Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fermín Paz

A dimensión social da enerxia

09:20 07/04/2009

Algunhas voces queren reabrir o debate nuclear, outras falan das tomas de posición nos accionariados das empresas, o plano eólico e as concesións estiveron omnipresentes na campaña electoral galega, as instalacións das  infraestuturas enerxeticas son enxuizadas por sectores cada vez máis amplos  e namentras  seguen co “luxo asiatico” do transporte da electricidade centos de quilometros ao grandes centros de consumo, e que dicir das conxestións á hora de dar saída ao excedente que se produce en Galiza (31% da xeración) que tanto preocupa ao Ministerio de Industria Español, mentres o que acontece coa rede de distribución (en media-baixa tensión) parece un tema menor e debera ser unha prioridade, pois moitos usuarios están indefensos ante os problemas que sofren co deterioro deste servizo en moitos lugares do territorio galego; as empresas alegan os condicionantes do mesmo territorio e os grandes investimentos que hai que facer, mentres se esquecen dos custos medioambientais que Galiza sofre como consecuencia da xeración eléctrica, da drenaxe via tarifa única en todo o Estado Español e con iso, de que vale ter unha vantaxe relativa como País, nesta “especialización industrial”?

O debate enerxético adquire, no contexto actual, unha maior relevancia non só porque a enerxia é peza clave e estratéxica no desenvolvemento económico de calquera país (por iso é  indispensábel re-artellar dende unha perspectiva nacional a política enerxética e a política industrial), senón ademais, porque o uso enerxético adquire unha centralidade no contexto vital de calquera persoa ao vincularse tanto o tema de medio ambiente e o desenvolvemento sustentábel, como á esperanza e calidade de vida da poboación.

Dende unha perspectiva política, económica e social, a política enerxética adquire relevancia ao poñerse a proba a capacidade de quén goberne, para asegurar a protección do consumo enerxético aos sectores sociais que viven en condicións de precariedade; neste debate entran en tensión posicións diverxentes. Algúns poden pensar que logo da creación da tarifa social no Estado Español (mediados de 2008) este problema quedou solucionado, pero convén afondar un pouco na sua aplicación aos subministros domésticos que contrataron unha potencia inferior a 3 Kw., entre outras condicións. Esta tarifa non inclúe o termo de potencia e o de enerxia coincide co da tarifa 2.0.1 Tamén lle é de aplicación a exención aos efectos de facturación dos primeiros 12,5K kwh mensuais que se consuman. Pero pese ao que supón de mellora respecto da situación de partida, unha auténtica tarifa social eléctrica debe vincularse á renda dos usuarios e non só á potencia contratada pois se se configura atendendo só ao termo de potencia, un gran grupo de usuarios con rendas baixas son excluídos da mesma.

Non debe descoñecerse que algúns actores no sector pretenden, sen dicilo, que os seus posicionamentos teñan respaldo lexislativo e gubernativo, partindo da base de que o enerxético xa non se xestiona dende unha perspectiva de servizo público, polo que a etapa actual, chegaría a sua fin. Mais o acontecer diario reflicte a contradición desta tese, pois só é preciso lembrar como nas últimas semanas, a política de facturación das empresas no sector xerou descontentos, protestas e reclamacións (en moitos casos con razón). Aínda que estas manifestacións parecesen inscribirse nun plano económico, concretan a “sensibilidade” que tén o tema enerxético tamén noutros planos, nos que as empresas son só un actor, non o sector.

Dende a Asociación Internacional “Dereito á Enerxia” estamos promovendo unha iniciativa para debater co conxunto dos actores intervintes no sector estas cuestións. Así baixo o título “A dimensión social da enerxía” imos celebrar dous eventos, un en Exipto e outro en México, nos que exporemos as nosas ideas-forza que agora quero sintetizar.

En moitos lugares do mundo, algúns analistas sosteñen que o Estado cumpriria coa sua tarefa de facer accesíbel a enerxía á poboación, xustificando a mal chamada “desregulación”do mercado enerxético. Este argumento resulta con todo bastante feble se consideramos que un servizo público (incluso o eufemismo de servizo esencial como se denomina na lexislación española) inscríbese na consigna de facer accesíbel o servizo a toda persoa, en calquera parte do territorio (electrificación) en calquera momento (continuidade do servizo) e independentemente da sua posición económica, social e xeográfica; e en condicións de calidade e a un prezo accesíbel (xusto en relación á capacidade económica), garantindo incluso a seguridade na infraestrutura eléctrica e a adaptación do servizo ao desenvolvemento tecnolóxico.

