Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
BARÓMETRO GALEGO 2004

Confírmanse as expectativas de cambio político en Galiza

O PP perdería a maioría absoluta se se celebrasen as eleccións para o parlamento galego neste momento. O informe Barómetro Galego 2004 elaborado polo Equipo de Investigacións Políticas da USC sinala que o PP obtería entre 34 e 35 escanos, o PSdeG-PSOE, entre 23 e 24 e o BNG, 17 deputados. Na presentación do informe, o profesor Xosé Manuel Rivera Otero destacou que o PP "só resiste con valores semellantes a outros anos na provincia de Ourense e que rexistra unha auténtica debacle na provincia da Coruña". Amais, o partido que goberna a Xunta non recibiría transferencias de votos dos electores que votaron a outras forzas políticas en eleccións anteriores.

- 10:06 28/01/2005
Tags:

O PP, a 4 escanos da maioría absoluta
Segundo o Barómetro Galego 2004, de celebrárense as eleccións autonómicas no momento en que se realizou a enquisa (novembro-decemebro de 2004) o PP obtería o 42,17% dos votos, o que suporía a asignación de entre 34 e 35 escanos. O PSdeG-PSOE recibiría o 30,74% dos sufraxios e obtería entre 23 e 24 deputados. O BNG lograría o 23,44% dos votos e 17 escanos. Na actualidade, o parlamento galego está formado por 41 deputados do PP, 17 do BNG e 17 do PSdeG-PSOE. Cos datos do estudo, o PSOE conseguiría os 6 ou 7 escanos que perdería o PP. Os "populares" estarían, por tanto, tres ou catro deputados por debaixo da maioría absoluta.

Os novos votantes: o viveiro do BNG
Máis do 41% dos mozos e mozas que votarán por primeira vez nas próximas eleccións autonómicas farano polo BNG, a formación que colleita máis votos entre a mocidade. Porén, só o 16,7% dos novos electores votaría polo PP e o 20,8% polo PSdeG. Canto ao recordo do voto, o estudo mostra un alto grao de fidelización dos electores galegos. Arredor do 73% dos electores galegos volverían votar ao mesmo partido que apoiaron nas últimas eleccións autonómicas. As diferencias son pouco significativas: os máis fieis, os que lembran ter votado ao PSOE, (75,3%) e os menos os que votaran polo BNG (70,5%).

Debacle no PP na provincia da Coruña, mentres resiste en Ourense
Aínda que a mostra de poboación sobre a que se realizou o estudo non é moi representativa a nivel provincial, segundo advertiron os propios autores, os datos sobre intención directa de voto poden sinalar algunhas tendencias relevantes. En primeiro lugar, o PSdeG (23,22%) supera en intención de voto ao PP (22,40) na provincia da Coruña. O PP retrocede tamén nas provincias de Pontevedra e Lugo, pero mantén as súas expectativas de voto en Ourense (33,99%).

Máis de 2 de cada 10 galegos cre que Fraga pode liderar o futuro de Galiza
A bioloxía non é un atranco para o máis do 22% dos galegos que pensa que Fraga está en condicións de liderar o futuro de Galiza. Con todo, Fraga segue sendo o líder político galego máis coñecido e valorado, cunha nota de 5,07, case 3 décimas máis que a valoración que recibiu no Barómetro de 2003. Touriño gaña case seis puntos en coñecemento (95,9%) en relación co ano pasado e tamén aumenta 4 décimas en valoración (5,01). O coñecemento do novo líder do BNG, Anxo Quintana, experimenta un notábel aumento: do 67,7% da poboación que o coñecía en 2003 ao 84,9% que sabe del en 2004. Tamén aumenta en 3 décimas a valoración do líder nacionalista, que recibe unha nota de 4,9. Os que respoderon ao estudo consideran de feito que Quintana é o político que mellor pode loitar polos intereses dos galegos. Porén, unha maior porcentaxe considera que Touriño é o que mellor pode garantir a prosperidade económica de Galiza e o que pode liderar o futuro do país.

  • Poden descargar aquí os datos do Barómetro Galego 2004


  • 0/5 (0 votos)