Vieiros

Vieiros de meu Perfil


César Caramés

O seseo: X + Y = Z?

00:35 11/01/2007

Un exercicio moi útil á hora de analizarmos a realidade na que estamos mergullados é fitala con ollos alleos á mesma. Quer dicir, fuxir dos preconceitos que o propio entorno nos impón e situar na distancia a nosa mesma tesitura coma se fose a dun país descoñecido que comezamos a descubrir co ollar limpo.

A situación socilolingüística dunha nación colonizada en plena Europa Occidental xaora que fornece casos abondos para, por exemplo, sinalar através deste medio o estado de submetento do idioma propio ao da metrópole. Así e todo adoitámonos fixar só na evidente e máis importante oposición entre os dous códigos, galego e español e na distribución do seu emprego na sociedade. Poucas veces, pola contra, usamos o afastamento para escaravellar nas entrañas da nosa lingua e interrogármonos polo estado da mesma, pola saúde do seu propio corpo nestes anos de avance real do español e de tímido recoñecemento formal do galego. Aliás, de o facermos case sempre o cinximos á eterna guerra ortográfica.

Ao falarmos da construción histórica do noso standard oral moderno quizais haxa dous casos paradigmáticos que ilustran as súas eivas e até guían cara a concepción do mundo que as orixinou pola súa claridade: a gheada e mais o seseo. Tentemos daquela ollar polo vidro diáfano da abstración e do distanciamento un dos dous nesta primeira parte. Comecemos polo seseo.

Nun arredado país das antípodas fálase unha lingua románica, chamádelle X. Esta nación carece de Estado propio e sofre unha secular dependencia plasmada agora nunha autonomía rexional dentro do Estado da metrópole. A lingua da metrópole tamén é románica, chamádelle Y. A lingua X non só se fala neste país mais tamén en moitos outros nos que axe como lingua nacional a todos os efeitos ao igual que a lingua Y e un deles mesmo é lindeiro. Na nación de X a substitución das clases dirixentes propias deu en que o idioma tomase tamén conotacións de clase. A Incapacidade para un desenvolvemento autoxerado por mor da dependencia fixo así mesmo que a entrada na fase capitalista se realizase dende a metrópole coa lingua Y por bandeira. É dicir, Y vestiuse amais coas roupas da modernidade e do ascenso social encanto X ficou acornellada no propio e no popular con toda a carga negativa que isto ten nunha sociedade colonizada. Hai xa máis dun século, canda outras nacións dependentes, comezou no pobo de X un proceso de recuperación da identidade nacional que pulou pola devolución dos usos cultos ao idioma que falaba a inmensa maioría desta sociedade: as clases populares. Esta xeira normalizadora foi encetada polas clases medias da terra de X ao ser elas as únicas que tiñan medios e acceso á formación precisa para levar a cabo esta angueira. Paradoxalmente eran as mesmas clases medias as máis transculturizadas da nación de X e as máis integradas no aparato de dominación de Y. O seu obxectivo era a substitución das clases altas estranxeiras pola medias autóctones nun camiño de reconstrución e emancipación nacional progresivo.

A lingua de X, após séculos sen escrita neste país e sen contacto coa norma que fora adoptando este idioma noutras nacións, achábase dialectalizada en varias falas embora non moi acibadas. Outras das consecuencias da imposición do Y foran os lóxicos influxos en X sobre todo nalgúns treitos de léxico directamente vencellados ás institucións coloniais e aos avances técnicos. Engorde, con achegas deste e aquel gramático ou escritor, foise consolidando unha norma supradialectal aínda que co Y como referente positivo ou negativo no canto dunha lóxica confluencia coa norma de X internacional. Un contraste moi rechamante entre o nacente standard do país de X face aos desenvolveitos nos outros países do mesmo idioma supóñeno as coincidencias con Y no seu sistema de sibilantes. O paradigma medieval de sibilantes cando aínda X estaba vertebrada nun todo cabo das outras variantes desta lingua non evoluiu de xeito homoxéneo neste país e orixinou diferentes solucións dialectais.

A lingua Y pola súa banda achegou na última etapa de evolución do seu paradigma un novo son alleo a todas as demais linguas romances o [?]. A norma de Y axiña chimpou fóra calquera sistema alternativo ao deste novo son, exclusivo da variedade da metrópole Y e alleo aos demais territorios desa fala, e clasificounos como seseo. Sorprendentemente, o novo son exclusivo do standard Y da metrópole tamén apareceu nos sistemas dialectais de X máis próximos xeográficamente ao país de Y, os do Leste. Dende alí foise estendento ao resto da nación de X tan rápida como tardiamente. Menos de cen anos antes de comezar o proceso de recuperación da lingua X aínda se empregaban sistemas carentes de [?] nun largacío territorio que abranxía máis da metade Occidental do país de X. Encetado o século XXI o [?] impera en toda a lingua de X agás nunha estreita franxa do seu extremo Oeste e mais en pequenas illas ao longo do país e da fronteira sul coa outra nación de idioma X. Un trazo peculiar desta implacábel espansión é a confusión que deixou tras de si nalgunhas falas onde os erros de emprego do novo sistema son múltiplos ou dan orixe a un novo fenómeno, o ceceo. Non deixa de ser sospeitosa esta dificultosa adaptación ao novo son que fai pensar máis na súa incorporación rápida a X por influxo directo de Y, lingua veciña e imposta no territorio de X, que nunha evolución independente pero paralela e concordante.

Malia as advertencias dalgúns gramáticos e estudiosos do país de X da posibilísima orixe en Y do son [?], a abafante maioría dos escritores, dos gramáticos e mais o abrollante movemento nacionalista adoptaron o paradigma máis semellante ao da lingua imposta e asemade clasificaron tamén como seseo todos os outros. Do mesmo xeito, os preconceitos contra a lingua de X e a súa asociación coa pobreza, o atraso e a brutalidade, fóronlle aplicados tamén dentro da propia lingua aos que non empregaban o son que o recén esbozado standard culto de X compartilla, en exclusiva dentro das linguas romances, co idioma imposto no seu país. Pola mesma, o feito de os falares polo ese ficaren maioritariamente arrecunchados na costa serviu para lles engadir a carga de marcador dos dialectos costeiros face às falas con [?] do interior. Ironicamente, como xustificación dos preconceitos que o impulsaban ao seu rexeitamento algún estudioso da lingua chegou mesmo a argumentar a orixe en variedades seseantes de Y dos diferentes sistemas sen [?] de X.
Segue.

5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



César Caramés

Naceu en San Martiño de Laxe (Moraña) en 1978. »



Anteriores...