Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Javier Vázquez Lamas

A prexudicial dependencia

09:00 09/03/2007

Cando dende Igalia presentamos sendos recursos contra dous concursos públicos do Servizo Galego de Saúde (SERGAS) en xullo de 2005, denunciabamos a compra de licenzas dun produto concreto de software privativo, o cal pensabamos que condenaba ó SERGAS a unha desaconsellable dependencia tecnolóxica e de proveedor.

Os responsables do SERGAS, citaron a súa aposta dende o ano 99 por tecnoloxías do mesmo fabricante de software privativo como un dos motivos que imposibilitaba a migración ou integración con outras tecnoloxías. Aceptaron e admitiron esa prexudicial dependencia, a cal agora continúan a incrementar.

Se ben non podo criticar a súa elección no 99, tanto a decisión do 2005 como a máis recente, motivo desta polémica, son máis pasos nunha dirección cun único beneficiario, ó fabricante de software, prexudicando ao propio SERGAS, á industria TIC local e o conxunto da cidadanía galega.

No marco legal actual, onde incluso unha Proposición Non de Lei aprobada por ampla maioría no Congreso dos Deputados, recolle a "optimización do custo de acceso ao software, o fomento da innovación tecnolóxica ou independencia do proveedor", como algunhas das vantaxes do Software Libre na contratación pública; a decisión do SERGAS demostra falta de coñecemento técnico e vontade para adicar de forma eficiente os limitados recursos públicos.

Non é certo que non existan alternativas ao produto de xestión de contidos privativo elixido polo noso Servizo Galego de Saúde. Os casos de éxito de sistemas web baseadas en produtos de Software Libre son tan numerosos como publicamente coñecidos.

Tanto é así, que o propio Plan Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI) marca o obxectivo de chegar ó 2010 co 100% dos portais da Xunta desenvolvidos con xestores de contidos en Software Libre. É ben sabido que gastar centos de miles de euros en licenzas de certos produtos web privativos é, a día de hoxe, literalmente "tirar cos cartos".

Eu pregúntome cantos meses en lista de espera, ou cantas colas nos servizos de urxencia, teremos que seguir soportando para que os nosos responsables, tanto políticos coma técnicos, comecen a empregar eficientemente os seus presupostos adicados a tecnoloxía.

Por último, se agora é imposible non malgastar os nosos impostos nesas licenzas de dous anos de uso para 4,000 usuarios dunha web, ¿temos unha planificación, ou estratexia, para non facelo de novo dentro de outros dous anos? Sería bo sabelo.

4,72/5 (18 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



j_vazquez_igalia70

É o responsábel da área de desenvolvemento de negocio de Igalia e membro da directiva de Eganet. »