Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Masashi Oki

Eleccións en Xapón: cambiará a política exterior?

12:30 04/08/2009

Trala disolución da Cámara Baixa o pasado 21 de xullo, empezou a carreira cara as eleccións anticipadas, que terán lugar o próximo 30 de agosto. Ata o pasado 31 de xullo, todos os líderes e partidos políticos presentaron os seus “manifestos” políticos, dando curso á campaña electoral.

O pasado 1 de agosto, o primeiro ministro Taro Aso pronunciou un discurso na provincia de Niigata, onde moitos xaponeses foron raptados por Corea do Norte. Aso dixo “quero que escollan a política;non que seleccionen o poder político, senón que miren o programa político”, acentuando o resultado da súa política durante os últimos 10 meses. Aso considerou que “estamos na metade do camiño. Temos que continuar esta política”, ao tempo que criticou ao Partido Democrático de Xapón (PDX) ao dicir que “nin sequera puxo en orde as súas ideas da política de seguridade, que é a base do Estado”.

Pola súa banda, o líder de PDX, Yukio Hatoyama, salientou nun discurso a importancia da convocatoria de eleccións anticipadas o próximo 30 de agosto. Hatoyama considera que estas eleccións anticipadas suporán un gran cambio na política exercida polos burócratas dende a denominada “Reconstrución” do período Meiji (1867-1912) que pasará a socializarse, involucrando ao conxunto da sociedade; e da política centralista á política do rexionalismo.

O PDX presentou moitas iniciativas políticas populares no seu programa público “Subsidio aos nenos”, que contén a gratuidade da ensinanza en bacharelato, nas autoestradas, etc. Tendo en conta que estas políticas necesitan de importantes recursos financeiros, o gobernante Partido Liberal Democrático (PLD) criticou a viabilidade do mesmo.
De cara aos próximos comicios xerais, existen moitas posibilidades de cambio de poder político en Xapón, o cal pode anunciar o remate da época de PLD, no goberno por máis de 50 anos. Segundo as últimas enquisas, estes son os resultados sobre a preferencia de voto dos xaponeses:

Enquisa de NHK (do 10 ao 12 de xullo): PLD 24,9%, PDX 26,4%
Enquisa de FNN (o 18 e o 19 de xullo): PLD 19,8%, PDX 32,8%
Enquisa de Yomiuri (do 21 ao 23 de xullo): PLD 25,3%, PDX 31,0%
Enquisa de Jiji (o 16 de xullo): PLD 15,1%, PDX 18,6%
Nippon Television (do 3 ao 5 de xullo) PLD 30,5%, PDX 30,5%

Case todos os medios informativos sinalan que o PDX ten máis apoio na preferencia de voto que o PLD. Aínda que ambos partidos presentarán os seus respectivos candidatos, incluidas algunhas celebridades para gañar os comicios, é posible que mude a taxa de sostemento electoral.

Con todo, hai unha tendencia do cambio político en Xapón, con grandes posibilidades de cambio na política interna. Non obstante, cumpre considerar se esta posibilidade de cambio de poder en Xapón modificará substancialmente as súas relacións internacionais. Diversos analistas e políticos xaponeses consideran que a convocatoria de eleccións anticipadas será unha “elección revolucionaria” a partir da Reconstrución Meiji, co PDX como protagonista desta elección revolucionaria.

Non obstante, o PDX non é un partido reformador, senón máis ben conservador en materia de política exterior. Pola súa banda, o PLD anunciou como promesa electoral que vai defender e levar a cabo o “dereito de defensa colectiva”. Por exemplo, no caso de que Corea do Norte disparara un mísil balístico contra un país aliado como EEUU, Xapón poderá lanzar un mísil antibalístico como resposta. Tamén, Xapón poderá protexer aos barcos de guerra de EEUU para defenderse da ameaza misilística e nuclear norcoreana.

Aínda que sexa importante que o PLD anunciara esta promesa electoral, para levala a cabo cómpre un cambio substancial na interpretación da Constitución xaponesa,. Se o PLD gana as eleccións e leva a cabo este cambio, Xapón aumentará a súa presenza nas relacións internacionais, especialmente no eido militar.

Xapón ocupa o cuarto lugar (2007) e sétimo lugar (2008) do mundo no gasto militar, aínda que non pode facer uso da súa potencialidade militar. Se puidese usala, aumentaría a súa posición coa tecnoloxía militar e avanzaría no camiño da súa “remilitarización”. Polo menos, sería unha conxuntura para cambiar a política de seguridade de Xapón no futuro.
Con todo, o PDX non reseñou claramente o dereito da defensa colectiva no seu programa electoral, debido a que non é un entusiasta defensor da idea da remilitarización de Xapón. Este partido sostén a posición de “exclusivamente defender”, unha doutrina vixente durante 64 anos. Por iso, opúñase a que as Forzas Armadas de Autodefensa de Xapón subministraran petróleo no Océano Indico. Principalmente, o PDX vai dar importancia á ONU para a construción da paz. Tamén di que vai fortalecer e construír unha relación confiable cos países asiáticos, sobre todo China e Corea do Sur, así como establecer a Comunidade de Asia Oriental.

Deste esta perspectiva, é notorio que o PDX seguirá coa política que Xapón defendía logo da Segunda Guerra Mundial. É dicir, sería unha política máis preocupada pola visión e o estado de ánimo doutros países, especificamente aliados como EEUU e outros países asiáticos, afastándose da perspectiva de remilitarización de Xapón. Velaí que, neste sentido, o PDX é un partido conservador.

Na convocatoria das eleccións anticipadas do próximo 30 de agosto, a política exterior non será un tema principal para os candidatos e os seus partidos. Agora, a política interior, especialmente nos apartados laboral e económico, serán moito máis importantes, tendo en conta a perspectiva de recesión económica global.

Paralelamente, os xaponeses desexan un cambio político, incrementando as posibilidades de que o PDX gañe as próximas eleccións. Pero na política exterior é posible un freo ao movemento de remilitarización que empezou nos anos 1990.

4,59/5 (17 votos)



Oki

Licenciado en Ciencia Política pola Chuo University (Xapón), fai as súas prácticas no Igadi. »



Anteriores...