Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
SUMARIO DE XERFA

Josep Pedreira, editor... e escritor "no galego de Cervantes" (e II)

Aínda que quedará para a historia como o infatigable editor e animador de novos poetas, foi tamén escritor en catalán e -o apelido descubríao-, de xeito esporádico, en galego. Logo da súa morte publicáronse algúns dos seus inéditos, tamén dos textos galegos e mais dos galaico-cataláns. Por Helena González.

- 10:11 19/07/2005
Tags:

Como diciamos, case sen apoios saen na colección Ossa Menor medio cento de libros ata o ano 1963. Cando a situación económica foi insostible precisou da axuda do editor Joan B. Cendrós e logo, en 1968, a colección pasaba á Editorial Proa. Porén aquel editor esforzado non se rende e aínda bota a andar a colección "Els llibres de les quatre estacions", que publicaban textos de poesía e ensaio, editou as Antologies poètiques universitàries e formou parte do comité organizador do Festival do Price.

Coa chegada da democracia Pedreira recibiu algunhas distincións pero apenas deixará o seu silencio. Aínda que publica moitos anos despois, en 1985, o devandito poemario Llibre dels verns na colección que el creara e cada canto retoma o labor de prologuista de escritores cataláns como o esperantista Delfí Dalmau ou o escultor Josep Maria Subirachs.

O seu nome quedaba escrito na historia da literatura catalana como o afervoado e afouto editor e mais, como se repite teimosamente nas semblanzas e retallos biobibliográficos, como poeta en dúas linguas, catalán e galego. Ou para sermos máis exactos, nun catalán cheo de emoción galega. Aínda nunha biografía con tantos silencios como a de Pedreira queda claro que, sen dúbida, mantivo unha comprometida relación con Galicia e aínda co núcleo de Galaxia, Basilio Losada mediante. Nunha carta a Fernández del Riego do 01/11/1964, Ramón Piñeiro fai a seguinte indicación:

O poeta catalán, de orixe galego, José Pedreira, quere ser suscritor de Grial, porque coñece algún número. El mesmo escribe algún poema en galego –no galego de Cervantes- e é o director e editor da colección poética Ossa Menor. {F. Fernández del Riego, Un epistolario de Ramón Piñeiro, Galaxia, 2000: 211}

No "galego de Cervantes", é dicir, na fala dese lugar porque Tucende estrema con Cervantes. A información era correcta. Na entrada que redactou para a Gran Enciclopedia Galega, Basilio Losada referiuse a el como poeta en galego inédito, e aínda sinala que un dous seus textos fora premiado na Fiesta Gallega de las Letras organizada polo Centro Galego de Barcelona. Efectivamente eses dous textos reprodúcense no caderno do acto celebrado no Teatro Poliorama o día 18 de xuño de 1950 (pp. 10 e 11).

No seu artigo de 1999 Artur Quintana reproduce anacos inéditos tirados duns mecanoscritos de Pedreira depositados na Institució de les Lletres Catalanes que levaban por título xenérico Els set colors de l’arc, e refírese sobre todo ao que denomina poesía galaico-catalana. Porque esta é unha das características máis rechamantes da súa escrita, a de adubar os seus textos en catalán con palabras e versos en galego coa naturalidade de quen se sitúa nunha encrucillada lingüística, iso que agora tanto valoramos en tempos de mestizaxes culturais. Pouco despois do seu pasamento, no ano 2004, a revista poética Reduccions publicou un feixe de poemas seus, entre eles dous escritos na fala de Cervantes.

Agradezo a Dolores Vilavedra e Chus Lama a súa axuda para atopar unha parte da documentación manexada.

Josep Pedreira
"{Poemes}"
Reduccions. Revista de Poesia 79 | març 2004 | pp. 17 e ss.
Vic | Eumo Editorial

B.L.C. {Basilio Losada Castro}
Pedreira Fernández, José
Gijón | Silverio Cañada Editor | 1974 | vol. 24 | p. 119

Francisco Fernández del Riego
Un epistolario de Ramón Piñeiro.
Vigo | Galaxia | 2000

Foto Fragmento da portada de Soldats catalans a la Roja i Negra sobre un retrato de Josep Pedreira


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: