Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xosé Manuel Figueiras

O novo rexionalismo europeo

19:10 12/06/2009

Vemos nestes días que as eleccións ao parlamento Europeo son o esperpento que permite á oposición erosionar, ou cando menos cuestionar a lexitimidade do goberno español, e nesta atitude  pervive unha das moitas crises que afectan á política europea e á Unión Europea, como proxecto común.

Non é lóxico usar unhas elección ao Parlamento Europeo para depoñer un goberno local porque ese non é o fin deses comicios, e aínda que en política parece que todo vale, non estaría de menos recordar que xa que logo habería que empezar a falar de depoñer un goberno “rexional” xa que se utiliza a forza dos votos nunha circunscripción para intertar cambiar o seu equipo de goberno nun espazo xeográfico menor. Isto amosa que Europa sufre unha crise de consolidación en parte por aquelo que algúns estados denuncian como maligno de portas a dentro, e que moitos deles mesmo chegan a negar: o rexionalismo.

Neste caso o rexionalismo dos estados impide que se poida falar do que interesa realmente no contexto da política europea, é dicir, por poñer algúns exemplos: da representación dos intereses dos cidadáns da circunscrición nese foro continental; de cales serán as súas posturas á hora de confrontar problemáticas comúns como a enerxética, a reforma da Política Agraria Común que tanto afecta ós nosos gandeiros, a política pesqueira e a protección do medio ou mesmo a importancia de poñer en valor a codecisión que o Parlamento Europeo ten en determinadas materias e que tanto incordia ós gobernantes estatais; e por se fora pouco, evita unha valoración efectiva do traballo desempeñado polos anteriores representantes na antiga lexislatura. Pola contra o debate convértese nunha sorte de crónica negra cos detalles macabros de curas pervertidos en Irlanda, os casos caseiros de corrupción, ou para variar, ábrese o debate do círculo antiabortista.

Ao final o discurso dos grandes partidos que controlan os medios de comunicación en tódolos estados non difire moito do que dende o punto de vista europeo se considera rexional. Polo tanto a caste política mesma se denuncia mentres se recriminan mutuamente problemas locais. É dicir, confunden o touciño e a velocidade, e no pecado vai a penitencia. Porque mentres esto ocorre, a reacción conxunta ante ameazas como a crise financieira é descoordinada. Mellor non pensar qué ocorrería en caso de agresión militar externa. E todo grazas ao rexionalismo.

3,53/5 (15 votos)



Licenciado en Ciencias Políticas da USC, Master en Institucións e Políticas Europeas pola Universidade de Lovaina. Foi analista do IGADI, do que segue sendo colaborador. Na actualidade desenvolve a súa actividade laboral no Reino Unido como responsábel internacional para Latino América, Portugal e España de Tangent International Ltd.

Outros artigos en Vieiros:

Suíza: inmigrantes Go Home (02/10/2006)
Que podemos esperar de Europa na loita contra incendios? (16/08/2006)
Europa en mans dos tribalismos estatais (13/06/2006)
Liberais británicos: vía libre para os tradicionais (09/03/2006)
David Cameron: a renovación dos conservadores? (29/12/2005) »



Anteriores...