Vieiros

Vieiros de meu Perfil


David Rodríguez

O menos común dos sentidos

11:20 14/07/2009

Expoño a seguir algunhas reflexións que quixera compartir ao fío do sucedido en torno a dous feitos políticos —un a escala internacional o outro a escala local— que tiveron lugar estes días. O primeiro é o golpe de estado en Honduras. O segundo, a moción de censura en Gondomar. Pero tranquilidade, non é a miña pretensión facer unha comparación directa e forzada entre o derrocamento manu militari do presidente Zelaya e o derrocamento per loca transfuguista do alcalde Araúxo; senón determe, unha vez máis, nun fenómeno —a prostitución da linguaxe— común a un e a outro acontecemento.

E é que a creba do sentido das palabras chama poderosamente a atención nestes episodios. Se para calquera que estivese atento ao acontecido en Honduras era evidente que asistiamos a un golpe de estado, moitos medios de comunicación mundiais (tamén os españois) tardaron un tempo, e incluso discutiron, se o que presenciabamos era un golpe de estado ou a deposición dun presidente que, segundo estes mesmos medios, debía ser arrestado por ter conculcado a constitución. O que seguiu a estes primeiros impases foi a reacción indignada de medio globo que se viu impelido a afirmar o obvio: déranse as voltas que se deran, o que estaba sucedendo en Honduras era, efectivamente, un golpe de estado.

Se imos a Gondomar, e co abismo que separa —como xa puxen de relevo— os dous contextos, non é difícil establecer a analoxía. Así, ante a desinformación interesada dos medios galegos de maior difusión, empeñados en falar continuamente nos seus titulares de «cambio de goberno» debido á «parálise» e non de «moción de censura» ou de «transfuguismo», non estraña que o movemento cidadán que soubo expresar con lucidez a indignación ante o ocorrido se vise obrigado a pór nas súas bandeiras algo ben diáfano e, outra volta,  ben obvio: moción=corrupción. Nesta necesidade de narratividade nos movemos.

Vemos, logo, que tanto nun caso coma no outro, as primeiras horas —as horas das definicións que quedarán na memoria das persoas— eran cruciais. Se os medios trataban, no caso hondureño, de restar forza á idea «golpe de estado» por mor da súa vinculación coa tradición antidemocrática latinoamericana (eles que nos queren convencer que a loita en latinoamérica líbrase entre democracia vs. populismo), no caso gondomarense, a teima era facer desaparecer o termo «moción de censura» ou «transfuguismo» e a súa asociación (máis tratándose deste municipio do Val Miñor) coa mafia urbanística. Conviña, emporiso, deseñar un traxe a medida que fixese democraticamente aceptables e incluso necesarias, prácticas a todas luces execrables. Facer, en definitiva, do excepcional o normal.

Contigua á noción de normalidade está a de sentido común. De aquela ou aquel do que se di que non ten sentido común, enténdese que é unha persoa amiga de abrazar posturas ou comportamentos estrafalarios, pouco razoables, perigosos, ou simplemente loucos; e á inversa, de quen fai gala de sentido común dise que o fai tamén de cordura, prudencia e previsibilidade. A loita pola definición da normalidade é central para controlar que cousas entran e que cousas non entran niso que chamamos sentido común, e controlar a definición de sentido común constitúe o primeiro paso para coutar calquera arela de cambio social; xa que incluso cando coloquialmente se di que o sentido común é o menos común dos sentidos o que se pretende non é por de relevo a imposibilidade do consenso senón a represión de toda violación desas normas non escritas.

Para ilustrar a importancia que outorga a dereita ao significado da noción de normalidade poño tres exemplos tomados da actualidade:

1. O xornal hondureño La tribuna na súa edición do mércores 8 de xullo abriu cunha gran foto na que se ve unha manifestación popular. Se o pé de páxina afirma —indicándonos xa por onde respira ideoloxicamente— que «miles de hondureños marcharon a favor de la paz y la democracia mientras clamaban contra el intervencionismo de Hugo Chávez»; na parte superior da fotografía un grande titular a toda páxina expresa o verdadeiramente interesante: «Volver a la normalidad». Neste caso normalidade significa esquecer que o presidente Zelaya foi deposto irregularmente e aceptar unha mediación entre este e o novo candidato Michelletti.

2. Gondomar. O estreado novo alcalde (un tal Urgal) afirmou —nunhas declaracións a unha emisora de radio o día da moción de censura— que «o que sucedeu na vila é que a xente quería que gobernase xente normal»; neste caso, naturalmente, xente normal significa o propio Urgal.

3. Noutro contexto. O da folga do metal da provincia de Pontevedra. Moitos medios sintetizaron a suspensión por parte dos sindicatos da recente folga do metal coa mesma pílula analxésica de sempre: «Vigo vuelve a la normalidad». Onde normalidade significa que os obreiros non deben protestar polas súas condicións de traballo.

Igual que as rúas de Honduras —como antes as de Bolivia ou as de Venezuela— están sendo escenario de mobilizacións por parte de dous bandos irreconciliables; non é descartable que pronto vexamos en Gondomar algunha mobilización en apoio á moción de censura; consumándose así unha fenda social que semella ser, tanto nestas cuestións como en moitas outras, cada vez máis infranqueable. Se noutros momentos históricos asistiuse a unha competición de sistemas contrarios dotados con cadansúa retórica propia, nesta pax americana imperante, parece que os antagonismos están a desenvolverse no seo mesmo da lingua, até o punto de que mesmo están saltando polos aires as convencións mínimas que establecen cales deben ser os nomes das cousas. A noción de normalidade ou de sentido común —como outros tantos conceptos da lingua— están perdendo a súa inocencia, aflorando, en troques, coma un campo de batalla máis da confrontación política. Hai un sentido-do-sentido-común de dereitas como hai un sentido-do-sentido-común de esquerdas; dando por boa, aínda que sexa por outra porta, a máxima popular de que efectivamente o sentido común é o menos común (en canto que compartido) dos sentidos. O cal me leva a pensar que o que Marx denominaba «guerra de clases» e colectivos radicais franceses actuais, coma Tiqqun, denominan directamente «guerra civil», parece que se comeza a agudizar, nas nosas sociedades mediáticas, antes que en ningún outro sitio, no seo da propia lingua.

4.08/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



David Rodríguez Rodríguez naceu en Vigo en 1975. Forma parte do Consello Dinamizador do I Foro Social Galego e é autor do blog O Funambulista Coxo. »



Anteriores...