Volver a vieiros

Onde sempre é bosque

Fartura

O neno da cara afiada e seca era o primeiro en ventar a peixeira. Antes de que a muller, que subía esgotada a empinada congostra cun cesto na cabeza e mantendo o equilibrio cun caldeiro de cinc en cada man, sacase do mandil a buguina coa que avisaba da súa chegada, o neno xa estaba na eira, atraído polo recendo do loureiro e do peixe fresco. A fame turraba del, unha fame longa e grande que non daba saciado por máis que remoese as herbas ou mastigase a terra negra da horta. O recendo que enleaba á peixeira fartábao dalgunha maneira e, malia non ser consciente aínda do que lle acontecía, sentía un saboroso acougo e deixaba de moverse dun lado a outro cos nervios de punta. Mesmo sorría. El non o sabía, pero sentíase feliz. Lembraba algúns momentos en que o posuía esa deliciosa fartura, como cando as silveiras se enchían de amoras e podía comer nelas ata fartar, ou cando mataban un porco e toda a casa ulía a carne fresca.

Ao oíren o son redondo da buguina, as mulleres saían apuradas das súas casas limpando as mans na roupa ou arrincando do peito os bebés acabados de nacer. A peixeira, sen présas, levantaba a tea que cubría o cesto e mostraba a mercadoría prateada ou verde ou azul, segundo a cor da mañá. O cesto estaba cheo de peixes cos ollos moi abertos, mortos, repousando sobre follas frescas de verdura ou colocados directamente sobre poliñas de loureiro. No verán traía os caldeiros cheos de ameixas e berberechos, se é que non llos mercaban antes de chegar ao alto da aldea. Ao neno gustábanlle os berberechos crus e a súa nai mercaba unha boa cantidade para abrilos, pola noite, pousándoos sobre o ferro quente da cociña económica mentres cocía cachelos con loureiro. O pai tamén devecía polos berberechos crus, igual có neno, e abríanos coa punta dunha navalla e comíanos como se comesen unha onda de mar en cada un.

A peixeira ofrecía os berberechos e o loureiro engadindo sempre: “Son de Cortegada. Frescos, acabados de coller”. No tempo das mazás vermellas, a peixeira sentaba no valo da eira mentres as mulleres escollían a mercadoría, sacaba do seu enorme peto unha mazá e comíaa. Era unha mazá moi fermosa e olorosa e ela engulíaa con lentas abocadas espertando aínda máis a fame perpetua do meniño.

—Tamén é de Cortegada? —preguntoulle unha vez e a muller díxolle que si e, entenrecida por aquela ollada perplexa, deixoulle comer o resto. A partir dese día traíalle unha mazá vermella cando era tempo de mazás.

O neno decidiu que cando fose grande deixaría a aldea e iría vivir a Cortegada. Foi o primeiro desexo que sentiu por algo que non pertencía ao vizoso e acolledor espazo da fraga que acubillaba as casas nin ao territorio que podía abranguer coa mirada. Cortegada, a mais de ser un lugar de fartura, tiña que ser fermosa. O neno estaba afeito ao contundente amarelo das mimosas en flor abríndose sobre o profundo verde do bosque, pero no seu bosque as cores eran sempre as mesmas: verdes, amarelas, marróns, aínda que no outono asomase algún granate e algún morado entre as follas secas das parras ou das silveiras. Gustáballe máis o vermello a arder contra o verde, pero desa visión só podía gozar na primavera cando os amorodos se lle ofrecían á larpeira voracidade. A peixeira tamén lle dixera que en Cortegada os amorodos medraban ás moreas.

Unha noite, despois de fartar de berberechos e cos pelos revendo o ulido do loureiro cocido, o neno díxolles aos seus pais que algún día marcharía da aldea. A nai advertiulle que despois da aldea só había outra aldea e outra e outra e así ata a fin do mundo. O pai mirouno con resignación e paciencia e prometeulle que cando tivese idade suficiente levaríao a traballar con el ao serradoiro onde convertían os carballos en travesas para as vías do tren. Pero o neno ignorou o seu destino e deitouse arrolado polo soño máis fermoso que tivera na súa curta vida e soñou cunha mazá e cunha póla de loureiro.

