Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Jairo Dorado

A forma Kosovo

13:00 18/03/2008

Un dos moitos problemas da normalización lingüística do galego é a falta de coordinación entre os distintos elementos que interactúan terminoloxicamente nese proceso. Nos últimos meses, este xornal que de bo grado me dá a oportunidade de me expresar, leva insistindo na opción Cosova no canto de outras opcións, como poderían ser Kosovo, Kosova, Kósovo, Kosovë... A pesar de ser termo de actualidade é un bo exemplo do xeito caótico no que se está a realizar o proceso de normalización terminolóxica, concretamente neste caso con topónimos e antropónimos que, vindos da man da actualidade mediática, se nos presentan acotío na nosa lingua.

Procuremos, a partir deste exemplo, mostrar as discrepancias nos criterios que se están a seguir nun sistema de normalización moi complexo e con actores que reciben un papel público que moitas veces non é o real. Temos, nos extremos, por unha banda a RAG e o ILG, xunto cos gabinetes lingüísticos da TVG e da RG e no extremo equidistante a AGAL, que nas súas capacidades e esferas de influencia sancionan a viabilidade ou non de todos eses neoloxismos que se lle presentan á sociedade. O papel principal téñeno, porén, os medios de comunicación, eido no que o galego está aínda nunha posición de febleza. No caso dos xornais, Vieiros ten unha importancia senlleira porque por representar os alicerces dos medios galegos na rede, a súa escolla terminolóxica terá –para ben ou mal- fonda influencia nos galegofalantes conscientes.

Que criterios son os que se seguen? Temos por unha banda o parecer dos lingüistas - filólogos, responsábeis da corrección, que as máis das veces serve de peneira terminolóxica. Porén, existe unha formación axeitada para xulgaren a relación do galego coas linguas de chegada? E a peneira do correcto ou incorrecto un bo criterio de escolla sobre as necesidades da lingua?

O papel dos tradutores está -no proceso de normalización da nosa lingua- fondamente ignorado: o tradutor non só introduce na nosa lingua a produción escrita noutra lingua, senón que na máis das veces escolle qué e cómo se introduce na lingua. Calquera que estudase a carreira de Tradución e Interpretación na Universidade de Vigo, tendo o galego coma lingua principal, saberá que é o que pretendo dicir: a capacidade resolutiva que o tradutor ten para a introdución dun termo está as máis das veces limitada pola actuación constritiva e incoherente de correctores e sobre todo, dos materiais que a RAG emprega ou abenzoa como oficiais: dicionarios e “vieiros” para a introdución de termos cando menos desfasados nunha sociedade onde a información bole como bole na rede.

Sen que isto poida parecer un acto de vaidade pola miña parte, permítanme unhas pequenas reflexións sobre a introdución de termos procedentes do ámbito balcánico que tanto como tradutor con coñecemento de causa -traduzo acotío dende varias desas linguas- e como galegofalante do Baixo Miño coido que cómpre facer, procurando sacar tamén do anonimato tantos tradutores que tanto fan pola normalización da lingua.

Vieiros optou pola opción única Cosova para se referir ao estado recentemente aparecido nos Balcáns centrais. Na nosa opinión, esta escolla é cando menos curiosa é carente de lóxica. Outros medios de comunicación galegos empregan o termo serbio Kosovo e algúns autores o termo albanés Kosova. Existen, historicamente, outros xeitos de facer referencia a ese territorio: Cossovo e Kossovo; o primeiro é a forma italiana usada durante a Segunda Guerra Mundial e o segundo unha forma arcaica, usada principalmente durante o século XIX en textos escritos en alemán e inglés principalmente.

Poderiamos limitar a escolla a tres opcións, Kosovo, Kosova ou Kosovë. Kosovo é a forma en alfabeto latino do serbio КоÑ?ово e ademais é a forma orixinaria da que se deriva a forma albanesa -sen que isto supoña un criterio de peso para a súa escolla. En orixe o significado é "dos merlos" ou "relativo aos merlos" (merlo dise kos en serbio) e fai referencia a un lugar da xeografía kosovar Kosovo polje - O campo dos Merlos. Dende o ano 2006, o alfabeto oficial de Serbia é o cirílico, polo que é viábel transliterarmos o termo nunha solución como Kósovo ou incluso Cosovo –aínda que persoalmente coido que é esta unha opción desbotábel. Tanto Kosovo como Cosovo son as opcións preferentes do portugués. A transliteración é unha opción que non se emprega no grao que se debería.

Kosova e Kosovë son as formas en albanés, lingua que emprega o alfabeto latino. Existe unha dupla interpretación das formas: Kosova é a forma preferente do albanés tosk, falado maioritariamente en Albania -non en Kosova- e tamén a forma con artigo determinado enclítico, algo así como dicirmos O Kosovo no canto de Kosovo. A outra forma en nominativo é Kosovë que, por certo, se corresponde coa forma principal do dialecto gegh, falado en Kosova. Curiosamente é a denominación oficial dende a data da independencia, no lugar do anteriormente usado case que de xeito exclusivo Kosova. Cadaquén que bote as súas conclusións sobre esta decisión.

