultivamos a nosa lingua propia entrementres que non corrixas ese analfabetismo funcional que lastras e que de ningunha maneira é admisíbel nun deputado. Nin sequera nun do Partido Popular.

 Atentamente,
Alejandro Tobar

4,99/5 (68 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Alejandro Tobar Salazar, nado en Lugo en 1983, reside na actualidade en Copenhaguen, Dinamarca. En 2008, a editorial Tristram publicoulle a que é até o de agora a súa única novela: Cremalleiras. Tamén ten no seu haber diferentes premios literarios. »



Anteriores...