Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xulio Ríos

¿Unha vía chinesa para Cuba?

14:49 26/04/2007

Dende que Fidel foi operado o 27 de xullo pasado e que Raúl asumiu o máximo liderado en Cuba, proliferan os debates a propósito das vías de renovación do modelo cubano. Poucos defenden a idea de que todo siga igual e moitos converxen na necesidade de reflexionar a fondo sobre a importancia de aproveitar o momento actual para afrontar as reformas precisas que garantan a supervivencia dun sistema alternativo en Cuba. Unha primeira mostra poden ser as reformas laborais en curso, que poñen o acento na recuperación da disciplina, pero todo indica que estamos no comezo dunha nova etapa na evolución política da illa.

No económico, o ámbito das relacións bilaterais vaise ampliando cada vez máis, incluíndo a asistencia técnica chinesa na acuicultura ou a colaboración oftalmolóxica cubana. Os investimentos conxuntos en biotecnoloxía e neuroenxeñería van en aumento. No sector turístico, no pasado marzo ambos países crearon un Grupo de Traballo Conxunto que se reunirá en xullo próximo por primeira vez.

Enerxía, transportes, informática e comunicacións, níquel, fármacos e azucre son outros eidos nos que aumenta o intercambio comercial que en 2006 duplicou a cifra do ano  anterior, superando os 2.400 millóns de dólares. A presenza chinesa é apreciable na industria electrónica, as comunicacións, a agricultura, o transporte e os electrodomésticos. O crecemento de ambas economías (nos dous casos superior ao 10% en 2006) e a vontade de ambos gobernos parecen prognosticar unha ampliación das relacións, baseadas na similar adhesión ao socialismo e no escrupuloso respecto ás singularidades dos respectivos procesos nacionais que, a pesar das notorias diferenzas, comparten trazos políticos esenciais.

Durante a visita de Felipe Pérez Roque, ministro de exteriores de Cuba, a China (do 15 ao 17 de abril), este non dubidou en definir o actual como “o mellor momento histórico” das relacións bilaterais. Roque, que se entrevistou, entre outros, co vicepresidente Zeng Qinghong e o conselleiro de Estado, Tang Jiaxuan, constatou a boa disposición existente en Beijing para fortalecer os intercambios entre ambos partidos comunistas e os respectivos gobernos, xa mostrada en 2001 cando Jiang Zemin visitou a capital cubana e reiterada coa visita de Hu Jintao en 2004, que marcou o inicio dunha nova etapa que agora mesmo parece entrar na súa fase de maior despegue coa proliferación dos contactos económico-comerciais e políticos.

Antes de chegar a Beijing, o ministro cubano inaugurou un Consulado Xeral na sureña Cantón. Roque asegurou que Cuba fornecerá en 2007 a China máis de 10.000 toneladas de níquel (as reservas de Cuba son as segundas maiores do mundo) e que asegurará a este país as súas necesidades estratéxicas nesta materia.

Cada ano que pasa multiplícanse as visitas de dirixentes partidarios, gobernamentais e militares. Wu Guanzheng, membro do Comité Permanente do Buró Político do PCCh, presidiu a última delegación recibida en Cuba, e mantivo contactos ao máximo nivel (Raúl Castro, Ricardo Alarcón, Carlos Lage, Machado Ventura, Remírez de Estenoz, entre outros), poucos días despois do fin da visita do ministro Roque a China. Wu visitou Varadero, a onde poderían chegar numerosos turistas chineses nos próximos anos. A audiencia concedida por Fidel, aínda convalecente, é ben expresiva da importancia que ambos conceden aos lazos bilaterais. Wu cualificou este encontro de “sumamente profundo e froitífero”. Unha delegación encabezada polo vicepresidente do Comité Nacional da Conferencia Consultiva Política do Pobo Chinés (CCPPCh), Wang Zhongyu, partiu o domingo 22 de abril de Beijing para realizar visitas a varios países, entre outros, á illa caribeña.

Roque estreitou estas relacións que, ademais das cuestións bilaterais, incidirán nas consultas sobre a situación internacional para definir marcos de entendemento e colaboración en Nacións Unidas e outras instancias multilaterais.

Noutros ámbitos, cabe sinalar que uns 500 estudantes chineses completan a súa formación en Cuba, mentres que 160 mozos cubanos estudan en China. Por outra banda, recentemente inaugurouse en Xining, capital de Qinghai, o primeiro hospital oftalmolóxico mixto e en 2007 está previsto que se abran outros dous establecementos similares nas provincias de Hebei e Shanxi.

O embaixador chinés na Habana, Zhao Rongxian, considera que as perspectivas das relacións entre Cuba e China son “excelentes”, enfatizando que Cuba é un país importante na rexión e que as coincidencias políticas facilitan o desenvolvemento de relacións que interpreta como unha ponte de cara ao conxunto da rexión.

Non só se trata de comercio ou investimentos. Nin uns nin outros promoven a cegas esta aproximación.  Pero ¿poderá brillar no Caribe o sol de Oriente?

4,06/5 (18 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xulio Ríos

Xulio Ríos é director do IGADI e do Observatorio da Política Chinesa. Recentemente publicou Mercado y control político en China (La Catarata, 2007). Entre outras obras publicou La política exterior de China (Bellaterra, Barcelona 2005) e tamén Taiwán, el problema de China (La Catarata, 2006). Asesor de Casa Asia, reside en Pequín. »



Anteriores...