Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xabier P. Docampo

Carta aberta ao Sr. Alcalde d’A Coruña

00:28 18/04/2006

Sr. Alcalde: Sempre pensei que o mellor era non escribirlle carta ningunha, seguir o consello de que ás perrenchas infantís o mellor é non facerlles caso. Deixar ao encaprichado que remoa só e seguir coma se nada.

Porque, a fin de contas, o seu é iso: unha perrencha. E se non dígame a min que é esa teima que colleu de ir de tribunal en tribunal, de resolución xudicial en resolución xudicial (todas en contra das súas teses) sen se apear da burra. É ou non é unha perrencha? E como se lles chama aos que collen perrenchas? Perrenchudos!

Van catro veces, catro que lle din a vostede que non ten razón e non hai maneira... Faga o favor de deixar xa o asunto. Porque pretender que, visto que non atopa xeito de que a lei lle dea a razón, o que hai que facer é mudar a lei é un disparate descomunal. É tan grande desatino que faría indigno de gobernar Galicia a quen adoptase tal decisión ou a apoiase. En primeiro lugar porque sería un agravio para a lingua galega. Pero é que eses gobernantes estaríannos a dicir que as leis poden seren mudadas para dar satisfacción ás perrenchas deste ou daquel alcalde. E se iso se fai coa Lei de Normalización Lingüística, que non se ha fará con outras coma os Planes Urbanísticos, as leis de Defensa do Medioambiente ou o calquera outra na que están en xogo importantes intereses económicos? Porque o gobernante que pase por iso é capaz de pasar por calquera cousa. Se tal chega a suceder, entón en diante as leis deberán levar unha disposición final que diga que esta lei poderá ser modificada en calquera momento para dar satisfacción aos intereses e caprichos dos alcaldes.

Por iso eu sospeito que os señores Fraga e Touriño acudiron á sensata institución do trasacordo e reviraron as promesas que un mal día lle fixeron a vostede, para non se faceren reos de tal indignidade moral.

Non será ben que vaia pensando en deixar o conto, en non gastar nin un peso máis en defender cos cartos de todos os seus caprichos persoais, en non crear polémicas que non había nin tiña por que haber, en non se comportar por máis tempo coma un neno perrenchudo. Xa nos tivo ocupados tempo de máis con este asunto, así que morra o conto e cadaquén ao seu labor. Non lle dea máis voltas, atenda rañar por onde lle pica de verdade que teño entendido que lle andan as pulgas nas calzas.

Aproveite, por exemplo, para lle botar unha man ao candidato do seu partido e axúdelle a dar resposta á acusación de que do acordado no consello de ministros de María Pita non todo está sen cumprir. Dígalle que con vostede cumpriron e déronlle a medalla.

3,75/5 (4 votos)