Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Manuel Suárez

En Montevideo ao abeiro de Peñarol

14:00 26/11/2008

Pero non todo era dóce de leite. Tamén estaba a mortadela. Un pan porteño con dúas lascas de friame de “Cativelli” ou de “Ottonello” son o mellor reforzo despois de tres horas sen saír da auga morna do Rio da Prata. Os pais preguntan se lembra cando estivo en Laxe. Non recorda case nada e non quere distraerse. Roe de présa. Quere volver axiña co neno que está a facer un pozo na area e necesita axuda. Pola noite descubrirá que o tomate ademais de comerse tamén arrefría a pel queimada polo sol.

Tamén houbo que sufrir. Na aldea nunca comera carne de vaca. Cando viu no prato unha zumenta costela de cuadril quedou paralizado. Aquilo era horrible. Non entendía a razón de que a nai día si e día tamén lle preparara un churrasco. Insistía en convencerme de que comendo carne medraría moito. Os anacos ían dunha moa á outra pero non baixaban. O sangue escorregando...ah!...que noxo. Houbo que botar man da inventiva xa que dona Valentina non me deixaba saír da cociña sen rematar. Menos mal que se me ocorreu ir agachando os anaquiños mastigados nos petos do pantalón porque senón aínda hoxe estaría na mesa.

En febreiro seguía habendo sol pero ademais da praia era tempo de entroido. Chegaban as murgas e os tamborís. Desde os ombreiros do pai vía o paso das carrozas alegóricas que ían desfilando por “18”. Estaba na esquina de Río Negro apretuxado entre milleiros de persoas. Oe un son que o fai vibrar. Un grupiño de homes negros peta coas mans nuns alongados tambores cheos de cores. Nunca vira antes tal cousa. Son os tamborís dunha comparsa de negros que tocan unha música que lle chaman candombe. Volve para a casa co ritmo na cabeza e repetindo unha e outra vez a fermosa palabra.

Os domingos pola mañá o meu pai adoitaba mercar o xornal “El Día”. Mentras el miraba nas páxinas dos avisos de compra e venda eu lía en voz alta algunha noticia e tamén o que miña nai chamaba horóscopo. Así aprendín que había un presidente e moitas vacas e que os maiores gañaban cartos coa quiniela. Esta é outra palabra que me soaba ben e moito mellor aínda despois de que o meu tío Xesús, casado con tía Maruja e residente na Arxentina, chegara sorrindo carregado de masitas para celebrar que lle tocaran uns centos de pesos. O tío dicía que a quiniela uruguaia repartía moitos premios pero eu daquela non sabía de que raio falaba.

A escola comezaba o 15 de marzo. O colexio máis achegado era o Monseñor José Benito Lamas que quedaba a tres cuadras do apartamento. Neste centro de ensino que erguera o párroco Andrés Moreno non había monxas. As clases eran impartidas por mestras contratadas. Houbo que mercar unha túnica branca e unha moña de cor azul mariño. Con este democrático uniforme obrigatorio ingresou oficialmente no novo país. A mestra falou coa nai para dicirlle: La felicito, señora, nadie diría que su hijo lleva poco más de tres meses en el país y ya habla como un uruguayo. Recordaba que en Tines coñecera a dona Leonor. A mestra da Coruña vivía na casa da avoa e ás veces ía con ela pero na clase había moito rebumbio porque os nenos pequenos estaban xunto cos maiores.

Os meus pais falan de instalarse pola conta. A miña nai insistía en que na “Casa Ponti” os salarios eran baixos. O meu pai fora ascendido a capataz de sección pero ela sostiña que aínda así gañaba menos que un condutor de CUTCSA. O meu pai retrucaba afirmando que traballaba menos horas e sen ter que facer quendas. Logo de moito mirar atopan en Propios e Carabelas un amplo terreo cunha vivenda vella no fondo que está sinalizado co número 3937. O propietario viña de enviuvar e vendía para arranxar a herdanza cos seus fillos.

Don Joaquín íase para un pequeno apartamento alugado e non tiña espazo para un can. Quedounos a nós. Cun par de chapas galvanizadas o meu pai fíxolle unha boa caseta co teito en dobre caída para substituír unhas estragadas madeiras. A cucha quedou perfecta. Fun o encargado de pintarlle o nome utilizando unha pintura negro-mate que viñera de “Ponti”. O noso “Lobo” era vello pero impoñía certo respecto. Eran os primeiros días de xaneiro de 1960.

Axiña se fixeron melloras na casa. Os dous cuartos foron renovados en paredes, pavimento e portas. Na fronte un par de parras de uva frutilla protexían do sol ao mesmo tempo que meu pai se introducía na elaboración de viño caseiro. Alí debaixo tiña sempre estacionado o meu coche vermello. A porta de entrada miraba para Propios que era unha avenida con moito tránsito. Un longo camiño de cemento ía desde a casa ata o portón de ferro da entrada. Agora pedalaba sen saír ao exterior.

A nosa casa era a anterior ao solar que facía esquina con Carabelas. Neste terreo estaba Aquiles e un empregado que se dedicaba á fabricación de bloques de cemento pero que non vivía alí. Indo para San Martín tiñamos o galpón dos irmáns Tomaduz. Tiñan unha empresa de construción que herdaran do pai italiano e gardaban alí o material das obras e un camión “Volvo” con motor “Perkins”. Logo viña o edificio no que vivían os meus amigos Claudio, Gildo e Horacio. Os tres eran montevideanos. No baixo estaba o almacén de dona Clelia, a nai de Claudio, que viñera de Pordenone no norte de Italia.

Diante do almacén había tamén un paraíso o cal era sen dúbida un bo sinal. Debaixo xogaba cuns coquitos un rapaz flacucho que semellaba ser do meu tempo. Achegueime a modiño e antes de que eu abrise a boca preguntoume: ¿Vos de cuadros sos? Como non sabía que responder fíxenlle outra pregunta: ¿Y vos?; entón el afirmou: Yo, de Peñarol;ao que engadín: Ah, bueno… yo también. Aquel peñarolense era Horacio Pablo Izaurralde Dorrego. Seguimos sendo amigos íntimos porque a irmandade aurinegra non a separa ninguén. O prezado “Flaco” descoñecía que eu viña da outra beira do mar e que nunca escoitara falar dun equipo chamado Peñarol.

5/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Manuel Suárez

Manuel Suárez Suárez naceu en 1953 en Vimianzo (Terra de Soneira). Con só cinco anos emigrou coa súa nai a Montevideo, onde se licenciou en Dereito. No Uruguai participou activamente na vida asociativa galega e dirixiu a publicación trimestral Guieiro. Tamén publicou o libro "Memorias Riopratenses" (2003). »



Anteriores...