Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xoán Carlos Garrido

Democracia

10:15 27/03/2009

Quizais alguén debera facer unha análise sosegada da involución que supuxo o chamado “acoso xudicial a ETA” e as consecuencias que isto tivo alén da deserción das doutrinas xurídicas liberais, isto é, o que representou para a desvalorización da propia democracia que posuímos e, en definitiva, a repercusión para o conxunto da sociedade. Mais calquera se atreve. E non só pola catalogación como terrorista de quen ouse tal cousa, senón, o que máis doe, por ter que sufrir reaccións infantís fronte a un tema tan grave e serio coma este.

Algo se ten feito ao respecto da primeira cuestión, isto é, as contradicións entre o ideario constitucional que orienta as penas cara a reinserción e o que supón castigos como a dispersión; o paradoxo de que haxa tribunais especiais, tratamento diferenciado dos reclusos, etc… e que se negue ao mesmo tempo o carácter político destes presos; o cumprimento integro das penas como eufemismo dunha cadea perpetua descartada no ordenamento constitucional e o problema de aplicar a retroactividade sen ir contra as bases mesmas do Estado de Dereito, e sobre todo, a multitude de conculcación dos dereitos civís básicos que se cometeron a hora de proceder a ilegalización dos diferentes partidos políticos e mesmo o proceso contra quen tivo conversas con un membro dun grupo ilegalizado polo que supón isto de extensión dos círculos dos acosados xudicialmente a cada vez un abano máis amplo de cidadáns (no devandito xuízo polas conversas con Otegui chegaba a abranguer ao propio PSOE). Mais estas disonancias se liquidaban co remoído recurso a que os que están contra o sistema non poden beneficiarse de dito sistema.

Para “derrotar a ETA” –dicía Aznar- “non nos imos saír das regras de xogo do Estado de Dereito”, e ese argumento foi esgrimido contra os gobernos do PSOE manchados pola trama dos GAL, e todo o mundo aplaudiu isto sen decatarse da trampa. A estratexia de combater a ETA sen saírse das regras de xogo consistía simplemente en mudar ditas normas non só das bases legais senón, sobre todo do marco de consenso social coa escusa de acurralar aos “violentos”. E certo que aínda que foron o PP e o PSOE quen promoveu estas iniciativas dentro do chamado “Pacto pola Paz e a Liberdade” quizais pillou por sorpresa aos que non sendo violentos pensaban que isto non ía con eles. E certamente, o asunto ese de que se beneficien do réxime democrático aqueles que non cren nel era discutible e saír na súa defensa facía que un correra o risco que fixeran un día calquera barbaridade e que deixara en ridículo, por exemplo, as críticas que se fixeran ao peche dun xornal cando a reacción que isto provoca é o asasinato de xornalistas. Moitos se viron paralizados por ese dilema. Mais a cuestión de fondo era en que se estaba a converter este sistema que deixaba de actuar segundo aquilo que o definía para combater a quen o cuestionaba? E, sobre todo, en que se converten os cidadáns que acaban asimilando como natural a ilegalización de partidos en nome do pluralismo democrático, o peche de xornais en defensa da liberdade de expresión, a criminalización das ideas en vez dos métodos que se usan para levalas a cabo e, en definitiva, a identificación da democracia cun só xeito unidimensional de pensar e a descalificación como antidemocrática de calquera disidencia, nomeadamente ao nacionalismo, fronte ao cal se acaba concluíndo que vale todo.

Lembremos a lectura unísona dos tertulianos dos resultados do 1 de abril diante da perda de poder do nacionalismo en Euskadi e Galiza: “una buena noticia para la democracia”.