E pasaron, e pasaron polo menos vinte anos e unha noite un home coa cara afiada e seca saíu dunha casa de pedra á entrada do bosque mentres aínda durmían unha muller, unha meniña acabada de nacer e uns pais anciáns. O luar, profundamente gris, escachaba con breves lampexos contra as follas caídas e secas ao pé das árbores. Parou no alto dunha laxe na que estragara, esvarando por ela coma se por un tobogán, algún pantalón cando era pequeno. Dende alí mirou a casa dos pais onde durmía o que máis amaba no mundo.

Pensou que fora quen de amar, e mesmo fora tan xeneroso que permitira que o amasen, pero aínda seguía sentindo unha fame profunda que se espertaba de cando en vez e que lle impedía entregarse definitivamente e coa sinxeleza que el desexaba. E non, non cumprira o seu soño: o seu gran soño de cando neno esvaecera así que foi consciente das dimensións do mundo e outros paraísos e outros desexos puxaron por ser conquistados e satisfeitos na soidade das noites. Mirou o reloxo e apurou. Cando chegou ao río estaban a esperar por el. Un home berrou: “Cona, tío! Que imos roubar ameixas, que non imos de excursión”. Acomodouse na lancha de poliéster despois de saudar a unha muller que non vira na súa vida e a Chéster, un veciño da aldea que gañara o alcume pola súa afección ao Chesterfield de contrabando. “Que tal, amigho?”, saudáronse e a lancha sucou o río a unha velocidade á que non estaba afeito. Pareceulle que o río nacía detrás do branco ronsel e oíu como os paxaros durmidos nas xunqueiras se levantaban escorrentados polo ruído do motor. Entraron na ría e nalgún momento comezaron a desprazarse en silencio. Pasou un tempo longo antes de que o home da cara afiada vise a illa, unha masa de terra equilibrada como a peixeira cando levaba un caldeiro de cinc en cada man. “Cortegada”, dixo para si e intuíu o primeiro formigo de satisfacción.

Deixárono nunha praia escura do lado norte. A muller pediulle que non fumase dentro da illa, “polos incendios”, insistiu. “Coidámola demasiado tempo como para fodela por culpa dun cigarro”. “Non fumo”, asegurou o home da cara afiada e seca e esperou a despedida de Chéster: “Tamos en contacto polo móbil”. Na praia, e ás escuras, procurou algún carreiro que o levase ao interior da illa, pero non viu ningún. Atravesou as primeiras ringleiras de piñeiros que, como a corocha dunha ferida, protexían a preciosa vida que latexaba alí dentro. Camiñou, coa luar algodoeiro escoando polos cimos das árbores e, de cando en vez, miraba cara atrás para ver as súas propias pegadas pero atopaba o rostro da súa filliña que durmía placidamente. Chegoulle o ulido dos eucaliptos e non tardou en velos á fronte, enormes, inabarcables con tres corpos coma o seu e reparou en que non se oía nada, nin o mar, nin o vento, nin os paxaros. O silencio devolveuno ao leito onde había un par de horas abrazaba á súa muller e preguntouse que facía nun lugar que era exactamente igual á fraga na que nacera: piñeiros, eucaliptos e algún fermoso carballo. Comezaba a ver con nitidez mentres se deixaba guiar polos ulidos, que tampouco lle ofrecían un destino moi claro. A fame rebuliulle no estómago, aquela fame que non era só súa e que ás veces lle facía pensar que todos os seres do universo compartían un enorme estómago común e insaciable. De pronto comezou a sentir un ulido saboroso e familiar, e non tivo que dar moitos pasos ata que o recendo do loureiro o enleou nunha brétema imposible de eludir. Cando se deu conta, estaba no centro mesmo da fraga e tiña os pés húmidos e afundidos na extensa alfombra de hedra que cubría o chan. A hedra era violeta co luar e comezou a volverse de prata coas primeiras raiolas do amencer. Camiñase cara a onde camiñase, os seus pés non deixaban pegada ningunha no chan porque a illa había cen anos que esquecera os zapatos dos seres humanos. Cando o amencer definitivo, gris e mol se apoderou dos recantos da fraga de loureiros el tivo a sensación de que lle chovían troncos ante os ollos atordados, nunha chuvia constante que non sabía se caía do ceo ou agromaba do chan: era unha chuvia de árbores e, entre as árbores, pareceulle que chovían xoubas da cor da prata vella. Entusiasmado por saberse dentro do seu soño infantil, rompía as follas para que o ulido do loureiro o reconstruíse de carne e pel sobre o seu aterecido e fraco esqueleto. Sobre a delgada pero consistente insistencia da fame en manterse viva.

