Volver a vieiros

Onde sempre é Bosque

I’m free

Erguíase de madrugada, sempre antes do sol; baixaba ao porto e, mentres o patrón e os homes tomaban café no Pedra Pás, achicaba o bote, comprobaba os niveis e cortaba a carnada. Xa embarcados e mentres navegaban cara o punto das marcas, encarnaba as nasas, deixando que os compañeiros ordenasen a cacea contra a popa. De volta achicaba o bote, reparaba o aparello, baldeaba a cuberta e regresaba á casa.

Pechara a conserveira na que traballaba, separárase do home e morréralle o pai, todo en tres meses. Fora un tempo cativo, soa e con tres fillos aos que contemplaba con tristeza e que, dende o espello dos seus ollos, devolvíanlle un reflectir confiado, a seguranza dunha febre incondicional, porque ela era o fogar, a protección e o acougo. Por eles decidiu ir ao mar.

Ese é traballo de homes, repetíanlle a avoa, a nai e as tías. A ela, andar ao mar sempre lle parecera algo alegre, aínda que agora aprendera que nel son moitos os momentos de soidade, moito o tempo para pensar e cismar no futuro. Os homes aceptárona ben, tíñana por mascota, pero a súa iniciativa foi rexeitada por todas as mulleres da parroquia, que dicían terlle mágoa: tan nova, tan miúda, tan bonitiña e andando ao mar. Miúda si era, tamén bonita, pero eles integrárona na cadea de traballo. A súa confianza estaba no patrón. Pensaba que, de haber perigo, non sairía ou regresaría axiña, e esa certeza era o seu acougo. Entón viñeron o Prestige e a súa sombra.

Os homes ficaron nas tabernas, celebrando a sorte de cobrar sen esforzo, algúns soñando con que o mal perdurase. Pensouse perdida. O subsidio duraría un tempo, pero iso non sandaría o mar e, sen mar, quedaba sen emprego. Anotouse como cociñeira en canto abriu a carpa de acollida aos voluntarios que chegaban de lugares afastados. No mandil mandou imprimir a lenda: I’m free, que non só proclamaba a súa situación persoal, senón a condición principal do seu carácter.

A liberdade levouna lonxe, a ela e aos fillos. Co home que soubo ler o seu corazón e o seu sorriso, regresaba cada ano polo verán, cando as festas da parroquia. No porto fondeaba aínda o barco no que sucara o lombo do atlántico, a cuberta da súa liberdade, a memoria da súa suor que era de sal, coma a dos homes.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:





Francisco Fernández Naval

Francisco Fernández Naval

A escrita de Fernández Naval abrangue a poesía, a narrativa, o ensaio ou o guión. Conta que chegou á literatura polas historias que lle contaban os pais. Comeza publicando en 1980  o poemarioA fonte abagañada, premio da Cidade de Ourense que volvería gañar en 2007 con Miño. A súa estrea en prosa, O bosque das antas, recibiu o Premio Xerais en 1988, narrativa da memoria tamén presente en Tempo de crepúsculo (1993). Nestes anos achegouse ademais á escrita para público xuvenil e de 2005 é Unha cita co aire, novela marcada pola reflexión sobre a existencia e a amizade.


Localización


Galería


Xunta de Galicia. Consellería de pesca e asuntos marítimos.