“¿En que nos hemos convertido?” é o que tiñan que preguntarse na metrópole, se ben non habería que xeneralizar e, sobre todo, o problema non hai que centralo só nos de fóra das nacións sen Estado, que non nos entenden. As veces é ao revés, na precampaña atopamos un artigo dun sexólogo aragonés que se sentiu tan anoxado pola cruzada de difamacións contra Vicepresidencia, á que mesmo se chegou a acusar de promover a prostitución pola presenza dunha polémica escritora nunhas xornadas as que o maño asistiu, que remitiu unha carta indignado a un xornal baixo o título “Prostituyendo los hechos” nos que chamaba a atención sobre o nivel inquisitorial ao que se rebaixou o debate social que mesmo desaparece e é substituído polo insulto e a xudicialización. Querían meter no cárcere aos que opinaban distinto. Noutros tempos isto tería un calificativo adecuado polo que supón de censura da liberdade de pensamento, de coartar o debate, de proscribir as diferenzas. Mais todo o mundo concordará que sería un abuso despachar a quen isto sostivo cun termo que está asociado a prácticas que nada teñen que ver co ideario democrático e o quefacer cotiá da asociación que se prestou á operación calumniadora contra o BNG na Xunta, por moito que manque esta actuación concreta. Fronte a esa prudencia, un sorpréndese da alegría coa que se imputan alcumes totalitarios ao nacionalismo a pesares da ausencia de calquera comportamento que teña que ver co que representaron no pasado as diferentes tiranías. O seu carácter autoritario “se le supone”. Parece que se conseguiu implementar a percepción social de que un nacionalista é un antidemócrata, faga o que faga, e quen combate ao nacionalismo é demócrata por definición. Mesmo é xustificable un acordo de goberno PP-PSOE (primeiro Navarra, agora Euskadi, logo…) baixo esa cobertura.

E que pinta en todo isto ETA? Habería moito que dicir da súa funcionalidade para isto, e non só deles, tamén dos que miméticamente e de xeito colonizado reproducen noutros lares a súa retórica aínda que afortunadamente non a súa práctica. Mais ao fin, o certo é que posiblemente o resultado final do proceso de depreciación da democracia  fose o mesmo sen eles. Lembremos a reacción contra o chamado referendo de Ibarretxe. Ningún atentado conseguiu condenas tan contundentes e palabras tan duras. A tese fundamental era que consultarlle á cidadanía era antidemocrático. Neste mundo que tanto se vota, até por sms e internet, resulta que cada vez se decide menos, non xa o modelo económico ou a estrutura do Estado senón que moitas outras cousas fundamentais para a vida da xente xa deixaron de ser opcionais; en cambio ponse o énfase noutros asuntos triviais que se colocan no centro do debate de tal xeito que o 1 de marzo, se fixeramos caso da prensa, do que se trataba era só de escoller o coche do Presidente da Xunta ou a onde e con quen debía ir de vacacións o Vicepresidente. Isto é ao que queren reducir a democracia?

A tautoloxía de Tomás Urzinqui: “non hai democracia sen sociedade soberana” hai que matizala á luz do feito de que a democracia é gradual e a soberanía é relacional. Con todo cada vez é máis evidente que canto máis nacionalismo, máis democracia (máis decisións en mans dos parlamentos nacionais, máis xestión dos propios recursos, máis intervención e planificación da economía ao servizo da comunidade, maior desenvolvemento da creación cultural propia en función das metas de cada pobo) E canto menos nacionalismo, menos dereito dos pobos a tomar as rendas da súa vida e máis se entrega o seu destino a instancias afastadas lonxe do seu control e da súa participación. Non se trata só da execución do programa neoliberal da globalización no Estado Español (pensamento único, privatización, baleirado de contido dos parlamentos, homoxeneización cultural e lingüística, etc..), o problema é que historicamente este ideario foi a alma da democracia desde que este réxime naceu no sentido moderno á par desta ideoloxía que lle deu sustento aló polo século XVIII coa liberación das colonias americanas e a revolución francesa. Por isto a persecución que se está a levar contra ese ideario vai contra as bases mesmas deste sistema político. Non é que a nosa fose unha democracia de grande calidade. Mais compre reaxir para que non se deteriore máis. Qué facer? Por onde empezar? Podíamos comezar por concienciármonos do principal antes de entrar en cuestións secundarias, isto é, decartármonos de que canto menos nacionalismo, menos democracia.

4,33/5 (57 votos)



X.C. Garrido

Xoán Carlos Garrido Couceiro (A Estrada, 1965). É Profesor de Filosofía e membro da Fundación Bautista Álvarez na que é Director do "Terra e Tempo". Autor de "O pensamento de Castelao" e "M. García Barros, loitando sempre". Traballa na recuperación da memoria histórica na Estrada. En 2009 publicou o volume Piñeiro contra Castelao, Castelao contra Piñeiro. »



Anteriores...