Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
25 DE ABRIL

O día da liberdade

"Terra da fraternidade/Grândola, vila morena/Em cada rosto igualdade/O povo é quem mais ordena". A liberdade e a paz abrollaron en Portugal hai trinta anos cando ao compás da música do Zeca Afonso, os militares botaban abaixo a longa ditadura que afogaba o país.

- 09:24 20/04/2004
Tags:

Celeste Martins, vendedora de flores en Lisboa e simpatizante do Partido Comunista portugués ía coma cada mañá ao seu posto de traballo nunha tenda de flores, mais ese día estaba pechada. Cun ramo de cravos marchou cara a praza do Carmo, onde un soldado lle pediu tabaco. No canto dun cigarro, Celeste deulle un cravo, que o mozo puxo na boca do fusil. A idea foi de seguido imitada por máis xente, que agasallaba aos militares con esta flor. Logo, un meniño estirouse para colocarlle un cravo na punta da escopeta a un centinela ofrecéndolle fotografía ao movemento. As anécdotas viraron en símbolo que pasaría á historia para definir a que se deu en chamar a ‘revolución romántica’ que tería en "A poesía está nas rúas", un dos seus lemas.

Era un símbolo xeitoso para a conquista portuguesa da democracia logo de 48 anos de ditadura: a primeira vez na historia que un rexime militar caía derrotado polo seu propio exército coa intención de establecer un goberno democrático. Ao tempo, un exemplo de pacifismo paradoxalmente protagonizado nos seus principais papeis por soldados.

Con bases no fascismo italiano, Antonio de Oliveira Salazar fundou o seu rexime ditatorial en 1932 e mantívose no poder ata os anos 60, cando asome o poder o ex ministro das colonias Marcelo Caetano. Investindo a maior porcentaxe dos seus recursos en manter un poder colonial insostíbel, cunha sociedade portuguesa cansa de ver morrer aos seus mozos, arredor dun millón, en conflitos tan alleos á súa terra, sometidos a un servizo militar de catro anos, nun contexto económico de estrema pobreza, con niveis de vida apenas pouco maiores que o das colonias africanas, con porcentaxes de analfabetismo de ata o 40%... o descontento atopará no exército o catalizador decisivo para virar o rumbo da historia un 25 de abril de 1974.


0/5 (0 votos)