Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Manuel Dios

30 de Xaneiro, Día Escolar pola Paz

10:02 30/01/2009

Colexios e institutos galegos, desde hai xa moitos anos, veñen celebrando o Día Escolar pola Paz, no aniversario da morte de Gandhi, unha traxedia que tivo lugar o 30 de Xaneiro de 1948, en Nova Delhi, a mans dun mozo extremista hindú de nome Nathuram Godsé. Foi, como sabemos, un asasinato político, un magnicidio, no mesmo ano en que a Asemblea Xeral de Nacións Unidas aprobaba a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, un texto extraordinario, probablemente o máis influínte e duradeiro do século XX, pero tamén o máis violentado.

Un texto acordado no que Gandhi interveu de maneira notable xunto con outras grandes personalidades da época, de diferentes culturas e civilizacións, entre elas, Eleonor Roosevelt, a viúva do presidente norteamericano falecido en Abril de 1945. Ela foi a presidenta da Comisión Redactora que en Setembro de 1948 remitiu o borrador rematado á Asemblea Xeral.

O proceso de aprobación non foi fácil. Os debates se prolongaron aínda que tiveron a grandeza do consenso. Foran dous anos enteiros de traballo, 81 reunións, 168 emendas, máis de 1400 votos particulares. O momento máxico chegou precisamente o 10 de Decembro de 1948 cando, por fin, a Declaración Universal se aprobaba sen un so voto en contra, aínda que 8 estados decidiron absterse.

O pasado 10 de Decembro conmemoramos o seu 60 Aniversario (1948-2008), con iniciativas moi diversas que os centros escolares, sobre todo os máis dinámicos, promoveron, arredor dos valores que a Declaración proclama. Entre outras, a que celebramos no Consello da Cultura Galega e na que moi diversas personalidades (e tamén xente do común) leron –conxunta e solemnemente, os 30 artigos e o seu marabilloso Preámbulo:

... Considerando que o descoñecemento e o menosprezo dos dereitos humanos ten orixinado actos de barbarie ultraxantes para a conciencia da humanidade; e que se ten proclamado, como a aspiración máis elevada do home, o advenimento dun mundo no que os seres humanos, liberados do temor e da miseria, gozen da liberdade de palabra e da liberdade de crenzas...

 No Seminario Galego de Educación para a Paz,  desde 1985, vimos traballando -de maneira ininterrumpida- na sensibilización social e na divulgación dos dereitos humanos entre o profesorado e na comunidade educativa, na idea de que é unha extraordinaria ferramenta didáctica para a educación nos valores cívicos e democráticos, así como no que nós chamamos Cultura da Paz, un concepto que non só abrangue a educación para a paz, os dereitos humanos e a democracia, senón tamén, a superación da exclusión e da pobreza, que está en íntima relación cos Obxectivos do Milenio, tan urxentes como incumpridos; no diálogo intercultural, sen dúbida o máis relevante dos fins da Alianza de Civilizacións; ou na consolidación da paz e a solución pacífica de conflitos, facendo fincapé, sobre todo, na prevención dos mesmos.

Coñezo moitos cidadáns e cidadás que viven nun estado de auténtica indignación. ¿E como non vai a indignarse a cidadanía vendo como proliferan os fondos económicos para o rescate do sistema financeiro internacional, en cantidades que son incomprensibles para o común dos mortais, mentres que se escatiman as axudas para combater a pobreza e a fame, a mortalidade infantil nos países máis empobrecidos por enfermidades que están superadas en Occidente, ou a SIDA, particularmente endémica en África; o analfabetismo crónico, o acceso ós bens máis elementais por parte da maioría da poboación mundial ou para conseguir frear o cambio climático que algúns negan, de maneira certamente exótica nos tempos que corren?.  Indignación que aumenta cando observamos, desde hai tantos anos, tantas e tantas promesas incumpridas, tantas mentiras, tantos enganos cos países máis desfavorecidos... e mentres, os paraísos fiscais están cheos a rebentar...

