Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xabier P. Docampo

Carta aberta a Don Julián Barrios, Arcebispo de Santiago

19:51 12/02/2009

Eminencia Reverendísima: Diríxome a vostede como responsábel da diócese na que sucedeu un feito cuxos detalles e posteriores reflexións lle quero transmitir.

Non vou citar nomes de persoas nin lugares, porque prefiro que se vexa máis o asunto que o escenario e os protagonistas. Verá, o pasado día 11 de xaneiro faleceu o meu sogro (descanse en paz) e eu soliciteille ao crego da parroquia onde, pola súa manifesta vontade, se habería de enterrar que fixese o funeral en galego, demanda á que se negou redondamente. Procurei a intercesión dun párroco anterior e tampouco así o conseguín. Tivo que ser este mesmo crego amigo o que, superando dificultades persoais coa súa grande xenerosidade de sempre, veu celebrar a liturxia na nosa lingua.

Estes sonlle os feitos, señor Bispo. Pense por un intre que o asunto fose ao revés e un crego se negase a facer un funeral en castelán cando así llo tivese solicitado a familia. Non se lle escapa que a cousa non se limitaría a esta carta escrita tres semanas despois dos feitos, o conto estaría nas primeiras planas de todos os xornais españois, nas radios e nas televisións. Non lle digo nada do que esbardaría o señor Jiménez Losantos, a señora Rosa Díaz, os de Galicia Bífida, dona Corina Porro e, desde logo, teña por seguro que se sabería no Vaticano.

Pode ser que a vostede este asunto non lle pareza maiormente grave, á fin foi sempre a actitude que adoptou a xerarquía da igrexa galega con, iso si, escasas pero honrosas excepcións. Para vostedes Deus entende todas as linguas agás o galego. Puxeron, nun acto blasfemo, a igrexa e Deus ao servizo da lingua castelá.  Xa sei que unha maioría dos cregos falan cos seus parroquiáns en galego, mesmo o fai o protagonista deste meu incidente, pero é que iso é peor, estanlles a dicir coa esa actitude que o idioma co que eles falan non val para falar con Deus, que ao traspasar a porta da igrexa hai que falar na lingua divina que é o español. Lembre aquel antecesor seu, Monseñor Guerra Campos, que ante a proposta da liturxia en galego respondeu aquilo de “¿tú te presentarías ante Dios en alpargatas?” dando a entender que a lingua da igrexa debe ser a dos poderosos que visten fino e calzan zapato de tafilete, non a dos humildes homes e mulleres do pobo. Hai soberbia máis grande, señor Bispo, que a de, nun medio no que a única lingua de instalación e relación é o galego, no momento de acceder aos sacramentos dicirlle á xente que fala mal, que a súa lingua non val para falar con Deus? Dígolle isto porque eu hai moitos máis anos ca el que me relaciono coa xente das parroquias que leva este crego e sei ben que a súa lingua é o galego, a que falan xusto até traspasar a porta da igrexa. Como sei que a liturxia en galego era a única co anterior crego (outra excepción).

En fin, non quero entretelo máis que a ter moitas cousas que facer, estes foron os feitos e esta é a situación. Xa sei que é inútil a miña carta, nada vai cambiar, porque Deus é moi velliño xa para aprender o galego  Por certo, onde estaba o día de Pentecostés cando todos acadaron a entender e falar todas as linguas?

Un saúdo afecuoso.

4,61/5 (36 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: