Vieiros

Vieiros de meu (ou rexistrate)

Eleccións Galiza 2009

ir á portada do especial

Tag: directopsoe

1/Marzo/2009 / Ao vivo dende o cuartel xeral do PSdeG

Emilio Pérez Touriño: "Só podo recoñecer a vitoria do Partido Popular"

Durante a comparecencia, arrodeado de fotógrafos e compañeiros de partido

As caras aquelas que había ao comezo desapareceron por completo. Os ollos vermellos, os beizos xuntos e as facianas baixas percorrían os corredores, acompañando a Touriño cara o soto, onde estaba preparada a súa comparecencia. O líder dos socialistas galegos entrou na sala, acompañado do primeira plana do partido -Ricardo Varela, Mar Barcón, Sánchez Bugallo, Ismael Rego, Leiceaga, María Xosé Caride...-, alén da ministra de Agricultura, Elena Espinosa. Arrodeárono, facendo coma un abano, e Touriño achegouse ao micrófono para felicitar ao Partido Popular pola súa vitoria. "Recoñecemos a vitoria do PP, a vitoria da democracia, do talante e da participación", recalcou Touriño, tras agradecerlle o apoio recibido aos militantes e simpatizantes dun partido que segue sendo "traballador e de esquerdas". Saíu entre apertas e ollos nublados. Logo os militantes abrazáronse entre si, e acompañaron o seu líder escadas arriba, outra vez cara o piso non sei cantos no que estivo seguindo, en todo momento, os resultados.

Touriño prometeu unha avaliación máis ampla dos resultados, xa que esta segunda feira o partido desenvolverá unha xuntanza para valorar o acontecido neste domingo no que perderon os seus asentos na Xunta.


1/Marzo/2009 / Ao vivo dende o cuartel xeral do PSdeG

"A cara hai que mantela"

Coa metade dos votos escrutados, parece que o PPdeG mantén a maioría absoluta que lle daban os primeiros datos da tarde. "Isto vai ser longo, parece que a cousa vai ser complicada", sinalan os xornalistas. En canto aos militantes, os de altos cargos desapareceron dos corredores, supoñemos que para fuxir de facer valoracións aos medios que os seguen. Entre a xente que aínda permanece ante os televisores hai caras longas e serias. Atenden, cada vez máis, aos datos que van aparecendo na pantalla. Un compañeiro de partido dille a unha moza, "Veña, muller, a cara de contenta que tiñas antes onde vai? A cara hai que mantela!".


1/Marzo/2009 / Ao vivo dende o cuartel xeral do PSdeG

A importancia do voto da diáspora

Os resultados provisionais apuntan a unha maioría absoluta do PPdeG, con 40 escanos. Danlle 24 ao PSdeG e 11 ao BNG. Terra Galega perdeu o escano que antes abraiaba os xornalistas, e de quinta forza sitúase UpyD. Fálase da importancia do voto da diáspora, lembrando que hai catro anos as sacas puxeron a socialistas e nacionalistas directamente en San Caetano.


1/Marzo/2009 / Ao vivo dende o cuartel xeral do PSdeG

A participación dá tranquilidade

Os xornalistas asómbranse dos primeiros escrutinios que lle dan un escano a Terra Galega, e a maioría absolutísima ao PPdeG (40 escanos). Escoitamos frases varias: "Hala, Xoán Gato senta no Parlamento, non me queda nada por ver!", "É moi serio isto... Estou arrepiada". Na televisión describen o ambiente que se vive no seo do PSdeG como de "extrema cautela". Esa sensación deu na comparecencia Varela, hai nada, aínda que el quería amosar as "boas palpitacións" que dixo sentían, baseándose nos datos da boa participación. Durante toda a campaña cansaron indo de mitin en mitin, no seu particular combate á abstención, e agora os primeiros resultados mancan, aínda que non se exteriorice.


1/Marzo/2009 / Ao vivo dende o cuartel xeral do PSdeG

Ricardo Varela: "Temos boas vibracións"

O secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda aparece na televisión, e a xente de prensa do PSdeG avisa: en dous minutos, comparecencia. Despois de andar ás carreiras (a sala das comperecencias é no baixo, a sala de prensa no segundo piso, esculturas, escadas cubertas de veludo vermello e varios grupiños de socialistas polo medio), chegamos e collemos bo sitio, que case non hai ninguén. Comparece o vicesecretario xeral do PSdeG, Ricardo Varela, na enorme sala ateigada de cámaras, baleira de xornalistas con cadernos. Sinala que teñen "boas vibracións, boas palpitacións" aínda que di non poder adiantar nada, até que teñan datos reais. Arestora as enquisas a pé de urna danlle 36-38 escanos ao PPdeG, entre 25 e 27 ao PSdeG, e entre 11 e 13 ao BNG. A cousa non é para dar chimpos de alegría, pero Varela non para de sorrir. "Aínda non hai resultados, e non podemos concretar nada, nestas enquisas non nos podemos basear. O que vale é o reconto das urnas. Volveremos valorar os resultados cando haxa datos reais, cando haxa unha porcentaxe suficiente de reconto". Varela despídese cun "até dentro dun ratiño", e sae escoltado polos seus xefes de prensa, sen dicir ren.


1/Marzo/2009 / Ao vivo dende o cuartel xeral do PSdeG

Agardando a Varela

Hai escasamente uns segundos chegou o candidato do PSdeG á presidencia do Goberno, Emilio Pérez Touriño, a este hotel, onde seguirá o escrutinio. Poucos minutos despois das 20:00 horas o vicesecretario xeral do PSdeG Ricardo Varela fará unha pequena valoración sobre as enquisas a pé de urna, e posteriormente baixará Touriño -que debe andar alén do décimo andar, neste hotel- facer a súa valoración, cando estean escrutados o cento por cento dos votos.


1/Marzo/2009 / Ao vivo dende o cuartel xeral do PSdeG

"Non vai tan mal como pensábamos, non"?

Manuel Ameijeiras e Sánchez Bugallo, entre algúns militantes do PSdeG, seguindo os resultados na televisión

Fóra, nos corredores do hotel e no bar hai grupiños formados por militantes socialistas e altos cargos. Os xornalistas preguntan por Touriño, pero as persoas de comunicación do PSdeG contradinse. Uns pensan que xa anda por aquí, outros que ha chegar sobre as 20:00 horas. Os petiscos acabáronse, e a cara de chafados de algúns contrapóñense ás dos militantes socialistas, que percorren sorrindo os corredores do hotel. Feijoo sae na televisión, arrodeado de micrófonos, logo sucédense as imaxes de Touriño, Quintana e o propio Feijoo votando, pero non oímos nada, porque os da tele mandan, e manexan eles os volumes dos aparatos para faceren os directos sen interferencias. Aínda que fóra hai furgonetas aparcadas de moitos medios, entre eles varios de Madrid, como Cuatro ou La Sexta, dentro da sala só permanecen a Galega e Localia. "Non vai tan mal como pensábamos, non"?, pregúntalle un xornalista da Ser a unha compañeira de El País.


1/Marzo/2009 / Ao vivo dende o cuartel xeral do PSdeG

Ambiente optimista e altos cargos por todos os currunchos

Chegamos á sala habilitada para os xornalistas este ano polo PSdeG, no Hotel Porta do Camiño, en Compostela. Con Rex, o can policía, na Galega, e nunha outra pantalla a carón as imaxes de campaña de Touriño, estamos nunha sala máis grande que a que tiñan habilitada para a prensa o ano pasado, pero os petiscos -o que realmente localizamos ao chegar, antes que a sala esta-, son un bocado máis escasos. O ambiente: de optimismo, bromas e risos. Hai na sala unha vintena de xornalistas, que uns poucos candidatos socialistas se achegaron a saudar. Entre eles, Xosé Manuel Lage Tuñas, que é dos que máis rin.


1/Marzo/2009 / A noite en vivo

Vieiros informa en directo desde a sede do PSdeG

Desde o Hotel Porta do Camiño


Os programas

Administración pública: inercias e urxencias dun xigante

Os principais grupos políticos teñen a convicción da necesidade dunha nova lei de función pública, malia que difiren na concreción. No medio, o PP pretende suprimir para os funcionarios a obrigatoriedade de coñecer o galego.