Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
AS "COUSAS DE PACO"

O alcalde de Donostia pídelle a Vázquez que demita como presidente da FEMP

As "cousas de Paco" xa non lle fan ningunha graza a algúns significados compañeiros do PSOE. A decisión do alcalde da Coruña de votar en contra no Senado da Lei sobre os matrimonios entre homosexuais, (un voto que, por outra parte, pode resultar decisivo), provocou unha morea de críticas desde as ringleiras do seu propio partido encabezadas polo alcalde de Donostia, Odón Elorza; o secretario de Movementos Sociais do PSOE, Pedro Zerolo e a conselleira andaluza de Benestar, Micaela Navarro. O eloxios viñeron, coma sempre, dos sectores máis reaccionarios da prensa e da política española. Para Fraga, "o xesto de Vázquez merece un aplauso". Mentres tanto, Touriño non se pronuncia.

- 12:08 29/04/2005
Tags:

O alcalde donostiarra, Odón Elorza, suxeriulle a Vázquez que demita como presidente da FEMP, xa que a súa actitude non é "nin adecuada nin representativa". De feito, un dos concelleiros socialistas de Donostia, Ernesto Gasco, un dos primeiros en facer pública a súa homosexualidade, dixo que non quería que o alcalde da Coruña "cambie as súas opinións persoais" pero considerou que "non debe esquecer que foi elixido como presidente da FEMP polos votos das forzas progresitas e de esquerdas deste país". Micaela Navarro aconselloulle a Vázquez, que se ten problemas de conciencia, o día da votación no Senado non vaia pola cámara "como fai na maioría das ocasións". Zerolo foi aínda máis alá. Díxolle a Vázquez que "atenda a loita dos homes e das mulleres socialistas durante 125 anos por riba das súas crenzas relixiosas particulares e que antepoña o seu compromiso ideolóxico coa liberdade e a igualdade de todos".

Mentres tanto, Vázquez cre que a polémica sobre a lei, que el mesmo alimenta, é unha proba de que "debeu haber máis calma, tranquilidade e diálogo á hora de fixar unha norma que ninguén pon en dúbida, para amparar a liberdade das persoas e formar unións á marxe da súa inclinación sexual". Asegurou tamén que ninguén do seu partido, nin sequera Pérez Rubalcaba, se puxo aínda en contacto con el, o que demostra que o PSOE "se move dentro dun ámbito de liberdade e a miña opinión é coñecida".

Estas "cousas de Paco", como as definira o secretario de Organización Xosé Blanco, procúranlle os eloxios dos seus supostos adversarios políticos, asegúranlle unha presenza constante nos medios máis reaccionarios e ademais funcionan en moitas ocasións como "cortinas de fume" para ocultar os auténticos problemas de xestión da súa cidade.

Desde a teimosía no "L" por riba das sucesivas sentenzas xudiciais até o seu pronunciamento en contra da lei do aborto, pasando por aquelas declaracións en plena crise do Prestige nas que afirmaba que a plataforma Nunca Máis estaba dirixida por "movementos radicais, extremistas e independentistas' que queren sacar proveito da catástrofe, as posturas públicas de Francisco Vázquez son cada vez máis coincidentes coas dos seus principais rivais políticos.


0/5 (0 votos)