Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
FESTIVAL DE CINEMA DE DONOSTIA

Aquí un amigo

Woody Allen é xa un home fóra de calquera clasificación: deixou de ser un cineasta sen máis para se transformar nun amigo co que nos atopamos ano tras ano e que nos manifesta sempre unhas mesmas obsesións. Hoxe deunos novas probas do seu talento aparentemente inesgotábel coa proxección de 'Melinda e Melinda', a súa mellor película dos últimos anos. Crónica da inauguración do Festival de Cinema de Donostia, por Martin Pawley.

- 20:11 18/09/2004
Tags:

"Nunca tes medo cando escribes un guión. Sempre estás convencido de que todo é perfeito, de estar facendo historia... Cando empezas a montar o filme é cando che entra o pánico. Sempre empezas con moita confianza en ti mesmo, pero ver os resultados acaba sendo como tomar unha ducha fría".

Custa crer que quen di estas palabras, quen segue amosando unha insólita desconfianza cara ao seu propio traballo, sexa un dos directores máis grandes da historia. En 'Melinda e Melinda' Woody Allen xoga coas convencións dos xéneros, armando dúas historias que avanzan en paralelo e con múltiples elementos comúns pero contadas en tons ben diferentes: o cómico e o dramático. As dúas nacen a partir dunha mesma anécdota case intranscendente e na súa respectiva evolución van repetíndose certas situacións e escenarios, aínda que os seus resultados non sexan precisamente idénticos. No centro delas, as Melindas do título ás que dá vida Rhada Mitchell, unha actriz practicamente descoñecida e que resolve con excepcional acerto o seu complexo cometido.

Woody móvese coa súa habitual desenvoltura nos dous xéneros, proporcionándonos momentos hilarantes case sempre a cargo dun estrañamente inspirado Will Ferrell, pero tamén secuencias de especial dramatismo que hai anos que non asomaban polo seu cine. A súa obra, tan lúcida e brillante como cabía agardar, achega unha fermosa reflexión sobre a capacidade de enfocar uns feitos desde perspectivas opostas, trátese do escepticismo que nos conduce a velo todo con humor ou ben do sentido tráxico da vida que nos leva a crer imposíbeis os finais felices. "A vida é basicamente triste", apuntou na roda de prensa posterior, "e nela aparecen de vez en cando pequenos illotes de comedia". A percepción que Allen ten do mundo actual é "tráxica ou extremadamente tráxica", e con esa mesma palabra, "traxedia", expresou o que para el suporía a reelección de George W. Bush como presidente dos Estados Unidos nos comicios do próximo mes de novembro.

Honrado e feliz por estar en Donostia e recoller hoxe o premio honorífico que lle concede o festival, Woody arrancou aplausos na sala de prensa cos seus golpes de humor. No momento en que Amanda Peet dixo que ·todas as mulleres querían estar con homes que as fagan rir", Allen replicou que "iso era o que dicían en público". Entregado ao permanente exercicio de restarse importancia a si mesmo e á súa filmografía, non dubidou en afirmar que elixira o nome da protagonista, 'Melinda', pola sinxela razón de ser "fácil de teclear". Para el, manter ese ritmo dunha película por ano non supón un grande esforzo: "Teño moitas ideas, e simplemente quero rodalas antes de morrer". De entre todas as súas nesta etapa da súa vida di preferir 'Husbands and wives', que considera a máis perfeita e mellor executada. "Normalmente teño moi boas ideas, pero logo arruínoas ao convertelas en películas". Así fala o autor de 'Manhattan' e de 'Todos din I love you', de 'Annie Hall' e de 'Delitos e faltas'. E por unha vez, por unha soa vez, eu teño que disentir con el por completo.


Ligazóns

0/5 (0 votos)