Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PATRIMONIO INMATERIAL GALEGO-PORTUGUÉS

Fonseca: "A cuestión é por que non se fixo en Galiza o que se puido facer en Portugal"

José María Fonseca considera imprescindíbel aproveitar a singularidade do viño galego e, ao tempo, valerse de todas as sinerxias posíbeis para gañar mercados, o que abre a porta á colaboración con Portugal. O inmaterial, no que atinxe ao viño, substánciase materialmente nun amplo abano de castes nobres que só existen en Galiza e no norte de Portugal. O material -como competir conxuntamente- é outra cousa. Fonseca é presidente do Consello de Administración de Terras Gauda e membro tamén do Consello de Administración de Galaxia e do padroado da Fundación Carlos Casares.

- 10:38 09/11/2005
Tags:

Vieiros: Desde a súa criación en 1990, Terras Gauda traballou na súa proxección internacional ata apontoar a expansión actual, que supera o 100% nos mercados europeos ano a ano. A mercadotecnia en galego funciona ben no caso do viño.
José María Fonseca: Que a estratexia de comunicación sexa en galego, tratándose dun produto galego tan vencellado á terra, é tan natural que nin sequera penso valoralo. O que funciona é o traballo ben feito sobre uns parámetros de calidade, amais da singularidade do viño e a identificación da terra co produto final. Nós nunca deixamos de incrementar o esforzo para manter presenza en todos os mercados.

Existen motivos de peso para incluírmos a tradición vitivinícola de Galicia e Portugal dentro do PIGP. Que tradicións comúns se perderon polo camiño e cales poderiamos rendibilizar?
É moi certo que as simetrías entre Galiza e o norte de Portugal son moi abondosas. Moitas das variedades autóctonas repítense, trebellos, tipos de elaboración, destilados... Iso que vostede chama inmaterial tradúcese materialmente nunha morea de castes nobres que só existen en Galiza e no norte de Portugal: Treixadura (trajadura), Albariño (Alvarinho), Loureiro, Sousón... ou na cultura existente arredor de destilados como as augardentes branca e bagaceira. Pero a tradición vitivinícola é moi semellante en toda a Europa romanizada. A tradición do que en Galiza chamamos loureiros ou furanchos, coa póla de loureiro fóra para anunciar a colleita, existe practicamente en todo o continente. A tonelería e a arxila para gardar os viños, as festas da vendima e o abillado, as diferentes elaboracións dos viños licorosos ou doces...

Enriba está O Rosal, e do outro lado está o alvarinho de Monçao, dentro da demarcación do viño verde de Portugal... Habería xeito de aproveitar as simetrías da tradición vitivinícola de Galiza e Portugal na criación dunha estratéxia conxunta de -por exemplo- comercialización? Coñecen mellor os galegos os viños da D.O. Valdepeñas cós de Portugal?
Esas simetrías existen e son moi aproveitábeis, anque a singularidade é un factor importantísimo no mundo do viño. Moito máis certo é que iso só é ou pode ser un punto de partida; o resto é traballo, e amais debe ser un traballo ben feito, xa que este é un mundo moi competitivo e, cos altísimos custos de produción que hai tanto en Galiza coma no norte de Portugal, só podemos competir en calidade. Ao respecto da outra cuestión, eu penso que os galegos coñecemos mellor os viños de Portugal cós de Valdepeñas. Se tratamos máis os de Valdepeñas, ese é outro problema do que eu, por razóns obvias, non vou falar.

Entre os séculos XVI e XVIII, o nivel de coñecemento do viño do Ribeiro era moi superior ao do Porto. A partir do século XIX, a tendéncia invírtese radicalmente, en parte por culpa da filoxera. Que se fixo en Portugal que non se puido facer en Galiza?
O cambio prodúcese cando Inglaterra, entón o primeiro mercado do mundo, entra en conflito con España, deixa de mercarlle e vén a producir ás ribeiras do Douro, pero xa en moitos casos con compañías propias. Levando, por certo, moita man de obra e cultura do viño de Galiza. En Portugal tamén é decisiva a figura do Marqués de Pombal... Despois a filoxera apontoou este proceso. Sobre o que se fixo en Portugal e non se puido facer en Galiza, eu contéstolle á galega: ¿que se puido facer en Portugal que non se fixo en Galiza?

En Galiza e fóra dela coñécese máis a variedade, o Albariño, que a D.O. Rías Baixas. ¿Poderíase facer un estudio de coñecemento da marca a partir do cal establecer políticas conxuntas que beneficien comercialmente a Galiza e Portugal?
O erro foi non vencellar a produción ao territorio e vencellalo as castes, que se poden plantar en calquera lugar do planeta, anque sexan autóctonas. É evidente que o viño do Rosal soamente se pode producir no Rosal; Albariño pódese producir onde se semente e medre a uva. Anque saia mal, seguirá sendo Albariño. Por iso é imprescindíbel ese factor de singularidade do que falaba. Dito esto, débense aproveitar tódalas sinerxías posíbeis para gañar mercados. Eu direille que moitas veces traballamos conxuntamente con outras adegas que comparten a nosa filosofía e fan outros tipos de viño para aproveitar o amplo espectro que requere un importador determinado. Desde este punto de vista os estudos están moi ben, porque o coñecemento é básico, pero os mellores resultados conséguense mellorando a calidade e traballando arreo en todos os frentes.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: