Vieiros

Vieiros de meu (ou rexistrate)

Eleccións Galiza 2009

ir á portada do especial

Os candidatos á presidencia

A cara e cruz de Touriño

A cara por
Suso de Toro


O desafío de abrirlle as costuras ao traxe que deixou Fraga


Non sabemos se o neno Emilio soñou algunha vez con redimir aquela Galiza do tempo da súa infancia. Non sabemos se o mozo Emilio  soñou con que a Galiza podía ter un goberno propio e soñou presidilo. Era ben que así fose, porque a Galiza é un ser que vive na historia e que precisa soñadores, non lle debera ser dada a presidencia a que non queira dalgunha maneira a este país precisado de cariño.


   O que si sabemos é que foi Presidente do goberno galego estes catro anos e que moitos galegos sentimos verdadeiro alivio de velo aí, e non só nos fixo pasar vergoña senón que interpretou o cargo con dignidade. Esta lexislatura non foi doada para ninguén, non o foi para Alberto Núñez Feixóo, que tivo que encaixar nun papel que non tiña previsto, non o foi para Anxo Quintana que tiña que encher por primeira vez o traxe de gobernante a un nacionalista e non o foi para Emilio Pérez Touriño, que tivo que abrirlle as costuras ao traxe de presidente que deixara no armario Manuel Fraga.

   Houbo quen desde o principio lle negaba a Touriño lexitimidade para sentar nesa cadeira aducindo unha suposta falta de carácter. Era un erro evidente, alguén que aturou a situación interna no PSdG tendo a Paco Vázquez dentro e apoiado fóra non era alguén débil, máis ben demostraba dureza. E un rasgo de carácter lle axudou a conservar o tipo tanto nas situacións de dificultade anteriores como agora na presidencia, garda a compostura cando actúa ante os demais, cousa que agradece a cidadanía que viu nel un home que representaba control e compostura. Que pareceu sentirse cómodo encarnando a institución.

    O que ninguén lle negaba era capacidade de xestión, pois por primeira vez ocupaba a Presidencia un economista que ademais coñecía a economía galega e que ocupara antes un cargo de Dircctor Xeral nun ministerio de transportes. Verdade é que a política daquel ministerio non fora boa para Galiza, mais ese paso por un ministerio retrata a un universitario que coñece a administración por dentro e non se limita ás aulas  universitarias.

         Hai un rasgo importante na historia personal de Pérez Touriño o seu ingreso no PCG na clandestinidade, é unha proba de que  o moven conviccións firmes, iso descarta que sexa un oportunista.

      Aquela militancia no PCG antes de ingresar no PSdG a principios dos oitenta tamén conformou a súa formación política. O PCG pretendeu un achegamento desde a súa fundación ao galeguismo, disputou unha dura loita ideolóxica coa UPG e perdeu. A militancia do PCG interiorizou un rexeitamento ao nacionalismo e a displicencia sobre o galeguismo en xeral como algo alleo. Con todo, Touriño logo de vencer as posicións de Vázquez na súa organización, conseguiu asentar ao PSdG no aceptamento da autonomía galega e un certo discurso galeguista.

      ¿Se foi un presidente que dá a talla e no que se pode ver esta sociedade? Iso hao xulgar a cidadanía.

A cruz por
Perfecto Conde


O menos malo
 

Deixando aparte que para o que sería bo que seguise mandando Touriño sería para que algún neofilógo se animase a escribir un sesudo tratado sobre ese idioma, ás veces indescifrábel, que fala el, o touriñés, non acabo de ver que vantaxes pode ter un candidato que ultimamente nos soprendeu a todos pola súa inesperada vocación de príncipe de Mónaco.



En época de vacas que non dan leite, deulle por muxir os estipendios públicos comprando coches blindados de luxo máis caros que os de Obama, mesas con elípsis de miles de euros, cadeiras “clásico contemporáneas” e tecnoloxía desa que que seguramente non vai servir de moito para que Fenosa non nos siga deixando sen luz nin para que os parados se vexan cada vez máis acompañados por outros desocupados do dereito a levar algo de caldo e pan cada día ás súas casas.

Non digo que represente unha decepción total, pero algo lle debeu pasar a este home para que, en vez de ser o noso Zapatero que tanto precisabamos del para recuperármonos da resaca de Fraga, lle entrase tan axiña o andacio da soberbia e da distancia política das cousas que verdadeiramente acontecen na rúa. Parece como se o candidato socialista perdese de súpeto a noción do tempo e do espazo no que vive e no que gobernou durante os últimos catro anos. Non hai máis que ver a cara que pon cando o retratan co presidente de Citroën, con Xosé Luis Méndez ou con calquera outro amo dos últimos destinos económicos de Galicia, incluída a Fenosa que agora é menos nosa aínda do que foi antes.

Touriño herdou de Fraga a magalomanía palaciana, unha total ausencia de humildade persoal e a funesta manía de pensar que detrás deles só pode virnos o abismo, triple condición que o deshabilita totalmente para emular o novo presidente norteamericano como ás veces parece que pretende. A min a verdade é que xa me da risa vérllelo cú aos autobuses que pasan por Bertamiráns co seu rostro a carón dun gran letreiro que pon “Presidente”, pero contemplar o mesmo espectáculo nos “colectivos” de Buenos Aires faime pensar na gargallada que pode botar Cristina Kirchner, se é que os ve.

Ou sexa, que non lle dou máis opción de votalo que a que lle puidese corresponder por menos malo.

Os programas

Administración pública: inercias e urxencias dun xigante

Os principais grupos políticos teñen a convicción da necesidade dunha nova lei de función pública, malia que difiren na concreción. No medio, o PP pretende suprimir para os funcionarios a obrigatoriedade de coñecer o galego.