Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Heitor Picallo

Na Fontenla...na Fonteverde

18:00 14/04/2009

Ábrese a porta da ilusión cunha nova idea, namentres o río bate nas laxes humildes do lavadoiro fluvial, que tras longos anos de mergullo aboian do novo, para recordo daquel labor sinxelo, realizado por mans sinxelas e miúdas, pálidas pola friaxe da auga no inverno. Xa non hai mans que refreguen esas pedras solitarias acariñadas pola auga, silandeiras xacen aos ollos de todos, para seren memoria viva da xenerosidade. E quizais foi o atrevemento de Jean o que rescatou o erosionado mazadoiro, cativeiro, pero auténtico, enlordado polo limo e a frouma enchoupada e desfeita.

Chanzo a chanzo reconstruíuse a escada da construción popular, sen sinatura, sen vaidades, pero auténtica, e cada unha desas modestas pedras, sen moito esforzo, reconquistaron espazo e recuperaron permanencia. Ao tempo, álzase o ceador, nun propósito de reciclaxe, de reutilizar o material desafiuzado da función orixinaria, e olla caro ao río, que tranquiliza a pausa e descobre a paisaxe minúscula que só se esperta co bruído do ar e o asubío dos paxaros, ou dunha man que repousa no ombreiro de quen a observa, e é parte desa escena onde non hai ausencias. Despois de décadas sen sementeira, os agros labráronse de novo, esta volta para seren xardíns e deixaren no olfacto o recendo da herba, fresca e cortada, pero aínda miúda, carente de folgos e ateigada de cor. Con area torrada e xabre, cintáronse os lenzos e os valados, da casa vella de Fontenla, ergueita, ou reergueita, no século XIX e arestora recuperada da doenza do tempo, que achica as trabes e derruba os recordos. Renace como quixeron os seus, sen renunciar ao bo gusto e á autenticidade, con estilo e harmonía. Non hai un instante para a frustración dentro do desacougo que ocasiona a ledicia e a renacenza. Fontenla era onte unha casa humilde de bañeiros de oficio –que traballaban no Hotel La Virgen dando augas aos visitantes– e hoxe agroma como Fonteverde, un fogar hostaleiro na vilega urbe do Baño, antiga polo seu nome e historia, e mancada con dor por todo o que nos foi usurpado en Cuntis: a auga, a calor, o brillo, o cheiro, a materia que humedece as mans e terma da nosa identidade comunal (arestora capitalizada e rabuñada até o fondo do que somos como pobo).

Silvia decora acó e aló: un cacharriño, unha cesta, unha butaca, uns libriños máis para a biblioteca e uns poemas, enmarcados, para o recuncho da poesía, que tratará sobre a auga, a choiva, o mar.... Velaí o recordo, os versos da guineana Domingas Samy: “Sentada na margem / do Mar azul, / lágrimas nos olhos, / contemplava a água límpida / e sonhava alcançar / un mar transparente coberto de rosas”.

Todo ten un aire cómodo e fresco, acolledor, con recendos líquidos a outras épocas que se foron pero que se reescriben en cada folla lida ao pé da galería de cristal e nos nomes das estancias: a fonte da Ferreira, Eira Nova e Eira Vella, A Carreira do Conde... As madeiras son escuras, mais non opacas e si con vernices cálidos. Os mobles foxen da claridade e os que son novos combínanse cos máis vetustos, sen contrastes violentos, sen evolucións bruscas, senón ao contrario, con ritmo pausado, como a tranquilidade que se percibe no interior do inmoble, unha fervenza de relaxación vívese acotío en Fonteverde, porque as présas non teñen acougo, fica só o silencio, e a conversa pausada, de ton baixo e agradable que a ninguén ofende, porque respecta a todos.

É un novo hoteliño que quebra en anacos o monopolio, e que excita de emoción aos seus veciños polo feito de teren algo máis que dicir, por gozaren dun anaco do seu pobo recuperado, para todos e para o forasteiro. O luxo está no bo gusto, non na ostentación, con columnas de aliaxe e trabes de madeira que quixesen termar a primeira planta, pero só decoran e agradan ao que observa. E aínda que se percibe certo aire francés, do Atlántico evidentemente, ben da Bretaña ou das proximidades do val do Loira, quizais tamén pola procedencia de Jean Remérand (concretamente do Châteauroux, país de Henri Pichette), quizais polo amor de Silvia Fernández ás letras francesas, todo isto non  racha, abofé, co que evidentemente nos é de seu. Ela, compostelá de nacenza e oriúnda de Lalín, gusta do diverso xa que o amor a humanidade está no amor ao noso e ao diferente, ao alleo e ao autóctono, quizais... quen sabe o porqué desas sensacións que refulxen do papel pintado das paredes. A epifanía percíbese nos estímulos, dos propietarios, dos visitantes, dos veciños... cos ollos emocionados tras a descuberta.

No entanto, Galiza está en cada recuncho do edificio, na pedra áspera que labrou o canteiro anónimo, nas zocas que repousan do cansazo ao carón das escaleiras, nos mobles deste país ou tamén do lusitano, que é irmán pequeno do noso, na aceiteira enorme que acubilla un historia ignorada, nas etnografías que se recuperan para recreo de quen as aprecia. A hostalería non ten que rachar co respecto, nin só debe ter as miras na rendibilidade económica desprezando o vetusto e o bo gusto. A funcionalidade non loita coa estética, xa que esta cumpre un dobre cometido: xerar unha atmosfera e un ambiente concretos ademais de, simultaneamente, dar xermolo á conversa e ao posterior recordo.

*Título completo do artigo: Na Fontenla...na Fonteverde. A casa da auga e da pedra

3.2/5 (30 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Heitor Picallo

Nacido n'O Baño(Cuntis) en 1974,  é titulado en Enxeñería Naval pola Universidade da Coruña. Ten publicado o ensaio Xohán Xesús González: un precursor do soberanismo galego (Laiovento, 2008) ademais de numerosos artigos e traballos en diferentes medios. »



Anteriores...