Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
G>2005

Xira americana, a quenda da oposición

"Mal pode comprometer futuro para os retornados quen non é capaz de garantir emprego e futuro para os mozos que residen en Galicia", advertiu en Bos Aires o candidato socialista, prometéndolle aos emigrantes "dereitos no canto de esmolas". Na mesma liña, o candidato do BNG saiu este domingo cara á outra beira do Atlántico para garantirlle aos emigrantes galegos "os mesmos dereitos dos que gozan os cidadáns que residen en Galiza".

- 08:07 30/05/2005
Tags:

"Eu nunca ofrecerei en campaña electoral euros a céntimos, non se pode enganar nin crear falsas expectativas", comentou Emilio Pérez Touriño en referencia ás recentes promesas realizadas por Manuel Fraga entre a emigración. Touriño dixo que o cambio na emigración será "substituír favores por dereitos, limosna por xustiza e amiguisimo e clientelismo por transparencia, dignidade e información".

O líder socialista avanzou que no seu primeiro ano de goberno crearía a figura do "Valedor do Emigrante", un representante institucional "que garantirá a defensa dos dereitos fundamentais e as liberdades dos emigrantes" e prometeu a integración plena dos emigrantes retornados, mediante "a creación da Oficina do retorno". Ao respecto, criticou que Fraga prometese en Bos Aires "o que non pode cumplir: a integración preferente dos emigrantes retornados no mercado de traballo", lembrando que a herdanza de Fraga logo de 16 anos de goberno "é volver a converter Galiza nun país de emigración do que cada día teñen que saír 50 mozos en busca de emprego".

Contámoslles tamén que este domingo saiu cara Arxentina e Uruguai o candidato do BNG, Anxo Quintana, acompañado pola candidata número sete pola provincia de Pontevedra e coordenadora do BNG para Europa e América Latina, Ana Miranda, co obxecto de explicar aos galegos no exterior o programa de goberno do Bloque. Quintana será recibido polo vicepresidente da República de Arxentina, Daniel Osvaldo Scioli, e polo presidente da República Oriental de Uruguai, Tabaré Vázquez.

O acto principal do BNG en Arxentina será en Bos Aires, na Federación de Asociacións Galegas onde confirmaron a súa presenza ao acto da formación Adolfo Pérez Esquivel, premio Nobel da Paz, e diferentes representantes de partidos políticos arxentinos, e ONGs como Nais da Praza de Maio.


0/5 (0 votos)