Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Adela Figueroa

Enerxía nuclear: As coaccións do capital

11:40 25/04/2008

O actual presidente de  Unión FENOSA, analisou hai dous días, o estado de contas da Compañia, que segundo el ten un grave desfase entre o custo de produción e distribucion do seu produto e o que se cobra por KW. Ao parecer  Fenosa ten un importante déficit neste senso. Mais non é iso o importante das declaracións do Sr. Pedro López quen demanda un trato de privilexio no concurso á instalación de enerxía eólica na Galiza, en base á sua orixe galega (que ironía!...)

No seu discurso, pon en destaque a necesidade de considerar a enerxía nuclear para subsanar o déficit enerxético que ten España. Argumenta que Franza ten apostado fortemente por este tipo de enerxía coa que consegue atender ás suas necesidades e exportar algo para España. Plantas desalgadoras funcionan en Franza a base de enerxia procedente de Centrais Nucleares. A problemática formulada por Pedro López estrutúrase á volta de tres eixos: garantía na suministración, mellora na eficiencia enerxética e a sostibilidade ambiental.

Para combinar estes tres factores, o Sr.  López considera conveniente o percurso á Enerxia de orixe Nuclear . Argumenta que as Centrais Nucleares non emiten GEI (gases de efecto invernadoiro) á atmosfera, co que España podería cumprir coa Taxa de Emisións que o Protocolo de Kioto lle ten asignado. A contaminación térmica das augas (necesarias para a refrixeración non é considerada). O perigo de fugas como o que está a acontecer agora mesmo en Ascó é de menor importancia. O problema dos residuos radiactivos  non é interesante ( xa se discurrirá algo...) As reservas de Uranio que se supoñen duns 30anos  co ritmo actual de consumo é “pecata minuta”.

Tal parece que o Acordo de Kioto é unha lousa para os presidentes dos Consellos de Administración que teñen que discurrir a maneira de esquivala. Non é unha decisión solidaria e necesaria se queremos continuar a vivir na terra ( nós e eles). O Sr. Pedro López esquécese da perigosidade que supón o funcionamento dunha Central Nuclear, como se o exemplo de Chernóbil  non fora dabondo.

Galiza tense declarado Zona Libre de Nucleares. Desde aquela lendaria marcha de hai 30 anos: ”Non Xove Nuclear” .Non damos consumido a enerxía que producimos a custo do noso patrimonio natural.  Manteñámonos así. Bastante destrución hai xa nesta Terra. Ademais, por solidariedade con outras Terras rexeitemos este tipo de enerxía. Por perigosa, non só para nós, mais para os que poidan vir tras de nós. Que clase de Mundo lle queren deixar aos seus descendentes este grupo de inconscientes executivos das grandes compañías enerxéticas?

Por qué son perigosas as centrais nucleares?

-O seu funcionamento, mesmo no caso de ser perfecto, pode fallar nalgún momento.
-O vapor de auga deitado ao ar tamén é un gas de efecto invernadoiro.
-A auga necesaria para a refrixeración vai para o medio moito máis quente, co que se provoca contaminación térmica.
-Non hai garantía total para evitar posibles fugas, como a acontecida máis actualmente en Ascó.
-Os residuos manteñen a radiactividade durante centos ou milleiros de anos. Entre estes, o Césio pode penetrar nas cadeas tróficas ocupando o lugar do Calcio e transformándose así nunha bomba interna desde os ósos. 
-Xa desde a súa construción teñen un forte impacto ambiental. O risco que destapan  fai que non  merezan a pena. Salvo que, na sua soberbia, os executivos como o Sr. López se consideren inmunes á contaminación radiactiva.

3,7/5 (37 votos)



Adela Figueroa naceu en Lugo. É catedrática de Bioloxía-Xeoloxía no IES Lucus Augusti. Participou na fundación de organizacións como ADEGA ou a AS-PG e é tamén portavoz de Nunca Máis en Lugo. Ten xa unha numerosa obra científica e literaria. Na actualidade é presidenta de ADEGA. »



Anteriores...