Precisamente, no debate sobre a política enerxética, a discusión ao redor das misións do servizo público da enerxia son fundamentais para enmarcar o sentido da prestación do servizo público. Este debate adquire ademais unha maior centralidade no contexto da crise económica ao poñer a proba, non só a capacidade do Estado para regular o mercado financeiro, senón para definir os mecanismos que aseguren a protección dos sectores sociais máis vulnerábeis da poboación; por iso é polo que as iniciativas que estamos promovendo en diferentes partes do mundo para que se recoñeza o dereito social á enerxía, adquiren unha maior relevancia ante a crise e as suas consecuencias para a clase traballadora e as clases populares que en definitiva serán as que a teñen que sofrer, o empobrecimento, o desemprego crecente, a perda de poder adquisitivo, o control que se exerce “dende arriba” aos procesos de negociación salarial, e a orientación (bastante nebulosa) da política tarifaria que se define dende os Gobernos.

Precisamente, máis aló de que os recursos enerxéticos sexan a base para o desenvolvemento da economia nacional e dos sectores produtivos, a crítica que se exerce á orientación da política enerxética enmárcase na consígna de que o consumo enerxético artéllase ademais no contexto vital e da calidade de vida. Neste senso, a enerxia eléctrica é sen dúbida un ben fundamental para asegurar tamén o desenvolvemento social de calquera país, por iso o servizo público da enerxia eléctrica non só é estratéxico, senón vital no contexto social de calquera persoa e de toda familia.

É por iso que o debate enerxético non só implica unha disputa por orientar a política enerxética, senón que integra ademais problemas claves na sociedade contemporánea aos que se asocia o desenvolvemento sustentábel, a produción e o uso da enerxía, e as nosas aspiracións a unha vida digna. Neste senso, a nosa iniciativa de dimensión social da enerxia, suscita no fondo unha articulación entre a política enerxética e o contexto vital das clases populares.

Así, no debate que lanzamos sobre o dereito á enerxía e a protección do consumo enerxético pondérase, sobre todo, o valor do uso da electricidade, contrapóndose ao ideal do libre mercado onde a electricidade concíbese como unha mercaduria.

A iniciativa de que se recoñeza a tarifa social como un mecanismo de protección social inscríbese ademais non só nun sentido de xustiza social, senón tamén nunha problemática que é moito máis complexa. Así algúns dos aspectos que se poñen a discusión con esta iniciativa son:

a)A protección do usuario en condicións de precariedade ao recoñecer que o consumo de enerxia eléctrica atópase asociado a diversos indicadores da calidade de vida da cidadania e en consecuencia ao desenvolvemento e a cohesión social.

b)Trátase dunha iniciativa que pondera o valor do uso da enerxia eléctrica; ao propoñer mecanismos de protección e solidariedade cos usuarios en condicións de precariedade; o que implica esixir a aplicación de mecanismos técnicos, xurídicos e financeiros que aseguren o consumo de enerxía aos sectores sociais de escaso poder adquisitivo e esixir ao mesmo tempo o investimento no mantemento e expansión da infraestrutura eléctrica.

c)Ao ponderar o valor do uso da enerxia eléctrica, a iniciativa de dereito á enerxía en tanto que o dereito ao consumo enerxético concíbese ademais como un factor de equilibrio social, é dicir, como un compoñente importante da xustiza social. Neste senso, recoñecer o dereito á enerxía implica afortalar a noción de servizo público, agora que o neoliberalismo reduciu en moito a responsabilidade social dos Estados. O dereito á enerxía é un contrapunto ao discurso de “ mercado” e ao modelo de xestión das empresas enerxéticas que se focaliza máis na eficacia económica que nas misións de servizo público.

d)O dereito á enerxía é unha resposta política ao neoliberalismo e á suposta despolitización do “mercado”, non é de estrañarse que o recoñecimento ao dereito á enerxia atope entre os seus principais opositores aos mesmos  que pretenden abrir o “mercado” sen outra protección social que a suposta ética empresarial.

e)A protección social do consumo dos sectores sociais máis desfavorecidos implica en consecuencia abrir espazos de diálogo e participación social moito máis amplos no que terían que intervir os usuarios do servizo público.

4,34/5 (38 votos)



Fermín Paz Lamigueiro naceu nas Pontes en 1951. Militante de Movemento pola Base é secretario xeral da Asociación Internacional “Dereito á Enerxía –Sos Futuro”. »



Anteriores...