Vieiros

Vieiros de meu (ou rexistrate)

Eleccións Galiza 2009

ir á portada do especial

Os candidatos á presidencia

A cara e cruz de Feijoo

A cara por
Suso de Toro


Non naceu para ser do PP


Para ter éxito en calquera profisión conta moito o tempo que transcorre, en condicións normais un vai asentándose ou progresando conforme vai transcorrendo o tempo. Na política conta iso, naturalmente, mais tamén inflúe decisivamente a ocasión, a política está chea de ocasións, unhas favorabeis e outras adversas. Igual que os toureiros teñen que lidiar o boi que lle sae ao “ruedo”, tamén os políticos teñen que lidiar a ocasión que lles sae. Quen proporciona as ocasións ahí é a historia, os avatares da sociedade.

       A Alberto Núñez Feijóo correspondeulle unha mala ocasión, cando contaba con ser o herdeiro do vello petrucio Fraga pois outra xente entrou no pazo, ocupouno e botouno a el e a toda a súa familia política fóra. Ficou sen o herdo prometido e agardado. A sensación de inxustiza e de rabia por forza debeu ser moi grande, para xulgar o seu comportamento estes anos pasados na oposición hai que ter en conta isto, e dese modo pode aprezarse que Núñez Feijóo é correoso e aguantou o tipo nunha situación tan adversa.

      Alberto Núñez Feijóo é o candidato do Partido Popular de Galicia, e de seguro que ten unha identificación coas siglas total, con todo é un home novo e do seu tempo, moderno. Non naceu para ser do PP, de feito podería ter acabado noutra formación, podería ter sido un político socialista ou mesmo estar cos nacionalistas nestes últimos tempos. Iso si, é un político vocacional, podería terse ido definindo doutro modo distinto ao ideario do PP, mais tería estado igualmente en política e ocupando cargos públicos ademáis. O seu mundo é a administración, e verdadeiramente é un político preparado para presidir calquera cousa, pois foi presidente do Insalud, director xeral de Correos e Telégrafos, conselleiro de Política Territorial e finalmente Vicepresidente... Só lle falta ocupar a Presidencia. E  case parece corresponderlle a el se considerásemos que a política é unha pura carreira administrativa. Se non houbese eleccións e partidos que logo fan pactos.

     Núñez Feijóo, un home novo e preparado, é un activo desta sociedade, e desde o punto de vista humano case podemos dicir que merece mellor sorte, unha mellor ocasión. Pois a batalla que ten diante é moi dura e afróntaa nunha posición moi desfavorábel, case desesperada. Non é imposíbel que obteña a maioría absoluta que precisa para gobernar, mais é altamente improbábel. Dar unha batalla con enteireza sabendo isto demostra unha talla política que lle hai que recoñecer. Máis aínda sen un partido unido, liderado e con poder detrás. Ten ao seu favor, a nosa desgracia: a crise que é real e inmanexábel para quen ocupe os gobernos.
    É un político ben máis capaz que a media e que cargos maís altos no seu partido. Outra cousa é que discrepemos e lamentemos profundamente algúns posicionamentos que estea a adoptar nestes anos, seguindo a liña da dirección da Calle Génova e toques de aguillada que lle da desde atrás a señora Porro. Mais, e logo quen non ten algún defectiño?

A cruz por
Perfecto Conde


O pior

Persoalmente ata me cae moi ben Núñez Feijóo, pero vaia troll que nos saíu o rapaz. Con esa cara mansiña que pon foi trasvestíndose de Rosa Díez e agora calquera adiviña a samba que acabará bailando con Pedro Arias. Menos mal que ninguén lles deu licenza para matar ilusións galeguistas, a pesar de que se disfracen de 009, porque ao fillo póstumo de Castelao, Avelino Pousa Antelo, podían acabar dándolle un susto.

Por desgraza, a dereita galega nunca foi nin vai camiño de ser abondo sensíbel co verdadeiro ser de Galicia. Manuel Fraga tentou un proceso de creación de identitade á súa maneira (grazas, Anne-Marie Thiesse) que só servíu para botar da erótica do poder a Xosé Cuíña e para poñer a Xosé Luís Baltar contra as cordas (de Cacharro xa ninguén se lembra). E digo por desgraza porque eu son dos que pensamos que, xa que unha boa parte da nosa xente parece pasalo ben coa idea conservadora da vida, seguramente esa parte e o resto dos galegos poderiamos pasalo mellor se esa dereita fose un pouco máis avanzada e consciente de que ou miramos polo noso ou seguiremos sendo a pobre “región” que non para de botarnos a andar polo mundo adiante.

En vista, por exemplo, dos últimos “cortejos” do candidato do PP con esa paranoica Galicia Bilingüe que só ve xigantes onde a penas hai muíños de vento (non vai con segundas), ningún perigo corre xente coma min de rematar votando a Sarkossy, como acabaron facendo parte dos meus ex camaradas franceses, por moito que o espido Pedro Arias queira abrir unha corrente por ese lado. Imaxina alguén o que sería unha Consellería de Educación rexentada por Corina Porro derogando a lei de política lingüística que deixou aprobar Fraga? Ou a Pedro Arias substituíndo a Xosé Ramón Fernández e resucitando en Galicia a Milton Friedman?

Coido que a Feijóo en Galicia vaille que nin pintado o papel da oposición. Está demostrando ser un un experto agit-prop. Só precisaría que houbese un Interviú da primeira época, en vez da domesticada prensa que ateiga os quiscos galegos, para conseguir converterse no Lenin da dereita. E conste que non teño nada en contra. Paréceme extraordinariamente interesante que haxa quen tire pedras ao estanque de augas podres do parque da política.

Con todo, o pior é o pior. E o pior sería que volvese unha dereita que só quere entender a unha parte dos galegos, por moi ampla que sexa.

Os programas

Administración pública: inercias e urxencias dun xigante

Os principais grupos políticos teñen a convicción da necesidade dunha nova lei de función pública, malia que difiren na concreción. No medio, o PP pretende suprimir para os funcionarios a obrigatoriedade de coñecer o galego.