Cando tocaba os troncos das árbores sentíaos esponxados, suaves, lixeiros. Tenros e goros. Só as carrizas podían producir semellantes sensacións. Só a carriza, que cubría troncos mortos e vivos e os agochaba debaixo dun mar verde —que non era líquido senón de sólida, contundente e tenra vexetación— podía engadirlle á brétema lambona do loureiro o recendo acedo da madeira podre. O tacto da vida, a humidade da morte. Estaba alí, por fin. O seu soño infantil deixaba de ser un desexo insatisfeito para converterse, a partir de entón, en puro desexo e con toda a súa intensidade. Permaneceu entre os loureiros o tempo preciso para traer ao seu lado aquela peixeira que podía sacar, unha detrás da outra e do petos do seu mandil, as satisfaccións da fame máis insaciable que sentira cando neno. Un neno fraco, coa cara afiada e seca coma os garabullos cos que a nai prendía o lume. Un ruído de animais distraeuno do recordo e virou a cabeza ata dar cun fato de cabuxas ameazadoras. Decidiu saír da fraga guiado pola luz xa dourada que o sol, case pleno no amencer, deitaba sobre a praia. A illa foi xenerosa con el e amosoulle unha leira tupida de amorodos vermellos sobre un manto de verde novo. E, alén dos amorodos, mostroulle as cumpridas extensións de breixos rosados e violetas. Despois estaba o mar e a ansiedade por regresar á casa.

Sentou na area. Mirou arredor e viu as ruínas dunha capela rodeada por desafiantes espadanas nas que aínda vibraban os restos da floración de primavera. Detrás, un camiño entre valos de pedra cruzaba a aldea abandonada había un século. Nas casas medraban, tamén decididos, vizosos loureiros. Preguntouse cantos soños esquecidos pola xente dentro daqueles cuartos comera cos loureiros que lle adubaron a fame durante anos. Preguntouse que parte do exilio forzoso daquelas terras lle perfumara os desexos febrís da infancia. Viu as maceiras acambadas polas froitas aínda verdes e a memoria, esa estraña costa onde o tempo vai varando refugallos, devolveulle a imaxe da peixeira comendo unha mazá vermella na beleza incuestionable dunha mañá na aldea. Os chíos dunha gaivota sobre a ría lembráronlle que deixara o teléfono móbil enriba da mesiña de noite e temeu que Chéster espertase á súa muller e que a súa muller estivese preocupada.

Sentado na praia preocupouse pola imposibilidade de saír da illa sen que alguén o recollese, pero soubo que era feliz, moderadamente feliz. Moderadamente saciado. Ocorréuselle que algún día a súa filla había sentir a mesma angustiosa fame e, daquela, volveu ao bosque para encher os petos dos pantalóns con follas de loureiro e mazás. E oíu, como se acontecese alí naquel preciso momento, o son redondo da buguina da peixeira, o primeiro asomo irrecoñecible de felicidade.

Foto de  Anxos Sumai

Anxos Sumai

"Nacín co Ulla e a Arousa aos meus pés, pendurada na aba dun monte dende onde albisquei o mundo enteiro dunha infancia máis ou menos feliz. Entre o mar e a terra. Entre o lentor das cortes das vacas, o son continuo das legoñas a abrir gabias, o recendo a brea das gamelas (...)". Así falaba da súa orixe en Catoira a escritora e bibliotecaria Anxos Sumai na escolma de artigos /Anxos ou Diaños?. /Tamén publicou /Anxos de garda/ e /Melodía de días usados/.

Galería

Foto do monte de Cortegada Foto do monte de Cortegada Foto do monte de Cortegada Foto do monte de Cortegada Foto do monte de Cortegada Foto do monte de Cortegada Foto do monte de Cortegada Foto do monte de Cortegada

Localización

Mapa de localizacións

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:




Este espazo esta patrocinado por:
Consellaria de Cultura e Deporte Consellaria do Medio rural