Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Diego E. Barros

No eterno retorno

12:00 02/05/2010

Non vivín a santificada Transición. Non votei a sacrosanta Constitución. Vivo nun Estado cun Rei que nunca foi sancionado nas urnas polos seus supostos súbditos. Non me valen pretextos tipo o monarca viña de serie ao votar a Carta Magna. É coma cando de cativo, o Raúl encabuxábase no patio do colexio: ou gol ou marcho co balón que para iso é meu. Un sempre quere xogar. Da Guerra Civil, sei o que vin nas películas, lin nos libros, escoitei na casa e, unha vez e de pasada, me ensinaron na escola. Poñela ao final do libro era toda unha declaración de intencións.

A Transición foi algo a salvar políticamente —a esquerda tragou con case todo para que a dereita aceptara a súa doma—, xa que facelo éticamente era algo impensábel. Caldo, e non máis, era o que había. E é o que hai. Non asumir responsabilidades converteuse en patrimonio do país como a tortilla de patacas. Así quedou certificado no chamado perdón mutuo. Da Constitución non hai queixa máis aló de non entender por que algúns, desde as trincheiras, empéñanse en revestila dun veo inviolable e un espírito de infalibilidade casi papal. Vade retro, xa que logo, a calquera apaño para os tempos que corren. Os norteamericanos, constitucionalistas teimudos como son, teñen perdida a conta das veces que enmendaron o texto fundacional desde que fora redactado en Filadelfia en 1787 como semente do novo país. Nós, que fixemos do ti vai facendo unha arte, levantamos a casa polo tellado —que pregunten en Barreiros—, e redactamos leis que sancionamos popularmente para logo mirar se caben ou non na Constitución. Ti vai facendo. Despois xa virá o sindios.

O Rei… bon, está aí, campechano. Como ao can de palleiro. Só lle falta falar.

E está a Guerra. Coma todas as guerras nas que intervén deus, a española foi cruel e longa. Tanto que acabou convertida nunha grande ferida que, despois de setenta anos, trinta en democracia, segue a supurar un pus que está a anegar canto recuncho institucional hai no Estado.

Non son xurista. Descoñezo se a escopeta de Garzón, afeccionado de máis á caza maior baixo foco, estaba trabucada. Pode que non no fin, pero a estas alturas ningún fin xustifica xa os medios. Acontece que os que saen ás rúas na defensa do cazador esquecen que este deixiou a caza a medio facer. A culpa non foi súa, nin sequera desa Lei da Amnistía, culpable, case por enteiro de sacar á rúa a todos os antifascistas, cando de verdade había antifascistas. A culpa é máis ben dunha Lei da Memoria feita pola esquerda que, coma case todo o que fai esta esquerda de telexornal, quedou a medias. Os folletos electorais do PSOE non precisan de regulamento. Os que tratan de recuperar o que queda dos mortos, si. Acabaramos.

A esquerda que agora sae unida na defensa do cazador cazado é a descendente da que perdeu a Guerra. Comparten dor e tamén culpa, porque andaba moi ocupada en matarse a si mesma hai setenta anos. Total os de Paco non ían pasar de África. É demasiado tarde para gañar a Guerra e seguir a reescribila é darlle xogo a Moas e Vidales. E máis botando merda sobre unhas institucións que, imperfectas, son as que son. Do contrario, xa podemos ir apagando o candil María chus, chus.

Non perdín a Guerra e abofé que non vou gañala agora. Non vivín a Transición e abofé que nin gañas teño. Non votei a Constitución pero non me importaría. Do Rei, xa se sabe… é simpático. Gustariame votalo, nun xesto de labiais intercambiabeis.

E estou até as puntas. De estatutos, garzones e varelas, rajoys e zapateros e máis dos pancarteiros de rúa e mocrófono. Gustaríame un país normal onde o pasado non fora eterno retorno. E, sobor de todo, unha esquerda normal. Sen caer na trampa da dereita, facéndolle crer, despois de setenta anos, que é posible gañar unha guerra que se perdeu antes mesmo de comezar. Sen estar condenada a debatir sobre o sexo dos anxos, como se a dereita non tivera aquí tamén unha vantaxe insalvable. Namentres, paseniño, chegará o día de regresarmos ás rúas a lambernos o bico, todos tan contentos de térmonos coñecido. Daquela, como agora coa Guerra, xa non haberá remedio.

4,71/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Diego Espiña Barros (Forcarei, 1979) é xornalista. É licenciado en Filoloxía pola USC e en Xornalismo pola Carlos III de Madrid e ten un master en Estudos Culturais hispánicos pola Western Michigan University. Tras o paso por varios medios galegos agora só escribe que, nos tempos que corren, non é pouco. »



Anteriores...