Alguén tivo a xenialidade de dividir os millóns de euros e de dólares canalizados para o rescate dos bancos en todo o mundo, na primeira provisión de recursos, unhas cantidades seguidas de moitos ceros, de dividilos, digo, entre todos os habitantes do planeta, algo máis de 6.500 millóns de persoas. E, ¡vaia sorpresa!. Resultou que todos e cada un de nós, seriamos, automaticamente, millonarios, con mais de 100 millóns por persoa !!!.

Na Educación para a Paz distinguimos moitos tipos de violencia. Pero si tiveramos que resumilos en dous, falariamos da coñecida como “violencia directa”, aquela que percibimos inmediatamente como tal (unha agresión, unha violación, un avión petando contra das torres xemelgas...), e a que denominamos como “violencia estrutural”, moito máis opaca, máis difícil de identificar, máis sutil, aquela que ten que ver coas inxustizas, tal e como afirma a vella máxima, tan certa,  de que “as inxustizas de hoxe son as guerras de mañá”. Porque condenar a dous terzos da poboación mundial á miseria e á fame, iso é violencia estrutural. Facelo ademais mentres priorizamos o rescate dun puñado de tramposos, sen responsabilidade algunha, máis que indignante...

Tódalas persoas de ben aborrecemos do terrorismo e da violencia para acadar obxectivos políticos, incluído o terrorismo de Estado. E si existe hoxe un Estado que practique de maneira criminal a violencia indiscriminada e desproporcionada, sen escrúpulo moral algún, sen respecto polas elementais normas da guerra (que vergoñento resulta falar disto), ese é o Estado sionista de Israel, a quen a comunidade internacional segue a dar bula e licencia para matar sen compaixón, violando sistematicamente a legalidade internacional, burlándose dos Dereitos Humanos e das mesmas Nacións Unidas, un Estado a quen rearman constantemente os Estados que se sentan no Consello de Seguridade, sobre todo e principalmente os EE.UU.

E que ninguén pense, nin por un momento, que o que veño de dicir, pretende abalar a violencia de Hamás ou calquera outra. Nada máis lonxe da realidade. É o pobo de Gaza, Palestina enteira, a que escolle a súa representación lexítima, e a Comunidade Internacional debe aceptalo, democraticamente, non só cando gañan aqueles que apoian, sobre todo por egoísmo lúcido, para que os fundamentalistas violentos transiten, o máis rapidamente posible, cara a acción política.

Por iso, neste 30 de Xaneiro, no Día Escolar pola Paz, como o pasado 10 de Decembro, Día dos Dereitos Humanos, temos a oportunidade de reflexionar e de actuar. Porque sendo importante a reflexión non é suficiente coa análise, co debate. Debemos intervir, ser protagonistas e non tan só espectadores, especialmente, para que nos oian e tamén para que nos escoiten, para contar nas decisións e non só para que nos conten...como acostuma a repetir Federico Mayor Zaragoza.

Está ben que aproveitemos a ocasión (e todos os días) para traballar co noso alumnado sobre a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, sobre todo, neste ano 2009, consagrado por Nacións Unidas como Ano Internacional da Aprendizaxe dos Dereitos Humanos, que paradoxo, e non só no marco da nova materia de Cidadanía e Dereitos Humanos, que empezará en 6º de Primaria o curso que ven, senón de xeito transversal, en todas as áreas e materias, con actividades de aula e colectivas, para culminar nese día, a tarefa e os esforzos de todo un ano.

O Seminario Galego de Educación para a Paz, directamente e na súa web, ofrece numerosos materiais didácticos para esta conmemoración e anima a actuar en solidariedade, nesta ocasión, con colexios e institutos de Gaza, ou a remitir cartas de protesta, peticións de rectificación, de sancións e indemnizacións, á embaixada israelí en España, ó Secretario Xeral das Nacións Unidas, ó noso goberno, porque como di o novo presidente norteamericano, yes we can, xuntos podemos, porque outro mundo é non só posible senon necesario...

3,2/5 (10 votos)



Manuel Dios

Manuel Dios (Santiago, 1953) está licenciado en Maxisterio e Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago. »



Anteriores...