Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Craig Patterson

Cara unha vía galega de camiñada

09:30 04/08/2007

Aproveitando o escaso e efémero verán escocés, fun camiñando polas inmellorábeis highlands a mediados de xullo. Segundo o tempo e a visibilidade, variamos cada día entre a rota Highland Highway, que sobe por riba das das montañas máis impresionantes das illas británicas, e a rota West Highland Way, camiño que se apega máis ó chan sen tanto montañismo. Durante a semana que nos levou camiñar dende Drymen, ó sur do lago Lomond, ata Fort William, vila agochada na sombra do Ben Nevis, fun matinando nas rotas galegas de camiñada co claro referente do camiño de Santiago, e as posibilidades turísticas, económicas e de difusión que poderían ofrecerlle a Galiza.

Que eu saiba, fóra as arterías do Camiño non existe unha rota feita e ben promocionada que percorra o territorio galego do xeisto pragmático destas que existen mar por medio. Botémoslles unha breve ollada. A West Highland Way foi a primeira rota escocesa de longa distancia, concibida nos anos 60 e rematada en 1980. Percorre uns 152 quilómetros dende os arrabaldos da maior cidade escocesa (Glasgow) ata Fort William, pasando pola montaña máis alta do país e polas ribeiras do lago máis extenso, por terreos de páramos, bosque e outeiros e obviamente por zonas montañosas.

Ofrece asemade a posibilidade de observar flora e fauna salvaxe, e supón unhas estupendas vacacións activas por unhas das paisaxes máis impresionantes do continente europeo, por non dicir do mundo enteiro. Respaldada por unha boa web e por todo tipo de infraestructuras que facilitan a planificación, a experiencia e o investimento turístico, esa rota atrae e engaiola unha cifra moi significante de exploradores do país cada ano. As vantaxes e beneficios para a economía local e nacional son máis que evidentes, e repercuten nos aloxamentos de todo tipo, na venda de literatura e de mapas, nos servizos de guía e orientación, no comercio local, no transporte nacional e local e nas empresas de envío de equipaxe. Cada paso do camiñante supón unhas libras máis investidas no páis, e unha publicidade constante e garantida por parte dos turistas encantados das marabillas de coñecer Escocia a fondo (vamos, a ras do chán.)

Outros camiños extensos e planificados existen noutras partes das illas. No norte de Inglaterra, o camiño que traza a aínda existente (anque encanastrada) muralla do emperador romano Hadrián conecta a costa do leste coa do oeste. No sur, o maino Cotswold Way representa o froito dun proxecto desenvolvido dende 1970 a 1998. Pasa pola miña zona nativa e percorre unhas das paisaxes máis nitidamente inglesas. Tamén en Gales hai un feixe desas rotas longas. O Offa’s Dyke Path, creado en 1949 e consolidado en 1971, marca unha rota que flirtea constantemente coa raia inglesa durante os seus 285 quilómetros. Outras vías, claro referente de turismo e culturalmente importantes, ábrenseselle ó turista-camiñante: o Cambrian Way, as rotas de Snowdon e a que nos leva polas terras do “braveheart” galés, Owain GlynDwr.

O camiño de Santiago penetra o territorio galego e empurra o turista ou camiñante cara a Compostela, pero a súa traxectoría histórica e ben defenida non permite conducir os visitantes a outras zonas de interese. Ademais, é unha rota de camiñar a Galiza antes ca de camiñar por Galiza. O turista camiñante arela máis ca nada a impresión de cumprir unha meta, de moverse por paisaxes e terreos interesantes dun punto do mapa a outro, e de impresionarse polo camiño, se cadra sen o referente relixioso dunha pelerinaxe medio seria. Barullemos unha rota posíbel, que aproveite as mellores paisaxes, vistas, cidades, vilas e experiencias que pode ofrecer Galiza. Rota que se pode completer a treitos ou dunha soa tirada decisiva, un camiño que se poida comezar e rematar en puntos diferentes e de traxectoría circular.

Empecemos á beira da ría de Ribadeo e pasemos pola praia das Catedrais camiño a terras de Ortigueira. Baixemos a Mondoñedo con excursións optativas a Ferrol e A Coruña que duren un día cada unha. Da vila do Mariscal á Costa da Morte e entrando nas Rías Baixas cara a Santiago capital. A seguir baixemos pola Ulla a Pontevedra (con máis optativas para Vigo e mailas súas praias ata Portugal). A tornar logo ó leste e a Ourense, antes de xirar ó norte de novo e Lugo coas súas murallas romanas. Pechemos o circúlo rubindo pola Terra Chá. Que opinades? Seguro que hai tantas variacións teóricas como dificultades prácticas para artellar unha vía “Galiza” de camiñada. Con todo, o máis importante é que se xestione por ben de tantos sectores de interese, insistindo sempre en que o camiño ten que estar feito para a xente, para andar, e ó mesmo tempo perfectamente sinalizado e preparado. A rede de camiños existe, incluso moito máis mesta cá escocesa, pero son camiños sen coidar, sen sinalizar, sen preparar. Camiños feitos para traballar, non para gozar do lecer e da vida na natureza. Ou para vender Galiza ó mundo…

Creo que Galiza dispón –evidentemente– de todas as posibilidades e recursos para crear unha rota interna semellante ás que teño mencionado nese artigo, cos seus conseguintes beneficios para a economía rural e urbana, local e nacional, para alén da proxección da identidade galega a nivel mundial e universal. Tal vía representaría unha lección maxistral de márquetin, unha compenetración do turismo rural, urbano, local e nacional, e unha oferta de acollida económica e cultural dos camiñantes do mundo. Os camiñantes por e para Galicia.

4,22/5 (46 votos)



Craig Patterson

É profesor titular de filoloxía galega e hispánica da Universidade de Cardiff, Gales. Previamente, foi director do Centro Escocés de Estudos Galegos que ten o seu berce na Universidade de Stirling. Previamente, licenciouse en Estudos Hispánicos na Universidade de Birmingham (Reino Unido) en 1996, e no 2002 doutorouse na Universidade de Oxford coa tese titulada A identidade cultural galega nas obras de don Ramón Otero Pedrayo (1888 – 1976). (Mellen, 2006). »



Anteriores...