Cremos que a escolla ideal sería Kosovo, por ser a forma usada de xeito maioritario noutras linguas (portugués, castelán, inglés, alemán…), incluso coa posibilidade de engadirmos o til para facilitarmos a súa pronuncia, o que podería ser visto como unha transliteración do cirílico serbio, Kósovo. Outra opción, perfectamente viábel, sería a forma albanesa Kosova que con certeza está ideoloxicamente máis marcada pero que no futuro ha ter un uso menos restrinxido. Esta segunda forma non presenta ningún tipo de dificultades para un lector galego (como os que podería ter a forma Kosovë) para modificarmos a súa escrita orixinal. A letra k é unha letra válida, útil e práctica no galego, e a súa supresión só responde a criterios "ilóxicos" ou dificilmente expresábeis

Hai outro factor a prol da forma Kosova que é o criterio da lingua principal dun lugar é a que debería servir de vieiro para a escolla galega. Porén, moitas veces hai que ter presente o que é principal e o que é lexítimo: o éuscaro non é a lingua “principal” de Euskadi, porén a forma lexítima dos seus topónimos non debería ser a forma en castelán.

Este tipo de reflexións son empíricas, derivadas do coñecemento das linguas orixe do conflito e moitas veces non se conta –non neste, senón en moitos caso- co criterio dos tradutores, as persoas co coñecemento de orixe e de chegada, no proceso de normalización. Non rematan aquí as eivas existentes na nosa lingua por non contarmos co activo que estes profesionais da lingua aportan. Unha das críticas que recibiu a miña tradución do serbio A ponte sobre o Drina, de Ivo Andric, publicada en Rinoceronte foi a existencia de erros como son bosnio no canto de bosníaco e Sarajevo no canto de Saraxevo. As dúas opcións erróneas non son tal: unha presenta un dupla realidade (o habitante de Bosnia é bosnio, o musulmán de lingua eslava -sexa ou non de Bosnia- é bosníaco) e a outra representa como "fornecermos" a lingua con "prestamos" doutras linguas política ou lingüisticamente próximas supón a introdución de problemas alleos: Saraxevo só ten explicación lendo o orixinal Sarajevo en castelán ou en portugués, a forma galega adaptada debería ser Saraievo.

O portugués padrão tamén pode presentar a introdución de problemas terminolóxicos inexistentes na nosa lingua. De xeito rápido dous exemplos: servio (sérvio) no canto de serbio e Xugoslavia, vía Jugoslávia, no canto de Iugoslavia. No primeiro dos exemplos temos un claro caso de galicismo, xa que no serbio temos o dobrete b – p, Srbija e srpski (Serbia e serbio). A pronuncia do “j” serbio en Jugoslavija á portuguesa non permite ver que a pronuncia orixinal é Iugoslavia: a transliteración directa ao galego (e atrévome a dicir que ao portugués) evitaría esta eiva.

Un paso interesante podería ser a realización dunha serie de criterios de transliteración comúns ao galego e ao portugués, evitando así formas como Eltsin para nos referir ao primeiro presidente de Federación Rusa, xa que non é viábel seguirmos criterios de transliteración personalistas ou adoptados doutra linguas –como é tomarmos, por exemplo, do inglés Eltsin, Ereván no canto de Ieltsin e Iereván- de tan pouca validez para a lingua e os falantes como sería deixalos na súa forma orixinal.

Outro paso interesante sería contar co parecer dos tradutores, coñecedores da lingua de orixe, no canto de nos guiarmos por criterios subxectivos, personalistas e moitas veces derivados de tradicións erradas, tendo presente na nosa escolla a "separación" das formas aceptadas noutras linguas.

Espero con isto que Vieiros e o seu equipo de redactores nos expliquen os motivos lingüísticos que os levaron a divulgar a forma Cosova e, á vista do que expoño nesta nota, actúe en consecuencia. Porén, non todo vai ser crítica, e dende aquí fago un chamamento para abrirmos o debate e que os medios de comunicación elaboren un compendio de transcricións, transliteracións e adaptacións onde fose preciso, para tantos termos estranxeiros cos que temos que traballar todos os días; a nosa lingua ten a capacidade, a forza e o capital humano para o facer dun xeito moderno e viábel e sería un paso de grande importancia para consolidar unha minúscula parte da tarefa de normalización.

4,31/5 (32 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Nado en Vigo o 8 de febreiro de 1980. Licenciado en Tradución e Interpretación pola Universidade de Vigo. DEA en Tradución e Paratradución, presentando un traballo de investigación tutelado sobre a Ideoloxía nas traducións de Ivo Andrić. Tradutor e intérprete xurado inglés – galego – inglés. »



Anteriores...