Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xosé Vázquez Pintor

Willy

09:42 16/07/2007

Dicir de urxencia que estás (in memoriam) na VIII Forxa Literaria da Solaina de Piloño, en descuberta de Música, Palabra e un “alto relevo” para a lembranza: Antonio Taboada Ferradás.

Pasou unha semana e xa sentabas na cadeira de aquí dediante. Antón López, o amigo mago universal que aínda temos por orgullo, fixo un aceno coas maus no aire e descubrimos que eras ti o pillabán que axexa, o punteirolo que arrebola as nubes da tristura, os ollos azuis que recachan a noite cando hai o setestrelo. Era a tarde máxica da aldea, no lugar das Paxariñas, na patria do Ferreiro, na República da vida. David Otero, Paco Penas e Antonio Costas recollían o recebemento que os acredita de Amigos Sabedeiros desta Casa das Labranzas, das Formas e Colores. Caldeaban dous novos libros da Fervenza no pendello e Pepe d´As Cruces, o “practicante astrónomo” que soñara unha garita para ver a Galaxia, vestía traxe e chapeu noviños, zapatos de cocrodilo e unha neta luminosa, ao xeito dos días e das horas máis felices. Había xente das Artes e das Letras, e sempre nenas/nenos, coma unha riqueza que nos fai soñar no progreso pra que remate de vez a marulada.

Desde a última carta pasaron cousas. No eido libertario, que é o noso, resistimos na intemperie, xa sabes, o territorio que nos vai mellor; nel medramos na abundancia das palabras e dos feitos e aborrecemos os dogmas coma sempre e os seus intermediarios da rutina. Fronte ao tedio estamos. Van saíndo os soños das gabetas. No teu caso cohabitas Lalín  nunha “rotonda de tráfico” en peza identitaria da túa nombradía. Parei alí para falarmos e apupábanme os señoritos de carnet para os carricoches máis mantidos e veloces: “¡aquí non se para, papaostias!”Coidei que estabas neste sitio para a conversa demorada e a nosa admiración. Non é o teu espazo. Aínda non saben que ti gostas dos recantos e das simas, onde se coce a semprevida. Dixérache naquela última que andaba no lerio dunha ensoñación narrativa. Compría moita sorte para que alguén reparase na voz da revoltada que alí hai. Nalgunha páxina andas ti tamén sen nome e solidario, coa música da lira, contra o designio. Heicha mandar en dixital, e outrosí en libro armado de carballo e buxo. E axiña disme dos teus éxitos  nese territorio das estimas onde haberá máis tempo pra un cara a cara vagaroso, e os sorrisos e un aquel dun bico e novas voces a sentir e fornecer. Se alguén pregunta entrégalles o meu enderezo, que en nada mudou. E ti canta, e palabrea, arma de proveito e luces as ponlas e os toros das árbores co aquel da motoserra máis sabida, noso múltiple xograr.

Déixote por hoxe para que outras sintonías poidan falar tamén desde o cíber da Solaina: a cabina do pendello, Atenas pequeniña das múltiplas aldeas de Galiza, que é un sol.

Non deixes de mandar de cando en vez un bocadiño dese pan das abellas e das musas, se é que hai. O teu amigo sempre.

5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xosé Vázquez

Xosé Vázquez Pintor naceu en Melide no ano 1946. É Licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación e a súa obra abrangue a poesía, a narrativa, o teatro e o ensaio. »



Anteriores...