Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xurxo Martínez González

Pola soberanía alimentar dos pobos!

13:30 22/09/2008

A FAO alerta: perigo de fame mundial. Chove sobre mollado. Non é un problema de produción senón de distribución. Éche un problema cotiá do sistema, un outro que xa se coñecía de tempo atrás. Calemos. Que imos facer nós? Non é culpa nosa. Calemos. Mellor caladiños, non me sexas burro. Ti ao teu que se loitas pola vida podes chegar a onde queiras, verdade? A onde queiras, a presidente do Banco Mundial, xúrocho!

Nos últimos anos, di o informe da FAO, aumentou en 75 millóns máis os esfameados. En 2007 compartimos terra con 923 millóns, cifra que crece malia os mortos (seica uns 848 millóns entre 2003 e 2005). O obxectivo do milenio era reducir esa cifra e pola contra aumenta. Que coña che ten o asunto.

Pero que imos facer nós, dende aquí, en Galiza, neste confín do mundo atlántico? Calar, caladiños todos, si meu rei. Ti xa sabes, estuda que todos somos iguais, que todos partimos das mesmas posibilidades que a educación é pública. Só os lacazáns fracasan. Ti non, ti traballador, non. Mira esa muller que foi ao paro e escribiu uns libros para agora ser rica. Ves como se pode? Só se laian os perdedores.

A alza de prezos, de combustibles ou de fertilizantes agudizan a situación no agro. A distribución dispara os prezos que son ridículos en orixe para os labregos e labregas na pataca, no leite ou na carne, por exemplo. Hai un desfase anormal no prezo do produtor ao prezo polo que merca o consumidor. Xa está de sobra denunciado, xa o berraron os labregos e as labregas este ano na Praza da Quintana. Por iso uns constituíron un contrato homologado para o leite sen marcar o prezo mínimo cedendo o poder de control ás empresas. Até se nega a posibilidade do convenio colectivo. Que non se poden modificar as regras do mercado! Pois logo só nos queda apandar, ou? Dinnos que si. Cala parviño, cala, que aínda nos ha de ir peor. Mellor adaptarse que revoltarse.

Industrialicemos o agro e o mar. Amosémoslle as ganancias que crea a produción industrial ou a introdución dos transxénicos. A produción a grande escala porque lle damos de comer ao mundo. Abofé! A todo o mundo mundial. Pero nós decidimos, nós os que non traballamos a terra, nós os organismos político-económicos do FMI, OMC e BM. Nós, os que nunca pisamos as boleiras das congostras aldeás. Nós, os traxados guapiños que sabemos ben o que vale a moeda. Nós, os estudados, os que chegamos aí porque loitamos moito. Que nós sabemos moi ben o que valen os cartos. Si, meu amigo, si e nabos os de Lugo!

O VII Encontro Internacional da Marcha Mundial das Mulleres, que se celebra do 19 ao 21 de outubro en Vigo, vai falar da soberanía alimentar. Que é iso? Pois é o dereito a decidir sobre as nosas políticas agrarias, o poder de decisión dos labregos e labregas para a produción dos alimentos básicos en cada nación, como a galega. É unha alternativa ao sistema promulgada dende a Cimeira Mundial sobre a Alimentación e dende a Vía Campesiña. É unha alternativa sustentábel e ecolóxica para un rural vivo e xusto, independente dos ditados da economía globalizada que nos enfilou a esta crise. Establécese dende o local en comuñón co global. Non se reñen senón que se complementan.

Aínda se vai poder facer algo dende aquí, dende a estremeira peninsular. A medida que a crise lles vaia afectando a algúns no peto virán despois berrando alternativas. A soberanía alimentar é unha e das máis básicas. En Galiza, foi impulsada por Verdegaia, Amarante, Veterinarios sen Fronteiras e polo Sindicato Labrego Galego. Este último xa organizou por algúns puntos do país o mercado da transparencia.

Uns sabemos ben o que vale un peso por iso algúns non queremos calar. Non esquecemos de onde vimos. Por iso, eu quero botar man da voz de Víctor Jara, neste tempo de azoutes en América latina, nunha canción pensada nos labregos andinos: ‘como un yugo de apretado, tengo el puño esperanzado, en que todo cambiará’.

4,49/5 (35 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xurxo Martínez

Naceu no barrio de Coia (Vigo) en 1984. Licenciado en Filoloxía Galega, ten publicado artigos en diferentes xornais e revistas culturais galegas cunha variedade temática. »



Anteriores...