Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xoán Carlos Garrido

Soñar e votar

09:25 15/02/2008

“Cando existe algún contacto entre os soños e a vida, todo vai ben”. Este vello adaxio leninista chega a nós no repregue que sobre este pensador se está a producir entre os que queren cambiar as cousas logo de sentir ter desperdiciado tempo e enerxías baixo as máscaras zapatistas ou ao ritmo da samba de Porto Alegre.

Os MS que enarboraban o seu "outro mundo é posible" como canto do cisne, digno e solemne, e ultimo xesto heroico antes de acatar a imposibilidade de cambiar este (renuncia á revolución), atoparon que o seu lema "actúa localmente, pensa globalmente" bateu de fociños co "actúa globalmente, pensa localmente" dos EEUU, quen impuxo unha hexemonía unipolar que xunto con outros acontecementos recentes deixou en ridículo as predicións de Negri e Hardt sobre a fin do imperialismo e a disolución das categorías de nación e clase na de multitude. Por exemplo, se se evaporou a nación como suxeito político porque se respira tanto antinacionalismo na atmosfera mediática.

E quizais fose preciso pasar por iso, foi ineludible o éxito editorial dos augures que anunciaban o remate dos grandes relatos, foi inevitable a reputación das chamadas a disolución das estruturas tradicionais de participación política nas frangullas que se diluían nunha rede que emerxía como concepto central do pensamento “alternativo”. Era necesario queimar esta etapa para que hoxe se volvan as miradas sobre o vello raposo ruso, xa non de xeito tan digno e solemne como foi a deserción, mais ben coas orellas gachas e co rabo entre as pernas de quen tivo que tragar o orgullo e a vaidade de crer que ía comer ao mundo e ao fin o mundo papouno a el.

Mais non se pode esquecer que a literatura de evasión dos MS tiñan tamén a súa parte de razón pois a política reducida a parlamentarismo e ao traballo institucional estaba abocada á esclerose transformadora.  É preciso recoñecer tamén que a sublimación estética que practicaban en calidade de xustiza poética desprendía unha enerxía e unha vitalidade que poucos movementos políticos tiveron na historia. Quizais, parafraseando a Freud, a excelencia da súa arte foi produto do desafogo pola miseria da súa realidade. Con todo, a maioría dos actores principais deste alivio temporal interviña de boa fe e mesmo crían que estaban a construír algo novo que ía evitar os erros históricos, recollendo o mellor de todas as tradicións emancipadoras.  Ninguén dubida que había que estar en Chiapas e en Seattle porque a batalla contra a globalización había que dala alí ou porque non había outro sitio onde meterse. En calquera caso, o éxito mediático de Marcos non residía só en obedecer ao pobo máis que en mandalo –como el dicía- senón en satisfacer unha demanda de visibilidade nun momento de fe cega no neoliberalismo. Porén, ao fin, o desprestixio no que se sumiu o neoliberalismo foi sobre todo mérito do propio neoliberalismo, do seu corralito e da súa guerra preventiva.

Deslocalizar a praxe
Do eurocentrismo decimonónico pasouse ao outro extremo, coa impresión de que aquí non había nada que facer,  deslocalizando a praxe até poboar os pubs e cafés de revolucionarios por control remoto. Non tardaron en contemplar con asombro como un tras outro referente da nova esquerda triunfaba só na medida en que volvía aos clásicos. Evo alugaba unhas siglas, Chavez fundaba un partido, Arxentina levantaba cabeza a través do vello peronismo de toda a vida.  Os MS tomaron conciencia de que precisan instrumentos políticos e pouco importa que berren en Bolivia o “poder para o pobo, o goberno para o MAS” sostendo de xeito vistoso e ostentoso que son os MS quen controla o partido e non o partido quen controla os MS, pois ambas as dúas solucións parten da limitación actual que para “controlar” non quedan máis resortes que o diálogo, a negociación e a democracia, en calquera caso ambos as dúas estruturas están condenadas a entenderse se se queren mudar as cousas.

Hoxe só predican o divorcio dos MS e os partidos transformadores aqueles infiltrados nos MS que traballan conscientemente para os partidos  do stablisment ou aqueles que se escudan no dereito a ser utópico para desvencellarse das consecuencias prácticas dos seus actos e así traballar coa conciencia tranquila para os partidos do stablisment. A estes últimos é aos que se dirixía Lenin. E non lle imos dar a razón só polo feito de que o dixese el como non se lle pode quitar por iso. De feito, para ser exacto, a cita non era del senón que se trata dun treito que reproducía doutro autor anterior, Pisarev, e a idea non é nova: se non hai nada na realidade (neste caso electoral e partidaria) coa que poidamos conectar os nosos soños de xeito consciente catalizando a nosa mobilización a prol de levar a cabo ditos soños entón a cousa vai mal e quizais precisemos que o psicanalista desvele que conexións inconscientes teñen os nosos soños coa desmobilización e neutralización, se ben, non se precisa un diván para apreciar dita conxunción pois só basta comprobar a quen beneficia o abstencionismo da xente rebelde para descubrir a orixe destas alucinacións tan evasivas como interesadas.

Que esta non é a Galiza dos nosos soños é evidente. Que é da que temos que partir para que os nosos soños se materialicen tamén.  Que as ferramentas que ten Galiza para transformar os soños en realidade nestes momentos non son os mais axeitados é discutible. Que non hai a quen votar... iso xa é un pesadelo fomentado por quen non durme ben por ir de marxista e saber que a tese fundamental deste autor é que non se propón un problema para o que antes non se ten a solución.

3,86/5 (28 votos)



X.C. Garrido

Xoán Carlos Garrido Couceiro (A Estrada, 1965). É Profesor de Filosofía e membro da Fundación Bautista Álvarez na que é Director do "Terra e Tempo". Autor de "O pensamento de Castelao" e "M. García Barros, loitando sempre". Traballa na recuperación da memoria histórica na Estrada. En 2009 publicou o volume Piñeiro contra Castelao, Castelao contra Piñeiro. »



Anteriores...