Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
ROSALÍA SEGUE INFLUÍNDO SOBRE AS ESCRITORAS DE GALIZA

Dolores Vilavedra prologa a chegada definitiva das narradoras á literatura galega

Por que non hai (ou hai poucas) narradoras na literatura galega? Por que abundan, en cambio, as poetas? Por que, no terreo da prosa, as mulleres preferiron cultivar a literatura infantil e xuvenil? Estas, e aínda máis, son preguntas que calquera lector atento pode facerse. Ao abeiro delas, Dolores Vilavedra, o pasado mércores 15, invitada polo Centre Dona i Literatura da Universitat de Barcelona, trazou un percorrido pola historia das narradoras galegas e describiu o escenario no que comezan a agromar as novas promesas do xénero, que se reparten entre a renuncia aos modelos inmediatos e a reconstrución persoal dunha literatura vencellada ao compromiso feminista. Por Isaac Lourido Hermida.

- 11:25 18/12/2004
Tags:

A profesora da Universidade de Santiago de Compostela comezou referíndose á influencia que aínda exerce a figura de Rosalía sobre as mulleres escritoras de Galiza, nun dobre sentido: o afastamento dos xéneros narrativos, cultivados con menor éxito pola "nai" da literatura galega, e a atracción que segue desprendendo a súa poesía. A percepción de que a novela é o xénero máis apropiado para pulsar a realidade, e dar conta do seu dinamismo, provocou, segundo Vilavedra, unha sensación nas mulleres de que tiñan pouco que contar, debido á súa marxinación da vida pública. A única excepción a esta tendencia atópase na literatura infantil e xuvenil, practicada dabondo por autoras como Ana María Fernández ou Fina Casalderrey, e na que, debido ao seu vencello co mundo do ensino, no que é maioría o sector feminino, atopou a narrativa de mulleres un importante campo de acción.

No seu repaso, a invitada agrupou as novelistas galegas das décadas pasadas en dous grandes grupos. O primeiro acolle ás autoras que, logo de publicar unha soa obra narrativa, abandonaron o xénero ou mesmo a carreira literaria, e renunciaron á proxección social que a figura do novelista comezaba a cobrar xa desde os 70 (o exemplo máis significativo é o de Xohana Torres e a súa novela Adiós María, de 1971). O segundo grupo fórmano aquelas mulleres vencelladas ao movemento feminista, e dentro del convén facer distincións. Escritoras como Marina Mayoral continúan unha concepción tradicional da literatura escrita por mulleres, que se refuxia no sentimentalismo e na intimidade. Afastada deste camiño, e como representante dunha literatura fortemente condicionada pola defensa dunhas teses feministas sobrancea o nome de María Xosé Queizán, cunha obra ampla e variada. Nesta mesma senda, pero con matices moi particulares en cada caso, Vilavedra inscribiu a María Xosé Porteiro e a Marilar Aleixandre.

Deste xeito, por fin, chégase ao periodo actual, do que se apuntaron varios trazos certeiros. En primeiro lugar, a existencia dun novo grupo de narradoras moi novas, que declaran publicamente ter superados os condicionamentos sociais que influían na escrita das súas predecesoras, que renegan por tanto de calquera xenealoxía literaria e que non senten como propios os escasos modelos aos que poderían atender. Como causas de tan radical e audaz toma de postura indicáronse a súa propia xuventude, a sensación de sentirse protagonistas exitosas dun sistema literario que as reclama ou a súa escasa experiencia máis alá do mundo educativo e académico (fóra do cal si poderían sentirse marxinadas). Na liña sinalada ("afeminista") cómpre citar os nomes de Anxos Sumai (Anxos de garda, 2003), Rosa Aneiros (Resistencia, 2002) e sobre todo Inma López Silva, cuxa novela Concubinas, Premio Xerais en 2002, foi destacado como exemplo de novela posmoderna, na que o fantástico se convirte en elemento subversivo.

Aínda así, tamén xorden autoras que non renuncian a unha literatura feminista "forte", de ideas que alcanzan a propia obra, tales como Beatriz Dacosta (Contrato temporal, 2004), Pilar Buela (Ácaros verdes, 2004, novela que reconstrúe os últimos días do III Reich desde o punto de vista de Eva Braun e a muller de Goebbles) ou a todavía inédita e gañadora do último Premio Lueiro Rey, Teresa Moure (A xeira das árbores). Con todas elas, e coas anteriores, comeza a saciar con ansia a literatura galega unha fame atrasada de contestar preguntas.




0/5 (0 votos)