Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xabier Cid

Outro nome pró gato

10:50 09/10/2007

O máximo controlador da miña televisión, Peter Fincham (BBC1), acaba de presentar a súa dimisión logo de meses sometido a escándalos tan grandes e importantes como cortar e montar mal unha reportaxe sobre a raíña ou como mentir no nome dun gato. É necesario comparar coa situación galega?

Cando a crise estoura na BBC, é noticia de primeira páxina na propia BBC. Airéanse as culpas dende o primeiro momento, publícanse con claridade, atácanse os propios alicerces da compañía. Así, os prestixiosos telexornais da BBC1 abriron os seus diarios criticando (poñendo a feder, máis ben) os seus xefes cando se demostrou que programas emitidos pola cadea cometeran diversas fraudes no voto por teléfono. Unha delas, quizais a máis grave, foi presentar gañadores falsos pra empurrar a participación en programas con fins caritativos. Outro calote consistiu en mentir sobre o nome dun gato que ía entrar nun programa infantil: os telespectadores escolleran co televoto poñerlle 'Cookie', pero os da produtora pensaron que o felino debería chamarse 'Socks', que lle acaía mellor, e falsearon o resultado da votación. Grave, non si? Tiveron que emendar.

Con todo, o episodio máis severo afectou a Isabel II. Tratábase de anunciar a nova programación da cadea, e os de informativos montaron un pequeno tráiler prá reportaxe 'Un ano coa raíña'. Pero, demos, trabucáronse ao ordenar as imaxes: puxeron primeiro unha pequena discusión da raíña coa fotógrafa Annie Liebovitz e logo a raíña marchando enfadada, cando a realidade ditaba que a raíña entrara enfadada e logo discutira coa fotógrafa. Estarrecedor, verdade? Alguén debería pagar por iso, e, certamente, e aínda que con meses de demora, Peter Fincham presentou finalmente a súa dimisión.

E iso que ninguén saíu danado. Todos sabiamos xa do agre carácter da nosa monarca, malia os filmes dulcificadores dos últimos tempos, e tampouco mudaba demasiado as cousas saber se a raíña xa viña enfadada de antes ou se cabreara despois.

Paréceme ben máis preocupante que os xornalistas graven conversas teléfonicas e llelas filtren a medios privados (que levan a exclusiva), pero diso ninguén responde nin dimite. Tampouco dimite quen pon na balanza os pesos informativos dos conselleiros e quen couta, como un pastor eléctrico, a presenza televisiva da oposición. Nin quen programa xabonosos debates aos que só lles falta a alfombra vermella prós cargos políticos. Como é posíbel que a web da Xunta só publique as novas relacionadas con conselleiros que militan no PSdeG, e que non dimita ninguén? Que tipo de criterio informativo é ese? Uns dirán que non lles mandan as noticias. Os outros que non as mandan porque llas poñen moi abaixo. Eu só digo: cabezas! Ou é que non hai ninguén honesto en toda Galicia capaz de dicir que a homenaxe a Fernando Pérez Barreiro é máis importante cás obras nun colexio da Estrada? Non hai ninguén honesto en toda Galicia que saiba ver que oValedor do Paciente é máis relevante cá xuntanza de Suárez Canal coa federación do porcino?

Despois de dous anos e medio de goberno de progreso, as cousas seguen igual ca estaban ou peor: a cultura do medo, da mentira, da filtración e da pusilanimidade funcionan a maior beneficio do comisario político de turno, e só o azar nos foi librando de futuros prestiges, de futuras ce-ce-o-os. Niso son responsábeis os políticos e os directivos dos medios públicos, sen dúbida ningunha, pero tamén os xornalistas, que entran no xogo convencidos de que a deontoloxía remata cando chega a nómina. Así que día a día vexo (malamente) os medios públicos galegos por internet e dubido do seu obxectivo: a información? a credibilidade? temo que o único propósito sexa o tele-voto nas vindeiras eleccións. Pois que leven coidado, non vaia ser que o público escolla outro nome pró gato

3,59/5 (32 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xabier Cid

(Ourense, 1975) é xornalista. Na actualidade é lector de galego na Universidade de Stirling, en Escocia. Máis información na súa web. »



Anteriores...