Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barbanza

Edición xestionada por Adolfo Muíños
RSS de Barbanza
SER CRISTIÁN, SER GALEGO

Paco de Aguiño: o primeiro cura que misou en galego

Promovido por Galiza Nova e máis polo BNG da Barbanza, tivo lugar, o 14 e 15 de Xaneiro unha homenaxe a Paco Lorenzo Mariño, Cura de Aguiño. Neses días desenvolvéronse unha serie de actos para lembrar, no seu primeiro cabodano, a memoria do que fora cura da parroquia ribeirán perante máis de 40 anos. O seu facho, un ano despois mantense aceso, como demostra a amplísima participación veciñal e de persoas vindas de toda a bisbarra. Unha crónica de Xosé Luís Groveiro.

- 09:24 19/01/2005
Tags:

Coa asistencia de duascentas persoas na meirande parte xoves e veciños de Don Francisco, como era coñecido, desenvolveuse o venres unha mesa redonda que sobre o tema: “Paco de Aguiño e a Igrexa galega” reuniu a persoeiros tan relevantes e amigos do finado como Andrés Torres Queiruga, Francisco Carballo, Xosé Chao Rego e Rubén Aramburu. Todos deixaron patente o compromiso de Paco de Aguiño coa súa Terra e coa súa xente: “A igrexa debe estar cos pobres e os pobres falan galego”, dicía.
Xa o sábado pola mañá, tivo lugar no local parroquial un acto de homenaxe no que participaron a Portavoz Municipal do BNG Dominga Brión, o escritor Manuel Dourado Deira e o Portavoz Nacional do BNG Anxo Quintana. Dominga Brión Lembrou o labor de Don Paco nos primeiros pasos do Nacionalismo en Ribeira coa súa decisiva contribución á creación da Asociación Cultural Tahume e co seu labor de dinamización da actividade social na parroquia. Dominga Brión dixo que “o BNG fai hoxe no Concello e en Galiza a política que a Paco lle gustaba: estar ó lado de xente e traballar polo seu progreso”.

Dúas xovenes promesas das letras galegas: o arousán Xosé Ramón de la Torre e Unai González de Aguiño, adicanronlle sendos poemas a Paco. Pola súa banda, Ruben Aramburu púxolle voz a un texto de D Francisco.

Anxo Quintana rematou as intervencións amosando a súa satisfacción por participar na lembranza da memoria “dun grande e bo home”, “un cura do pobo” que merecía que os galegos loitaran por poñer en practica as ideas polas que Paco loitaba. Quíntana salientou a coraxe amosada polo sacerdote nacionalista en defensa da identidade cultural e política deste país en momentos “difíciles”, razón pola que considera que vería con bos ollos a proposta do BNG de sacar adiante un novo Estatuto de nación para Galiza “sen exclusións”. Cunha ofrenda floral diante do busto que o cura ten no adro da igrexa e o Himno Galego rematou o acto.

Os responsables comarcais do BNG e de Galiza Nova anunciaron no transcurso desta homenaxe a criazón da Asociación Francisco Lorenzo Mariño para que “xuntos todos nós, o pobo de Aguiño e todas as persoas que queiran participar, axuden ao recoñecemento da súa memoria e á preservación da súa obra e dos seus ideais”


0/5 (0 votos)